"Non loito polo meu fillo Hadrián, loito por todos os nenos sen atención educativa"

Rolda de prensa de Nieves Villar en Malpica © Anpas Galegas

Nieves Villar segue na loita por unha atención educativa axeitada para o seu fillo e para todos aqueles rapaces que sofren unha doenza que lles impide asistir a clase. O seu fillo Hadrián, de tan só once anos, sofre leucemia -un dos tipos máis graves- e é sometido a sesións de quimioterapia, polo que recibe clases na súa casa a través de atención domiciliaria, pero tan só seis horas semanais, fronte ás 25 horas lectivas que calquera neno da súa idade ten no centro. A loita da súa familia fixo posible algunha mellora, pero a nai segue reclamando máis horas -cando menos a metade das que se imparten na escola- das seis que garante a Xunta para o seu pequeno. O pasado luns concertara unha xuntanza en Compostela co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non apareceu á cita e enviou dous funcionarios, o que a indignou a ela e aos membros da Confederación de Anpas Galegas que a apoian na pelexa. De non recibir nesta semana resposta á súa petición de reunión co titular da Consellería, anuncia que viaxará desde Malpica para se encadear ante a sede do Goberno galego en San Caetano. 

Continúa sen recibir resposta do conselleiro?

Non recibimos resposta ningunha nin nos convocaron para unha nova xuntanza. Démoslle ao conselleiro de prazo ata o domingo. De non ter noticias del, irei encadearme á sede da Xunta. 

Por que ten que chegar ata esa situación? 

Se estou disposta a facer iso é porque me parece unha total falta de respecto que o conselleiro nos cite para unha xuntanza e nin apareza. A petición da reunión foi con pero acabou pasando de nós. Só queremos arranxar un problema que sofren moitos nenos.

"Esta é unha batalla que debía estar arranxada hai moitos anos; haino que solucionar de vez" 

Que polo que se ve non se dá amañado...

Esta é unha batalla que debía estar arranxada hai xa moitos anos. Sempre houbo nenos sans e nenos enfermos e a min e ao meu neno tocounos loitar cunha enfermidade grave e de longa duración pero ademais engádennos o problema do ensino e da deficiente atención educativa. Parece que en Galicia só nos dan o que lles sobra aos outros... E isto haino que solucionar de vez. 

Hadrián tan só ten seis horas á semana garantidas pola Xunta fronte ás 25 que se imparten no colexio...

Eu loito porque teña cando menos aseguradas a metade das horas, 12,5, que se dan no colexio, pero non loito por min nin polo meu fillo, senón por todos os rapaces que teñen este problema. Para que meu fillo teña seis horas recoñecidas pola Consellería de Educación hai rapaces que tan só teñen unha hora e isto non pode ser. Hai moitas nais que, chegadas a esta situación, non saben como afrontar o problema porque xa lles chega dabondo coa enfermidade como para ter que enfrontarse a un problema de falta de horas lectivas e de atención educativa. O que non podo entender é o pouco apoio que hai desde as administracións para que isto se solucione xa, máis aínda cando debía estar amañado desde hai anos. 

"Para que meu fillo teña as seis horas recoñecidas pola Consellería hai outros que tan só teñen unha; non pode ser"

A escaseza de horas obrígalle a completalas con outras clases alleas ás que lle ofrece a Administración?

A miña situación económica non é moi boa, pero podemos ir quitando dun lado e doutro para ir tirando e completando, pero o que non podo enteder é que se prive un neno de aprender. Na miña casa sempre diciamos que había tempos parar rir e para chorar e os nenos están no tempo de rir. É o momento no que teñen que aprender e non perderlle o fío á vida nin o camiño que seguen os seus amigos. Os nenos son o futuro dos pobos e se eles non teñen educación o pobo acaba sendo pobre. 

"O que están facendo con Hadrián é marxinación; é el quen ten que reclamar e eu só teño que axudalo"

Como leva Hadrián a situación? 

Moi ben, moi ben. El é o que ten que reclamar, eu só teño que axudalo. El ten que pegar agora o salto ao instituto e, se non o pega, os amigos del marcharán e el sentirase discriminado. Porque o que están facendo con el é marxinación, están marxinando un neno. Non consinto que marxinen ningún rapaz, pero o meu tampouco. Ata aí poderiamos chegar. 

Coñece moitos casos semellantes ao seu?

Sei de moitos casos parecidos.

E por que non se fixeron públicos ou se denunciaron?

Cada un, cando lle chega unha enfermidade á familia, reacciona como pode. Eu reaccionei así porque dáme moito a cabeza e creo que tes que saír fóra, facer vida... Non podes estar laiándote seguido nin lamber as feridas porque por moito que lambas, a ferida seguirá aí. O que hai facer é curala, aplicarlle medicación, loitar e seguir o día a día. Hai que ser consciente da enfermidade, pero tamén de que a vida segue e que hai que loitar. 

"Non podes estar laiándote seguido nin lamber as feridas; hai que loitar"

Confía aínda nunha cita co conselleiro?

Agardo que a Xunta reaccione antes do domingo. Tampouco podo falar moito porque ante iso xa teñen unha lei mordaza que acaba protexendo os poderosos e non a nós. Os políticos e conselleiros están aí postos polo pobo e é co pobo co que teñen que falar. Sería que se me cruzasen moito os cables que eu me presentase na casa do conselleiro para falar da situación do meu neno e da de tantos... Pero o conselleiro vai falar comigo, diso estou segura.  

Hadrián, xunto á súa nai © Imaxe da TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.