Novas protestas contra a base de drones na Terra Chá

Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes

Novas protestas contra a base de drones no aeródromo de Rozas, en Castro de Rei. Un grupo de activistas de Mar de Lumes-Comité de Solidariedade Internacionalista manifestáronse este mércores nas instalacións para amosar o seu rexeitamento ao uso militar delas e á súa cesión "á sempre e agresora OTAN" nunha campaña que será divulgada mediante carteis na comarca de Lugo: A OTAN mata. Non queremos base de drones nas Rozas.

Hai tan só uns meses, a compañía Cassidian (compañía integrada en EADS, empresa líder mundial en solucións para forzas armadas e organismos de seguridade civil en todo o mundo) anunciaba que lograra realizar con éxito o primeiro voo do sistema aéreo non tripulado Atlante no aeródromo de Rozas, na Terra Chá. En definitiva, dun dron ou avión espía sen tripulación destinado a usos civís ou militares. A proba chegaba logo de que na primavera de 2011 o Goberno central pechara un acordo para cederlle as instalacións ao Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA), dependente do Ministerio de Defensa, para "abrilas á investigación aeronáutica".

As probas con avións espías provocaron a alerta ante o temor de que Rozas se converta nunha das cinco bases de drones da OTAN en Europa

A empresa defende o proxecto como impulsor do aeródromo e da investigación aeronáutica e como unha oportunidade para a súa modernización e a creación de "ata 500 postos de traballo". No entanto, varios colectivos cidadáns e políticos -entre eles AGE ou BNG- xa teñen amosado o seu rexeitamento a unha iniciativa que teman que converta Rozas no "lugar escollido para establecer unha das cinco bases de drons que a OTAN ten previsto instalar en Europa", unha infraestrutura militar que hai uns anos "todo parecía apuntar" que ía ter como emprazamento "a zona de Trasmiras, en Ourense".

Bloque e Alternativa xa teñen pedido explicacións ao Goberno central e lembran que o Atlante non é outra cousa que un "avión espía", "un dos avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís e militares nos principais escenarios de guerra do planeta, actuando actuando impunemente nos principais conflitos bélicos como os de Paquistán, Iemen, Iraq, Somalia, Afganistán, Palestina..". Por iso, aseguran, podería converter Rozas en obxectivo "militar" e mesmo "terrorista".

Mar de Lumes cre que España "cede Galicia á OTAN" e denuncia tamén a cesión do porto de Ferrol e de Lavacolla para operacións militares

O debate e a polémica quedaron un pouco aparcadas, pero agora Mar de Lumes volve sacalas á luz cunha protesta que foi acompañada dun manifesto no que lembra que España "cede o noso país á OTAN para os seus experimentos". "Cede o aeródromo de Rozas para o deseño do armamento das guerras do futuro, cede unha parte do porto militar de Ferrol para operacións bélicas e cede a área militar do aeroporto da Lavacolla para que os avións que trasladan prisioneiros de guerra de Afganistán e Iraque para Guantánamo poidan repostar", denuncia.

Ademais, e durante a mobilización, reclamaron a finalización das probas con drones en Rozas, a revocación do acordo que permite a cesión do porto de Ferrol para uso de embarcacións da OTAN en operacións bélicas, o fin do uso militar do aeroporto de Lavacolla e a saída da OTAN do Estado español e o remate dos acordos de uso de instalacións na Galiza e tamén no resto do Estado.

Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.