O 22M rodeará o Parlamento galego o vindeiro 21 de xuño

Asemblea nacional das Marchas da Dignidade galegas Dominio Público @frentepg

A Columna Galega das Marchas da Dignidade celebrou este sábado en Teo a súa primeira asemblea nacional. Con preto de 300 persoas reunidas na Casa Común de Oza e máis de trinta organizacións representadas -sindicais, políticas e plataformas veciñais ou sociais-, o 22M galego colleu forza, amosou a súa "vontade de continuar no camiño" e acordou xa convocar varias mobilizacións para os vindeiros meses, a primeira delas para o vindeiro mércores 30, día no que chaman a concentrarse diante de sedes das oficinas de emprego na Coruña, Compostela, Vigo e Ourense. 

As Marchas concentraranse ante sedes das oficinas de emprego o vindeiro mércores 30 e rodearán o Parlamento galego o 21 de xuño

Foi unha asemblea na que houbo debate, discusión e intercambio de pareceres. Todos os activistas ou representantes sindicais ou políticos coincidiron na necesidade de "consolidar e fortalecer" este movemento unitario. "É un paso máis no camiño marcado", asegurou Manuel Camaño, secretario xeral da CUT, un dos sindicatos representados na xuntanza, xunto a outros como o SLG ou formacións políticas como Anova, Esquerda Unida ou a FPG, entre outros moitos colectivos como Stop Desafiuzamentos.

Pero as mobilizacións non quedarán aquí, xa que a Columna Galega das Marchas da Dignidade vai máis aló e pretende protestas máis masivas e significativas para o futuro. Así, o próximo 21 de xuño está prevista unha manifestación "pacífica" coa que se pretende rodear o Parlamento galego nunha xornada na que, ao ser sábado e non  haber actividade, non se impedirá paso ningún aos deputados. Xa para o vindeiro outono -aínda pendente de data fixa-, o 22M organizará unha Marcha da Dignidade sobre Compostela, no que se pretende que sexa unha resposta "masiva e antisistema" ás actuais políticas e con columnas que partirán desde diversos puntos da xeografía galega.

O 22M organizará unha Marcha a Compostela no próximo outono

Volverá reivindicarse "pan, traballo e teito, o dereito a decidir das nacións sen Estado, un novo proceso constituínte para acabar coa monarquía, xustiza social e o non pagamento da débeda". Será outra proba para un movemento que xurdiu con éxito en Madrid hai máis dun mes e que está a organizarse para continuar o camiño de "converxencia transversal" en diferentes puntos do Estado. En Galicia, a iniciativa colleu tamén múscula entre chamadas á unidade.

Así, Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, reclamou e reivindicou unha "grande alianza en defensa do noso futuro como pobo e construíndo xustiza", mentres que Manuel Camaño, da CUT, apostou por que o independentismo galego "traballe na unidade para derrotar o sistema a través dun movemento amplo".

Asemblea nacional das Marchas da Dignidade galegas Dominio Público @frentepg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.