A marcha de Ence e Elnosa do seu emprazamento en Lourizán era algo que durante algún tempo se comezou a ver como algo seguro. Despois de moitas loitas e mobilización social, e a pesar dos continuos adiamentos, consolidouse o horizonte do 2018 como data para a marcha destas dúas contaminantes empresas a outro lugar. Sería ese o momento para comezar a recuperación do espazo e para a posta en marcha de numerosas actividades produtivas, comezando polo marisqueo, que durante anos estiveran vedadas. O 2018 ficaba lonxe, pero a marcha de Ence e Lourizán ía ser un feito.
Nos últimos tempos unha serie de modificacións lexislativas e acordos políticos comezan a elevar a sospeita en moitos pontevedreses e pontevedresas de que o plan é outro, e de que se podería estar forxando a consolidación do complexo químico e pasteiro
Porén, nos últimos tempos unha serie de modificacións lexislativas e acordos políticos comezan a elevar a sospeita en moitos pontevedreses e pontevedresas de que o plan é outro, e de que se podería estar forxando a consolidación do complexo químico e pasteiro. Hai dúas semanas o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asinaba con directivos do grupo portugués CUF, propietario da planta química de Elnosa, a continuidade da factoría en Lourizán, no interior da ría de Pontevedra, até 2017, fronte á data de abandono prevista e prometida dende hai anos, xaneiro de 2014. Ademais, a reforma da Lei de Costas aprobada hai uns meses polo Partido Popular abre unha porta á posibilidade de que Ence poida obter unha prórroga de 75 anos.
Por ese motivo a Plataforma 2018, formada por 32 colectivos sociais da cidade, convoca para o vindeiro 23 de novembro unha manifestación "contra a consolidación" do complexo industrial de Lourizán, nunha marcha que partirá ás 19.30 da praza da Ferreiría. Unha das súas voceiras, Antía Maríño, cualificou esta mañá de "caciquil" a prórroga outorgada a Elnosa, e, en xeral, todas as entidades participantes alertaron da connivencia e da converxencia de intereses entre os directivos das empresas e os responsables da Xunta de Galicia. Antón Masa (APDR) afirmou hai unhas semanas que o acordo "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego".
Previamente, este sábado 16, haberá outro acto simbólico, na praza da Peregrina, que servirá para denunciar o "monocultivo de eucalipto imposto por Ence"
Se 2017 pode non ser a data de abandono de Elnosa, 2018 pode non selo de Ence e de todo o complexo. "Todo fai pensar que esta prórroga á fábrica de cloro non é máis que o primeiro paso para decretar a súa consolidación definitiva en Lourizán", destacan e alertan que nese caso "o dano á calidade de vida e á economía da comarca, e a perda de postos de traballo na ría será irreversible".
Previamente, este sábado 16, haberá outro acto simbólico, na praza da Peregrina, que servirá para denunciar o "monocultivo de eucalipto imposto por Ence". O acto, que se chamará Don Eucalipto, sinalará o dano medioambiental e económico provocado por esta práctica.