O "ano quente" co que os emigrantes retornados ameazan a Facenda

Manifestación de emigrantes retornadas na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Uns 250.000 pensionistas galegos poden estar afectados polas multas, xuros de demora e declaracións que Facenda lles exixe polas pensións que desde 2008 perciben dos diferentes países nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias. Multas que chegan a ducias de miles de euros en moitos casos e que provocan a desesperación de xubilados que se enfrontan a unhas exixencias económicas que non son quen de satisfacer.

Unhas 20.000 inspeccións da declaración da renda de emigrantes retornados galegos leváronse a cabo xa en 2013 nunha campaña que permitiu recadar uns 4 millóns de euros e que a Axencia Tributaria prevé aumentar neste ano. Advertiuno xa a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) logo da súa última xuntanza con Facenda, na que esta insistiu en considerar estes pensionistas como defraudadores que incumpriron a lei sabendo que o facían e desoendo así a petición unánime do Parlamento galego.

A plataforma da Mariña advirte de que Facenda aumentará en 10.000 as inspeccións das declaracións de emigrantes galegos

Advírteo agora tamén a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña, unha das comarcas máis afectadas, logo das declaracións do director xeral da Axencia Tributaria, que prevé en 2014 30.000 inspeccións de declaracións da renda, 10.000 máis que o ano pasado en Galicia. As previsións fan "temor o peor" os pensionistas afectados polo "afán simplemente recadatorio" do Ministerio de Facenda, que nada fixo para arranxar a situación dos milleiros de xubilados galegos que reciben cartas ou que as van recibir.

"Á vista está que o PP non ten ningunha vontade de darlle un solución á problemática á que nos enfrontamos, unha problemática que ten unha solución doada que pasaba por permitir regularizar a situación dos retornados que se atopan na alegalidade, por non impor multas e non cobrar intereses de demora e por fixar un mesmo réxime fiscal para todos os pensionistas do Estado", reclaman os emigrantes da Mariña nunhas reivindicacións que coinciden coa Coordinadora Galega, que pide tamén a regularización fiscal dos afectados e a paralización das multas e dos xuros de demora.

"A nova vaga represiva do Goberno e do PP vai provocar unha resposta máis contundente dos afectados", recordan os pensionistas

"Castígannos por partida dobre: primeiro facéndonos emigrar para achegar divisas ao Estado español, divisas que xeramos os galegos e se drenaron a outros territorios, en un segundo lugar multándonos como se fosemos delincuentes”, lembran desde A Mariña, que advirten dun "ano quente" ante a nova "vaga represiva" do Goberno central e do PP, o que "vai provocar necesariamente unha resposta máis contundente por parte do colectivo de afectados". Desde a CNGER tamén lembran que a partir de agora serán "menos dialogantes", levarán a cabo máis protestas e activarán a vía xudicial para deter a campaña sancionadora da Axencia Tributaria.

“Cando a lei é inxusta, a rebelión é un deber; que vaian sabendo os responsábeis do PP que non imos tolerar leccións en materia fiscal do partido de Bárcenas, do partido do diñeiro negro, do partido dos sobres en B. Antes de  darlle leccións a uns traballadores debían os populares resolver os seus problemas co fisco", advirte o colectivo mariñao, que insiste en que "será  un ano quente" porque "non vai  haber sanción sen resposta". "Será un ano de mobilización e loita", insiste unha plataforma que lembra que a campaña contra os pensionistas coincidiu no tempo coa amnistía fiscal aplicada polo Executivo central aos grandes defraudadores.

"Non vai haber sanción sen resposta; será un ano de mobilización e loita", asegura o colectivo mariñao de emigrantes retornados

“Non é de recibo que un pensionista, na súa calidade de emigrante retornado, ingrese 1.100 euros ao mes e sexa obrigado a pagar un IRPF de 1.465 euros ao ano, mentres que outra persoa coa mesma pensión e sen a condición de retornado, estea exento de presentar a declaración; demandamos igual  trato ante Facenda", rematan.

Reivindicación dos emigrantes pensionistas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.