Milleiros de galegos saíron este sábado á rúa para protestar contra os desafiuzamentos e a favor da dación en pago retroactiva e do aluguer social. Sete marchas en sete localidades amosaron o seu rexeitamento aos desaloxos e a un drama social que se evidenciou con toda a súa crueldade nas consignas dos manifestantes. "Non son suicidios, son asasinatos", berrouse na Coruña ou Ferrol -que celebraron as protestas pola mañá- e tamén en Vigo, Compostela, Lugo, Ourense e Cangas.
Sete marchas percorreron sete cidades galegas para berrar contra os desafiuzamentos
"Hai que desafiuzar o Partido Popular", escoitouse tamén este 16F de loita global nunhas marchas que foron masivas noutros puntos do Estado, especialmente en Barcelona ou Madrid, onde varias decenas de miles de persoas convocados por colectivos como a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), Stop Desafiuzamentos de varias localidades ou a Rede de Apoio Mutuo, como no caso de Ferrol. Na capital de España, o ex ministro socialista López Aguilar foi apupado con berros de "culpable", polo que tivo que deixar a manifestación.
Tras varias pancartas, nas que se podía ler "nin casas sen xente, nin xente sen casas", polo dereito á vivenda", consignas a prol da dación en pago ou contra a banca, varios milleiros de persoas saíron á rúa e, en moitos casos, sinalaron os que consideran "culpables" do drama social dos desafiuzamentos, con carteis nos que se incluíron imaxes de gobernantes ou partidos políticos que impediron medidas que arranxen esta grave problemática.
Porque os desafiuzamentos seguen a ser un drama en Galicia. Segundo os últimos datos difundidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), os procedementos de desaloxo de vivendas, locais ou fincas presentados nos xulgados até setembro ascenderon no país a 1.366, o que supón un lixeiro descenso do -7,4% con respecto ao mesmo período de 2011, onde a cifra chegou ao 1.469 e a 1.885 a finais de ano. No conxunto do Estado, pola contra, os desafiuzamentos nos nove primeiros meses de 2012 alcanzaron os 49.702, un record desde que se difunden estes datos e un 15,9% máis que os rexistrados nos tres primeiros meses de 2011. Pola contra, o que si se incrementan en Galicia son as execucións hipotecarias, o proceso previo ao desaloxo, xa que aumentan nun 23% fronte ao 18,3% do conxunto do Estado.
As marchas chegaron nunha semana na que a presión social, en especial a que até o último momento fixo a Plataforma de Afectados por la Hipoteca (PAH) obrigou o PP a recuar e decidir apoiar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra os desafiuzamentos e a prol da dación en pago. Todo, malia que os populares negaron até o último momento que fosen aprobar o que unicamente é a toma en consideración da devandita ILP. As marchas serviron tamén para manifestar o apoio á ILP para conseguir a dación en pago con efectos retroactivos, a paralización dos desafiuzamentos, e o alugueiro social, polo que persoa executada tería dereito a seguir residindo na vivenda pagando un alugueiro non superior ao 30% dos seus ingresos mensuais, como mínimo, por un período de cinco anos.
Unhas 300 persoas cortaron na Coruña a rúa da casa onde vive Aurelia Rey, de 85 anos, e á que prevén desaloxar o vindeiro luns
É moi especial a manifestación da Coruña, que nas últimas semanas viviu varias mobilizacións de Stop Desafiuzamentos para impedir que Aurelia Rey, de 85 anos, perda a súa casa por unha débeda de 165 euros. Este luns executarase a orde de expulsión de Aurelia e Stop Desafiuzamentos concentrarase de novo na rúa Padre Feijoo para evitar o lanzamento. Precisamente, os 300 manifestantes que se concentraron no centro da cidade cortaron durante uns minutos a rúa onde aínda vive esta anciá afectada.