O 22M anuncia unha folga xeral e celebrará un encontro estatal en Galicia

Vista xeral da praza do Obradoiro polo 29N CC-BY-SA Praza Pública

As Marchas da Dignidade preparan xa unha folga xeral para o vindeiro outono. Ese foi un dos acordos ao que se chegou na asemblea de coordinación estatal do 22M que se celebrou a pasada semana en Madrid, onde se estableceu a axenda social das diferentes columnas para o próximo ano 2015 logo do éxito da gran mobilización do pasado marzo e da ocupación do Obradoiro en Galicia de hai tan só unhas semanas.

As Marchas da Dignidade prevén unha folga xeral o 22 de outubro e unha gran mobilización o 21 de marzo

Foi unha asemblea a onde acudiron case todas as organizacións sindicais e políticas que conforman as Marchas da Dignidade, así como os máis importantes movementos sociais do Estado. Un cónclave que na vindeira ocasión celebrarase en Galicia. Será o 17 de xaneiro cando representantes de todas as organizacións que forman parte do 22M celebren unha xuntanza no país, nun lugar aínda sen confirmar, segundo puido saber Praza Pública. Será tamén a forma de recoñecer a forza e activismo da Columna Galega, unha das máis activas dun movemento que prevé un bulideiro 2015.

Así, as Marchas da Dignidade prevén repetir a multitudinaria mobilización do pasado 22 de marzo con outra que seguirá o mesmo modelo e que se desenvolverá o vindeiro sábado 21 de marzo, tamén en Madrid. Será o próximo 17 de xaneiro, en Galicia, cando se definan os aspectos técnicos e loxísticos desta manifestación, que neste ano encheu as rúas da capital do Estado.

Será na coordinadora estatal do 17 de xaneiro en Galicia onde se precisen os detalles da próxima gran manifestación

Ademais, o 22M tamén ten previsto convocar marchas polo Primeiro de Maio, unhas mobilizacións que "non significa invisibilizar o papel dos sindicatos clasistas e alternativos", senón "a necesidade de compartir o protagonismo cos movementos sociais, na liña estratéxica da unidade obreira e popular". O 22 de outubro é, por outra banda, a data elixida para unha folga xeral "obreira, social e de consumo".

Na xuntanza en Madrid, a coordinadora estatal volveuse denunciar o "oportunismo inclasificable" de CCOO e UGT, aos que acusan de "intentar suplantar o chamamento do pasado 29 de novembro" con mobilizacións simultáneas, algo que non ocorreu en Galicia, onde os dous sindicatos optaron por non saír á rúa ese día.

Manuel Camaño, voceiro das Marchas da Dignidade en Galicia e un dos presentes na asemblea, cre que "nada é casualidade" e lembra que o pasado 19 de marzo, tres días antes da gran marcha en Madrid, Comisións e UGT "sentaron na Moncloa xunto a Rajoy". "Sabían que o 22M ía ser masivo", conta quen insiste en que "casualmente" o pasado luns "tamén se volveron xuntar co presidente do Goberno para asinar as migallas dos 426 euros para os que pasan fame".

"Nós non nos mobilizamos contra CCOO e UGT, senón en contra do réxime e de todo o que significa; eles forman pate do réxime e acumular forzas de maneira alternativa é importantísimo", insiste Camaño. "Cando as marchas da unidade obreira popular collen pulo, sempre hai algunha escenificación de achegamento dos sindicatos tradicionais ao réxime", asegura quen cre que, desde hai xa un tempo, "quen marca a axenda política e sindical da xente que sofre son as Marchas e a unidade e non os sindicatos".

"Quen marcha a axenda política e sindical da xente que sofre son as Marchas e a unidade e non os sindicatos"

O voceiro das Marchas en Galicia está satisfeito coa resposta da cidadanía ás convocatorias do 22M, pero advirte que "non se poden botar foguetes". "Todo o que se destruíu en trinta anos non se pode recompoñer en tres; isto é complexo pero entendemos que isto será un medre continuo", engade quen lembra que había xente que "non confiaba" no éxito da convocatoria do pasaso 29 de novembro no Obradoiro. "Pero cremos nela e se cremos no que facemos, o pobo crerá en nós", remata Camaño, que cre que pese á "invisibilización mediática" que din sufrir, "a unidade e a suma é a gran descuberta e a gran ferramenta" do movemento.

Columna galega das Marchas da Dignidade CC-BY-SA Virginia Uzal
Apoio ás Marchas da Dignidade en Compostela © Plataforma de apoio ás Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.