O 28 de setembro reclama a información pública á que tes dereito

Portada da web de Civio Dominio Público Praza Pública

O vindeiro 28 de setembro celébrase o Día Internacional do Dereito a Saber, iniciativa da ONU que defende o dereito a acceder á información das institucións públicas como mecanismo para facilitar a rendición de contas e a participación da cidadanía. A conmemoración serve ademais para lembrar "que a maioría dos avances en transparencia foron froito do traballo dunha cidadanía esixente, e que hoxe é máis necesario que nunca que os cidadáns se involucren máis no proceso", destacan dende a Fundación Civio, que resume que "o dereito a saber comeza polo deber de preguntar". En España o Dereito a Saber foi recoñecido en 2013, no marco da aprobación da Lei de Transparencia, pero non como un dereito fundamental, o que lle resta prevalencia fronte a outras normas e limita o acceso á información dos cidadáns.

Para esa xornada Civio, xunto con Access Info Europe e o Consello de Transparencia e Bo Goberno de España organiza unha acción colectiva de demanda de datos oficiais. Estas entidades fan un chamamento á cidadanía a que nos vindeiros días identifique datos e información non publicada, que considere de interese e que estean en poder dalgún organismo público. E ofrecen a súa colaboración e coñecemento para que as persoas participantes nesta iniciativa poidan levar a cabo a demanda de información, ben directamente, ben a través das propias entidades. "Queremos axudarte a liquidar todos os impedimentos que poidas ter ao preguntar á Administración. Por exemplo, porque nunca preguntaras antes porque non sabes como facelo, porque non te atreviches, porque che resulta un proceso complicado ou porque non tes un certificado electrónico", destacan dende Civio.

Para facilitar o proceso, estas entidades poñen a disposición dos cidadáns e cidadás interesadas un formulario de contacto, unha serie de enderezos electrónicos e un hashtag (#derechoasaber16) para comunicar propostas e dúbidas a través de Twitter.

 

Portada da web de Civio Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.