Novas da Galiza, dez anos de xornalismo libre

Carlos Barros, á dereita, na presentación de Vozes Novas, unha iniciativa do xornal © Vieiros

O xornal soberanista, que chega cada mes a máis de 800 subscritores, celebra a súa primeira década de traballo cunha festa no Avante de Santiago de Compostela e coa vista posta no futuro: seguir crecendo, seguir mellorando, co obxectivo de se converter en semanario e profesionalizar a súa redacción, en palabras do seu director, Carlos Barros.

Este mércores conmemorará a efeméride dos dez anos de jornalismo popular a partir das oito e media da tarde cun encontro entre os lectores e algúns dos xornalistas e colaboradores do periódico, como Marta Rodríguez, Iván García, Antía Rodríguez e o propio director Carlos Barros, ademais da inauguración dunha exposición sobre o Novas. A seguir, Xurxo Salgado, de Galicia Confidencialpresentará a iniciativa Vitaminas para o Galego, e a festa pecharase cun triple concerto a partir das dez e media, a cargo de Os Tres Trebóns, Habelas Hainas e Pandereteiras Bouba.

Como nace o Novas naquel ano 2002 no que, por exemplo, se produce a crise do Prestige? Buscabades facer un tipo de xornalismo que naquel momento non se facía?

Viamos que había un país en movemento, que necesitaba novos medios de comunicación, e viamos que faltaba un medio que lles dese voz a eses movementos sociais e tamén a un movemento soberanista que estaba emerxendo. Tamén viamos que non había en papel ningún medio de comunicación reintegracionista en papel. Un grupiño de persoas que nos reuníamos na cafetaría do Auditorio durante meses queríamos facer algo distinto ao que había, algo novidoso. O proxecto foi madurando e crecendo. O primeiro director foi Xosé Manuel Aldea, hoxe director do proxecto Ouvirmos, que fora tamén o creador e director de A Gralha, un xornal de finais dos noventa, que era o referente xornalístico do reintegracionismo. Pero se cadra A Gralha era o xornal do reintegracionismo e o Novas pretendía ser un xornal que empregase a norma reintegracionista para falar de actualidade.

Un grupiño de persoas que nos reuníamos na cafetaría do Auditorio durante meses queríamos facer algo distinto ao que había, algo novidoso

Nos anos seguinte os medios en galego viviron un periodo de auxe (entre 2006 e 2009) e unha brusca caída (en 2010 e 2011), pero o Novas continuou. A que se debe? A que o Novas optou por un modelo distinto de financiamento e de crecemento?

Si, efectivamente. Creo que ese foi un acerto: construír un medio dende a base, dende unha comunidade de lectores que reclamaba e segue a reclamar un medio de comunicación coma o noso. A base principal do Novas son os seus asinantes e a comunidade de colaboradores que escribe todos os meses. Todas as persoas que escribimos no Novas facémolo de maneira altruísta, non cobramos, pero temos que afrontar uns gastos de impresión e distribución de varios milleiros de euros cada mes, que teñen ue saír duhnas vías de financiemento que garanten a nosa independencia e que aseguran que teñamos unha estrutura sólida, que non dependamos de que haxa un cambio de goberno na Xunta.

Foi un acerto construír un medio dende a base, dende unha comunidade de lectores que reclamaba e segue a reclamar un medio de comunicación coma o noso

Acertamos á hora de apoiarnos naquilo que sabemos que non nos van fallar. Esa base de lectores e asinantes fieis consegue ademais que se acheguen ao Novas outros lectores que en teoría estarían máis afastados. Non coñecemos a maior parte dos máis de 800 subscritores e subscritoras do Novas, e vimos dunha serie de movementos sociais e políticos nos que era habitual que nos coñecésemos todos e todas. O que quere dicir que hai Galiza que demanda Novas da Galiza, e outros sectores que aínda non nos len, pero que poden chegar a lernos. E podemos gabarnos de que até o de agora o número de asinantes non deixou de crecer, de xeito paseniño, pero sempre creceu. E si, despois da crise dos medios en galego notamos un gran aumento dos subscritores. Esa é a garantía e é unha receita que deberían seguir outros medios: hai que conseguir unha estrutura propia, hai que conseguir unha rede infranqueable, unha base que te apoie e que te vai permitir crecer.

Es optimista co futuro do xornalismo, sobre todo dos medios alternativos, e en concreto con ese obxectivo de que os lectores se decaten de que se queren medios independentes van ter que comprometerse con eles, apoialos?

O Novas ten unha vantaxe cualitativa a outros medios e a outros movementos máis amplos socialmente; os nosos lectores teñen un perfil militante moi nítido e son conscientes da necesidade de apoiar proxectos coma o noso. Para que a xente dea ese paso, para que apoie economicamente un medio, fai falla moita pedagoxía, e irase conseguindo. De feito, creo que esta crise dos medios fixo que a xente pensase moito niso. Cando vemos que as administracións apoian os medios máis poderosos, non nos queda outra: ou nós mesmos apoiamos os nosos medios, ou non vai haber posibilidade de que haxa medios de comunicación alternativos. Isto é unha obviedade que a xente vai ter que interiorizar: se a xente quere se manteña isto que algunha xente deu en chamar primavera dos medios en galego vai ter que poñer o seu gran de area, cada un na medida das súas posibilidades. Pero esta debe ser a norma nos medios e en todo movemento social: ou a comunidade implícase ou as cousas non andan por si mesmas, hai que facelas andar.

Esta debe ser a norma nos medios e en todo movemento social: ou a comunidade implícase ou as cousas non andan por si mesmas, hai que facelas andar

Por onde pasa o futuro do Novas? Haberá cambios a partir deste aniversario?

Queremos seguir mellorando, como xa viñemos facendo, sobre todo grazas a que a redacción do Novas foi tendo cada vez máis xornalistas, porque no primeiro consello de redacción eramos moi pouquiños os que tiñamos formación xornalística. Até o de agora fomos dando pasiños pequenos, pero sempre cara adiante. Queremos seguir crecendo, o noso obxectivo é ser un semanario con máis páxinas. Pero a iso non lle podemos poñer data. As persoas que escribimos non cobramos polo noso traballo, cremos que é algo moi digno e estamos orgullosos dese traballo militante, pero sabemos que esa militancia ten as súas limitacións. Se queremos crecer imos ter que ter xornalistas asalariados, sobre todo se queremos ser un semanario. Ten que crecer o noso número de asinantes e tamén a xente que se anuncia.

Último número do Novas da Galiza © Novas
Carlos Barros, á dereita, na presentación de Vozes Novas, unha iniciativa do xornal © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.