O 79% da poboación galega respira aire contaminado

Planta de ENCE en Pontevedra © ENCE

Xosé Veiras analiza en Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo de Praza, o informe elaborado por Ecoloxistas en Acción. As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación por mor das centrais térmicas de carbón e o tráfico.

Segundo o informe La calidad del aire en el Estado español durante 2011, o 94 % dos españois e españolas respiran aire contaminado, tomando como referencia as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). En Galicia, a porcentaxe é menor pero tamén moi alta: o 79 % da poboación galega respira aire contaminado. No caso da poboación urbana é a práctica totalidade.

O estudo, realizado como cada ano por Ecoloxistas en Acción, analiza a calidade do aire empregando os datos facilitados polas Administracións autonómicas. No caso galego, utilízanse os datos obtidos polas estacións de medición da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e das grandes industrias. Considérase que a poboación dunha das zonas nas que se divide o territorio a efectos de avaliación da calidade do aire respira aire sucio cando a media das concentracións no aire medidas nas estacións situadas nesa zona supera os valores límite legalmente vixentes e/ou os propostos pola OMS, máis estritos. Os contaminantes atmosféricos que ten en conta o estudo son as partículas en suspensión con diámetro inferior a 10 e 2,5 micras (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2), o ozono (O3) das capas baixas da atmosfera e o dióxido de xofre (SO2).

O aire en Galicia está limpo se se toman como referencia os valores legalmente en vigor na Unión Europea. Porén, a situación muda radicalmente se subimos o nível de ambición e se pasan a ter en conta as recomendacións da OMS

De acordo coa metodoloxía do informe de Ecoloxistas en Acción -e tamén coa seguida pola Xunta- o aire en Galicia está limpo se se toman como referencia os valores legalmente en vigor na Unión Europea. Porén, a situación muda radicalmente se subimos o nível de ambición e se pasan a ter en conta as recomendacións da OMS. Neste caso, 2.200.000 galegos e galegas, o 79 % da poboación do país, respira aire nocivo para a saúde.

 

Tráfico e industrias altamente contaminantes ensucian o aire que respiramos

As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación

En Galicia, o contaminante con maior incidencia é o ozono, seguido polas partículas en suspensión e o dióxido de xofre. As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación. “O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación: algúns sectores industriais moi intensivos no consumo de enerxía e/ou materiais (metalúrxico, pasta de papel,…), as centrais enerxéticas -especialmente as térmicas de carbón, cuxa produción aumentou perto dun 50% durante 2011–, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes urbes”. Este último é a principal causa de deterioración da calidade do aire no medio urbano, aínda que o informe de Ecoloxistas en Acción salienta este ano que o tráfico marítimo pode ser unha fonte de contaminación a ter en conta nas cidades con grandes portos.

As zonas nas que o aire está contaminado son as seguintes (entre parénteses sinálanse os contaminantes responsábeis): A Coruña (PM10, PM 2,5, SO2), Ferrol (O3,SO2), Santiago (PM2,5, O3), Lugo (O3), Pontevedra (PM10, O3), Vigo (PM10, PM2,5, O3), Terra Chá (SO2), Sur das Rías Baixas (PM10, PM2,5, O3), Franxa Fisterra Santiago (O3), A Mariña (O3, SO2) e Franxa Ordes-Eume II (O3). No caso das zonas denominadas Terra Chá (que excede amplamente a comarca do mesmo nome) e Sur das Rías Baixas (que non inclúe as cidades de Pontevedra e Vigo), a superación de valores máximos propostos pola OMS é debida, respectivamente, a estacións situadas na contorna de Cementos Cosmos (en Sarria) e de ENCE (en Marín).

Cómpre salientar tamén a superación do limiar de contaminación recomendado pola OMS para o dióxido de xofre -para a avaliación do cal, Ecoloxistas en Acción conseguiu información este ano por primeira vez-, en estacións pertencentes ás redes de varias industrias e centrais enerxéticas: Cementos Cosmos, Alcoa San Cibrao, ENDESA As Pontes, central térmica de carbón de Meirama (Gas Natural Fenosa) e SOGAMA.

---

Podes ler o texto completo en Un claro no bosque

Planta de ENCE en Pontevedra © ENCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.