"No rural estamos a asistir a un abandono do estado de benestar"

Antiga escola unitaria en Rois © Concello de Rois

Hai uns días o colectivo cultural Ollomao presentaba en Lugo a Universidade Rural de Barreiros, unha iniciativa que botará a andar o vindeiro 28 de outubro co obxectivo de achegar á zona rural as ensinanzas de contidos propio do ensino superior e que normamente só chegan ás cidades. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, subliñou daquela que “se cadra é o proxecto cultural e educativo máis importarte dos últimos tempos no rural lucense pola súa clara aposta de democratización da cultura" e animou a outras comarcas a imitar o modelo e a poñer en marcha accións semellantes. Falamos con Tamara Rubiños, do colectivo cultural Ollomao, que estes días traballa nas últimas tarefas pendentes antes de que a universidade abra as súas portas.

Como nace a idea de crear esta Universidade Rural?

A Universidade Rural é unha iniciativa que xorde ante a necesidade de dar resposta a tres situacións que dende o C.C. Ollomao consideramos preocupantes: por unha banda o abandono das escolas rurais, tanto físicamente como en canto ao contido dado que no caso de Barreiros apenas acollen actividade cultural continuada. A necesidade de achegar á poboación rural aqueles coñecementos que polo xeral só se imparten na cidade; e finalmente, ante a necesidade de pór en valor o capital intelectual de preto: as mozas e mozos barreirenses para formarse no ensino superior e/ou universitario deben trasladarse á cidade e é neste mesmo espazo onde están a atopar saídas laborais, traendo esto consecuencias moi negativas para o rural e o desenvolvemento local.

Seguides algún exemplo de universidades rurais en marcha noutros lugares?

Non coñecemos ningunha outra iniciativa semellante máis alá dos bancos de tempo ou o intercambio de saberes populares e oficios tradicionais. En calquera caso, os catálogos de cursos a impartir na UR non seguen esa mesma liña.

"No que se refire ao ensino, estamos a asistir a un abandono do estado de benestar e un abandono dos servizos"

Na vosa opinión as universidades galegas non emprestaron nos últimos anos a atención que deberían ao rural?

Non cremos que se deba responsabilizar ás universidades galegas, en tanto a que son institucións que polo seu carácter público dependen da administración galega. O sistema universitario de Galicia foi configurado en base a un sistema territorial urbano e é dende a súa creación que naqueles espazos do rural non existiron centros de ensino universitario. As persoas que querían e queren formarse na Universidade e residen no rural, deben desprazarse á cidade. Neste sentido, sí se podería dicir que o rural non tén ao seu alcance os mesmos servizos que a cidade, e no que se refire ao ensino, estamos a asistir a un abandono do estado de benestar e un abandono dos servizos.

"Ademais das actividades tradicionais de desenvolvemento rural como son aquelas relacionadas co campo, hai moitas máis alternativas para vivir do e no rural"

De igual xeito, pensades que no rural galego falta formación, mesmo naquelas áreas (ligadas á enxeñeria agrícola, á economía rural, veterinaria...) relacionadas coa súa actividade produtiva?

Probablemente as persoas do rural que viven do campo teñan moitos coñecementos que achegar aos expertos e expertas na materia, dende o punto de vista de que son elas mesmas, as persoas que día tras día han de deseñar o seu propio traballo; e probablemente as persoas especializadas na academia dispoñan doutro tipo de saberes de tipo, por exemplo, máis técnico. Poderíamos pensar que a formación que falta no rural nesta área en concreto se deba máis á necesidade de reciclarse en tecnoloxía, xestión da explotación para facela máis rendible, saber usar os recursos da maneira máis óptima, etc... e tamén coñecer que ademais das actividades tradicionais de desenvolvemento rural como son aquelas relacionadas co campo, hai moitas máis alternativas para vivir do e no rural.

"A cidade está a asistir a unha individualización das persoas que en moitos dos casos cremos que mingua a capacidade de optimización dunha labor"

Hai contidos, cursos, ensinanzas..., que denunciades que nunca chegan ás zonas rurais. Á inversa, que cousas que si están no rural poderían aprender a xente das cidades?

O intercambio ou transferencia de saberes do urbano ao rural e viceversa é perfectamente viable e necesario nas dúas direccións. No caso do espazo urbano xa existen iniciativas como os bancos do tempo ou o ensino de oficios tradicionais. Son iniciativas totalmente necesarias e que permiten achegar á cidade aqueles xeitos de traballar no rural como a artesanía, coñecemento das materias primas, tecnoloxía tradicional, etc... E xunto con esto, a tradición de traballo comunitario tan propia do rural. A cidade está a asistir a unha individualización das persoas que en moitos dos casos cremos que mingua a capacidade de optimización dunha labor.

"Cremos que a Universidade Rural pode ser o xerme para que o alumnado tome un primeiro contacto cunha disciplina e queira especializarse continuando estudos regrados"

Estades de acordo con esa definición que de vós fixo Mario Outeiro, de que a UR supón "a democratización da cultura"?

Estamos de acordo no sentido en que acreditamos no ensino público, universal, gratuíto e en todos os rincóns do país. En calquera caso, a Universidade Rural non xorde como unha alternativa paralela á universidade tradicional, a finalidade non é a capacitación profesional, ao contrario, cremos que a Universidade Rural pode ser o xerme para que o alumnado tome un primeiro contacto cunha disciplina e queira especializarse continuando estudos regrados. Tamén hai que ter en conta que a UR é posta en marcha por un colectivo cultural, unha entidade sen ánimo de lucro que non pode nin quere competir co ensino regrado, partindo xa de que non tén os mesmos recursos. Neste sentido, a UR supón a "democratización" da cultura se entendemos este termo como "a participación de todas e todos" dela e nela, porque o que si supón e facilitar o acceso ao coñecemento independentemente de onde se resida, do capacidade adquisitiva, da idade ou dos estudos que un teña ou non teña feito previamente

"Queremos comezar dous meses para que a xente coñeza a iniciativa e a partir de aí dar pé a que sexan as persoas que participen quen propoñan e soliciten que coñecementos queren aprender"

Comezades pouco a pouco, con esas cinco sementes. Se a cousa vai ben, que tedes en mente? Como vos gustaría que fose a Universidade Rural?

De momento partimos cun proxecto piloto con cinco sementes ideadas de acordo ao que nós cremos que pode interesar e resultar de utilidade para a veciñanza, e pensando no perfil académico e profesional de persoas que veñen colaborando dende sempre con Ollomao e así o van seguir facendo con esta UR. Queremos comezar dous meses para que a xente coñeza a iniciativa e a partir de aí dar pé a que sexan as persoas que participen quen propoñan e soliciten que coñecementos queren aprender. Gustaríanos poder deseñar un curso máis longo, semellante á duración dun curso académico habitual, e con contidos un pouco máis especializados.

Antiga escola unitaria en Rois © Concello de Rois
Logo da Universidade Rural de Barreiros © Colectivo Cultural Ollomao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.