"No urbanismo pasa o mesmo que noutros ámbitos: falta amor polo propio"

Exemplo de maltrato urbanístico © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo

O pasado 19 de marzo entrou en vigor a nova Lei do Solo, que entre outros aspectos busca obrigar a quen constrúa un inmoble a rematalo, tamén no exterior, evitando as edificacións co ladrillo á vista ou con aínda máis elementos pendentes (ás veces presentando unicamente o esqueleto), nunha práctica que vén sendo cualificada de "feísmo" ou "maltrato urbanístico".

"Unha lei non rematará co maltrato urbanístico. Unha lei pode axudar, pero fan falla accións combinadas, unha acción integral na que a educación é fundamental"

No artigo 135 da norma sinálase que "os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán emprender a edificación ou rehabilitación nos termos e prazos establecidos na lexislación vixente. O deber de edificar inclúe o deber dos propietarios de rematar as edificacións para cuxa execución obtiveron a preceptiva licenza". Porén, no seu primeiro mes de aplicación este artigo non xerou efectos, en boa medida porque os encargados de aplicalo (como queda establecido no artigo 136) son os Concellos, reacios a impoñer as sancións previstas (multas de 1000 a 10000 euros, reiterables cada trimestre, que non poderán superar o 75% do custe da construción).

"É moi difícil que os alcaldes poidan aplicar isto, sobre todo nun concello pequeno. Non é xa que non te voten dentro de catro anos, é que te botan antes"

O arquitecto Carlos Fernández Coto, responsable da iniciativa Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo, destaca que "unha lei non rematará co maltrato urbanístico. Unha lei pode axudar, pero fan falla accións combinadas, unha acción integral na que a educación é fundamental". "Hai que ver, ademais, como funcionan as sancións e como se aplican. Somos un pobo bastante rebelde porque non somos un pobo educado e formado na nosa paisaxe, no que é público, no que é de todos", di. Destaca, igualmente, o problema de que "a administración que lexisla non é a administración que ten que aplicar a norma". "É moi difícil que os alcaldes poidan aplicar isto, sobre todo nun concello pequeno. Non é xa que non te voten dentro de catro anos, é que te botan antes", engade. "Hai outras lagoas" -di- "pois impón rematar as casas en tres anos e as que levan sen rematar moito tempo teñen xa as licenzas caducadas e terían que pedir unha licenza nova".

Ademais, en realidade, a norma de 2002 xa incluía a previsión de sancións (de 300 a 6000 euros) para os propietarios de inmobles non rematados. E no seu artigo 104 establecía que "as construcións deberán presentar tódolos parámetros exteriores e cubertas totalmente terminados, con emprego nos mesmos das formas e materiais que menor impacto produzan, así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, os que favorezan en mellor medida a integración no contorno inmediato e na paisaxe". Pero en 13 anos apenas tivo consecuencias. En marzo de 2006 o Goberno galego (PSOE-BNG) remitiu unha circular aos concellos lembrándolles a súa obriga de facer cumprir esta norma. Porén, a indicación -a un ano das eleccións municipais- foi ignorada. A Consellería de Política Territorial lembraba que o 1 de xaneiro de 2006 expirara o prazo de tres anos dado pola Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de 2002 para cumprir coa norma.

"Fáltanos en xeral amor polo noso e fáltanos tamén visión de país. Iso vese no urbanismo pero vese igualmente noutras cousas, por exemplo na lingua"

Fernández Coto cre que detrás deste maltrato urbanístico hai "unha falta de amor polo propio". "Moita xente que non viaxou fóra, se cadra considera normal o que se fai aquí. Pero non parece normal que isto pase en Galicia e non pase en Asturias ou en Portugal", comenta. "Fáltanos en xeral amor polo noso e fáltanos tamén visión de país. Iso vese no urbanismo pero vese igualmente noutras cousas, por exemplo na lingua co uso do castrapo. No mesmo senso, o castrapo é un maltrato, un feismo", destaca.

O arquitecto sinala que a decisión de rematar ou non unha edificación "é máis unha cuestión de prioridades que un tema económico. Se eu teño cartos para facer unha casa de 150 metros cadrados, non fago unha de 300", e que "as prioridades teñen que ver coa educación". "Hai que darlle a volta a isto cun plan estratéxico a 20 anos vista e actuar en todas as patas", subliña.

"É máis unha cuestión de prioridades que un tema económico. Se eu teño cartos para facer unha casa de 150 metros cadrados, non fago unha de 300"

Ademais das accións punitivas, Fernández Coto, destaca a necesidade de incorporar incentivos fiscais (na declaración da renda ou no pagamento do IBI), convocar premios ás boas prácticas, dedicar espazos na televisión a este tema, facer fincapé na formación de toda a poboación e moi especialmente nos actores máis directamente implicados, coma os construtores, e aproveitar todos os instrumentos legais e normativos dos se dispón na actualidade: "hai unha lexislación de inspección técnica de edificios que tampouco se está cumprindo", lembra.

Hai dous anos Fernández Coto presentoulle ao Goberno galego, a través da súa secretaria xeral do Territorio e Urbanismo, un documento con 40 medidas para minimizar o feísmo. Entre as propostas estarían a de presentar, xunto coa solicitude de licenza de edificación, un seguro para asegurar que a casa se remata dentro do prazo; se finalmente non podes facelo, o seguro faríase cargo da obra. Ou a de impoñer sancións para as empresas de gas, auga ou electricidade que dean servizo a edificios non rematados. Destaca, igualmente, que a posta en marcha de accións para completar as edificacións pendentes daría lugar a unha importante bolsa de traballo no sector da construción, que cifra en máis de 15 mil empregos.

 

Aspectos positivos da norma

Hai dous anos Fernández Coto presentoulle ao Goberno galego, a través da súa secretaria xeral do Territorio e Urbanismo, un documento con 40 medidas para minimizar o feísmo

​Aínda que considera que a norma non será eficaz na loita contra o "maltrato urbanístico" que supoñen edificacións sen rematar, Fernández Coto si atopa varios aspectos positivos na lei. "O simple feito de que prohíba as urbanizacións illadas xa é algo bo", comenta, o mesmo que "a simplificación de procedementos ou a reducción de prazos" para poder edificar. "Iso non beneficia só aos grandes promotores, senón tamén aos particulares", di. Tamén considera positiva a figura dos plans básicos autonómicos e municipais, pensados para aqueles concellos de pequeno tamaño, que non son quen de elaborar o seu propio plan urbanístico.

Fernández Coto destaca tamén que se impida edificar nos terreos que sufriron concentración parcelaria, que quedan definidos como solo rústico de especial protección. E, igualmente, ve razoable que se limite a creación de novas instalacións destinadas á produción grandeira nos núcleos rurais, pois poden prexudicar outras actividades ou os usos residenciais no medio rural. Pola contra, critica que se consideren edificacións tradicionais aquelas existentes con anterioridade a 1975, pois esta definición dá entrada a moitas construcións "de ladrillo e aluminio, que en absoluto son tradicionais".

 

Exemplo de maltrato urbanístico © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.