O 80% dos pneumáticos acumulados nos vertedoiros galegos poderían ser incinerados

O depósito de Laracha, o meirande de Galicia © Google Maps

Están aí. De feito, levaban moitos anos acumulando pneumáticos sen que (case) ninguén lles fixese moito caso. En Galicia existen tres grandes vertedoiros de rodas de caucho -na Laracha, nas Somozas e en Fene- que da noite para a mañá atoparon un lugar na axenda dos medios de comunicación a consecuencia do incendio que sufriu o depósito de Seseña. O das Somozas (100 toneladas) e o de Fene (877) teñen un tamaño relativamente pequeno, mentres que o da Laracha, con case 35.000 toneladas, chega a un terzo do total acumulado na vila manchega.

A Xunta de Galicia iniciou hai unhas semanas o procedeento para eliminar estes vertedoiros, lanzando a convocatoria para xestionar -cun custe de 2,7 millóns de euros- estes depósitos, mediante a súa transformación en materias primas para a fabricación de novos produtos (valorización material) ou mediante a súa transformación en enerxía a través da súa incineración (valorización enerxética). O proceso de supresión completa destes depósitos tería unha duración aproximada de 18 meses.

ADEGA: "O efecto Seseña revelou o esquecemento dun problema que non interesou até que comezou a fumegar"

ADEGA denuncia que a xestión dos pneumáticos usados en Galicia é "moi deficiente" pois ata o momento "apenas existen instalacións dedicadas á reutilización e á reciclaxe destes residuos, e a solución máis doada é amorealos en depósitos máis ou menos controlados en espera de tratamento". E engade que "o efecto Seseña revelou o esquecemento dun problema que non interesou até que comezou a fumegar".

A entidade ecoloxista alerta de que ata agora "o tratamento destes residuos cando por fin acontece, pasa case sempre pola incineración (un 45%), eufemísticamente chamada valorización enerxética en cementeiras ou cerámicas; o "depósito" máis ou menos legal (outro 45%) e a reutilización e reciclaxe (menos do 10%)". A Xunta, pola súa banda, contradí estes datos e afirma que nos últimos anos "máis do 80% dos pneumáticos tratados os últimos anos en Galicia tiveron como resultado a valorización material".

ADEGA sinala que o problema da incineración é que "transforma un valioso residuo aproveitábel (goma vulcanizada e metal) ademáis de en enerxía -barata para quen a aproveita-, en compostos altamente tóxicos como de dioxinas, furanos, PCBs, HAPs e metais pesados, alén de partículas, CO2 e gases de xofre e nitróxeno". "Son precisamente estes compostos máis tóxicos os que poucas veces se miden nas estacións de control da contaminación atmosférica", engaden.

No prego técnico do Goberno galego só se esixe un mínimo do 20% de valorización material, polo que o 80% desas 36.000 toneladas serán queimadas

Porén, no prego técnico do Goberno galego só se esixe un mínimo do 20% de valorización material, polo que o 80% desas 36.000 toneladas serán queimadas. E sinálase que esta cifra "fixouse tendo en conta que o tempo que os pneumáticos levan acopiados dificulta e condiciona a súa xestión final". ADEGA pide que en ningún caso estes materiais sexan incinerados, e recomenda pola contra a súa reutilización, pois "o recauchutado permitiría recuperar arredor dun 20% dos pneumáticos fóra de uso", ademais da posibilidade de darlles unha "segunda vida vía reutilización directa como elementos construtivos, decorativos, de amortecemento de impactos, etc.". O resto, propón, podería reciclarse "para compostos asfálticos de estradas, pistas deportivas e de xogo, cintas transportadoras, céspede sintético, roupa técnica...".

O vertedoiro das Somozas © Google Maps
O depósito de Laracha, o meirande de Galicia © Google Maps
O vertedoiro de Fene © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.