"Non nos tremerá a man se temos que denunciar a España por non defender os mariñeiros galegos"

Alberto Paz, nunha xuntanza con deputados de AGE © Long Hope

A batalla xudicial e na rúa que manteñen os ex mariñeiros galegos que traballaron en buques de Noruega non se detén e continúa a recibir apoios, agora desde o país nórdico. A asociación Long Hope, que agrupa varios centos dos afectados, presentou o pasado mes de febreiro a demanda contra o Estado noruegués logo dunha nova negativa a revisar a reclamación e como paso previo indispensable para poder levar o caso ao Tribunal Europe de Dereitos Humanos. Estrasburgo sería a última parada dun conflito "que estivo moi tapado tanto aló como en España" pero que agora salta ás portadas grazas tamén á concienciación que estes veteranos xubilados fan desde Galicia. 

Así o explica Alberto Paz, voceiro da plataforma Long Hope, colectivo que logrou que a confederación de sindicatos de Noruega (LO i Oslo) apoiase publicamente e por escrito as demandas de arredor de 10.000 mariiñeiros, o 80% deles galegos. Unha agrupación sindical que xunta unhas 900.000 persoas de 22 centrais diferentes en Noruega e que tamén lle di ao se Goberno que xa é hora de corrixir esta inxustiza e conceder as pensións a milleiros de traballadores que cumpriron con todos os requerimentos legais. 

A confederación de sindicatos de Noruega apoia as demandas dos galegos e as centrais do mar do Norte abren un fondo solidario para colaborar

E non é o único apoio. A Fellesforbundet for sjøfolk (FFFS), asociación que une operarios dos barcos e das plataformas que operan no mar do Norte, vén de presentar unha queixa ante o Consello de Europa -que se une á xa presentada polo PSOE- na que denuncia a violación por parte do Estado noruegués da Carta Social Europea, asinada por Noruega en 1961, que garante os mesmos dereitos na Seguridade Social para todos os traballadores e o deber dos diferentes gobernos de garantilo coa sinatura de acordos bilaterais. E iso non é todo. A FFSS abriu un fondo solidario entre os seus afiliados para colaborar economicamente coa causa dos xubilados galegos

"Noruega séntese agora un pouco fóra de lugar porque este conflito sempre estivo moi tapado, tanto aló como aquí"

"Noruega séntese agora un pouco fóra de lugar porque este conflito sempre estivo moi tapado, tanto aló como aquí", explica Alberto Paz, que acumula medio cento de manifestacións, moreas de viaxes e xuntanzas con administracións e políticos e moitos meses de batalla legal e mobilización. "O Estado noruegués foi pioneiro en moitas cosas: na sinatura da Carta de Dereitos Humanos, na da Carta Social Europea, está á cabeza de Europa en dereitos sociais... Sempre foi visto como un paraíso en moitos aspectos, pero desde logo con nós non demostrou toda esa sona", aclara quen advirte que traballadores ingleses afectados por un caso semellante ao dos mariñeiros galegos están tamén empezando a reclamar os seus dereitos. 

Long Hope pelexa pola que consideran inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.

A loita de Long Hope acabará en Estrasburgo a non ser que España acelere o proceso presentando unha demanda contra Noruega ou presionando para un acordo bilateral

A vía xudicial -longa e cara- ten como punto final Estrasburgo a non ser que España o evite e a acelere. E podería facelo se presenta unha demanda interestatal contra Noruega, unha posición que lle esixe Long Hope desde que comezara coas protestas pero ao que o Goberno se nega unha e outra vez. "O que tiña que facer o Executivo español e defender os seus cidadáns dunha vez e por riba de todo e cumprir co artigo 42 da Constitución española, que advirte que velará polos dereitos económicos e sociais dos traballadores españois no estranxeiro", insiste Alberto Paz, que non descarta mesmo demandar o Estado por esta "indefensión". "Non nos tremerá a man se temos que facelo", di. 

Porque España nin tan sequera se presentou na causa aberta polos ex mariñeiros. A súa resposta é sempre remitirse a unha vista celebrada xa en Estrasburgo pola negativa de Holanda a conceder pensión a traballadores de Austria que cotizaran naquel país, nun caso semellante ao dos mariñeiros galegos. De ser o caso favorable aos austriacos -como parece que así vai ser-, o Goberno español prometera empregar esta resolución para exixir a Noruega que resolva o caso dos mariñeiros galegos e devolva os impostos cobrados a través dun acordo entre ambos Estados. 

"Non imos deixar a rúa; levamos 50 manifestacións e este mes sumaremos a número 51", di Alberto Paz

Pero a solución non chega malia o apoio continuo que amosa mesmo a Xunta. "Estamos como estabamos co Goberno galego e non hai avance ningún", insiste Alberto Paz, que xa adianta que, logo de varias xuntanzas con deputados da oposición no Parlamento, Long Hope prepara novas accións que prefire non desvelar aínda. Tras a demanda, as manifestacións, a presión en embaixadas e administracións e das queixas ante o Defensor do Pobo, estes veteranos xubilados non cansan. 

"Paciencia temos toda a do mundo; levamos 50 manifestacións e o vindeiro 31 de marzo sumaremos a número 51 na Coruña... Seguiremos e non imos deixar de saír á rúa. Un paso atrás, nin para coller o autobús", remata

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.