O 90% das mulleres que abortaron en 2011 non o poderían facer coa reforma de Gallardón

Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública

En 2011 abortaron 118.359 mulleres e delas, 105.341 (o 89%) non poderían facelo se a situación se lles presentase a partir de que entre en vigor a reforma propulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón. Esta é a denuncia que fai a plataforma Decidir fainos libres, que suma 300 entidades sociais e que presentó en el Ateneo de Madrid un calendario de mobilizacións para intentar frear unha lei que, segundo o propio Gallardón, será aprobada polo Consello de Ministros antes de que remate outubro.

A plataforma sumou o número de mulleres que abortaron en 2011 (de 2012 aínda non hai datos) por motivos económicos ou laborais con implicacións na súa saúde mental (35.500), as menores de 16 e 17 anos que non informaron os seus pais (unhas 500 mozas), as que abortaron porque o feto sufría unha malformación grave pero compatible coa vida (3.234) ou as que o fixeron sen ter ningún motivo dos anteriores, senón simplemente porque non estaban preparadas para ser nais ou non querían selo (66.107). "Este último grupo supón o 60% do total e agora quedan fóra, como o resto, porque non poden alegar nada para entrar na lei de Gallardón”, denuncia Empar Pineda, unha das portavoces da plataforma. Esta feminista quere salientar tamén a importancia do medio cento de menores de 16 e 17 anos que se poden ver afectadas. "Hai casos moi graves, de mozas que pertencen a familias desestruturadas, ou están soas ou foron violadas”, afirma.

"Hai casos moi graves, de mozas que pertencen a familias desestruturadas, ou están soas ou foron violadas”

A lei actual é unha lei de prazos, pero coa reforma volveríase a un modelo de supostos onde só se podería abortar en caso de violación, de risco para a vida da nai ou de malformación do feto; pero neste último caso todo indica que só se poderá interromper o embarazo no caso de que a malformación sexa moi grave. "Todo son incertezas, porque Gallardón non deixa nada claro, dá un paso adiante e logo recúa e logo dá outro paso", denuncia Pineda que, xunto ao resto de activistas da plataforma solicitou xa varias veces reunirse co ministro, sen éxito.

"Todo son incertezas, porque Gallardón non deixa nada claro, dá un paso adiante e logo recúa e logo dá outro paso"

As organizacións sociais presentaron unha serie de mobilizacións o próximo 28 de setembro, cando se celebrará o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro. Para facer forza, a plataforma Decidir fainos libres reclámalle a todos os sectores do ámbito político, sanitario e social que se unan á protesta. Gallardón xa deu cinco prazos en dous anos para a aprobación da lei, pero as entidades feministas temen que esta sexa xa a definitiva.

Manifestación polo dereito ao aborto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.