"Non pode haber unha sociedade libre se non hai información libre e veraz"

Imaxe da entidade Dominio Público Observatorio de Medios de Galicia

Este xoves preséntase en Marín, no Museo Manuel Torres a partir das 20 horas, o Observatorio dos Medios Galegos, unha asociación que vén de constituír "un colectivo de cidadáns preocupados pola veracidade da información en Galicia", como destacan na súa web. "Ante a opacidade que as administracións exercen na utilización dos fondos públicos destinados aos distintos medios de comunicación, o Observatorio nace co fin de velar pola transparencia e obxectividade nestes medios realizando un seguimento continuado dos mesmos", engaden. A presentación de O cuarto poder en rede (Abooks), de Víctor Sampedro, nomeado presidente de honra da entidade, servirá para a estrea da entidade.

"Ante a opacidade que as administracións exercen na utilización dos fondos públicos destinados aos distintos medios de comunicación, o Observatorio nace co fin de velar pola transparencia e obxectividade nestes medios"

"Poñemos en marcha o Observatorio porque os medios de comunicación convertéronse en aparellos de propaganda do poder. Non poden ser libres, non teñen capacidade de manobra porque dependen todos do IBEX35", di Xosé Manuel Albán, presidente da asociación. "O caso galego é moito máis dramático pola súa dependencia da Xunta de Galicia. O máis triste é que esta propaganda estámola pagando nós, a través dos pagamentos que o Goberno galego realiza, ben con subvencións directas, ben por publicidade directa, ben por publicidade encuberta", engade.

O Observatorio realizará informes periódicos sobre a información publicada polos medios galegos, a súa transparencia e obxectividade. "Analizaremos se se está cumprindo nos medios galegos ese precepto constitucional, recollido no artigo 20, indica que todos os cidadáns e cidadás teñen dereito á información veraz", sinala Albán, que adianta que tamén "queremos analizar como se están repartindo os cartos públicos os distintos grupos de comunicación". "Non pode haber unha sociedade libre se non hai información libre e veraz", engade. En efecto, o artigo 20 da Constitución recolle ese dereito cidadán a recibir unha información veraz, isto é, obtida coa metodoloxía e deontoloxía axeitadas, segundo a interpretación e desenvolvemento posterior do Tribunal Constitucional.

Tamén quere fiscalizar a actividade dos medios de comunicación públicos e do consello de administración da CRTVG

Tamén quere fiscalizar a actividade dos medios de comunicación públicos e do consello de administración da CRTVG. "A situación da TVG é escandalosa. Cos cartos que se gastan aí, poderíase facer moi bo xornalismo", afirma Albán.

A entidade, da que Joshua Juárez exerce como vicepresidente, Carmen Peña como secretaria e Néstor Soto como tesoureira, tamén organizará conferencias e debates sobre o xornalismo e os medios de comunicación. De igual xeito, poñerase en contacto cos grupos políticos para a presentación de preguntas parlamentarias e iniciativas "en defensa do futuro da información galega".

Imaxe da entidade Dominio Público Observatorio de Medios de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.