Con belixerancia, con teimosía, con consignas e manifestacións... e agora tamén con humor. Ás 12 da mañá da simbólica data do triplo doce a plataforma Queremos Galego desprazouse ata o Rexistro Xeral da Xunta, no complexo de San Caetano, para lembrarlles con retranca ao presidente do Executivo galego e ao conselleiro de Educación as súas obrigas legais a respecto da lingua propia, tanto as que marca a lexislación vixente como as que inclúen especificamente as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o "núcleo" do denominado decreto do plurilingüismo. Desta volta o colectivo en defensa da lingua non estivo só. Foi acompañado pola figura tradicional do Nadal galego: o Apalpador.
Un membro da plataforma ataviado como o mítico home de pelo rubio acompañou o voceiro de Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, á entrega de dous agasallos para Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez: carbón "fronte á política carbonizadora" contra a lingua propia e libros de texto e de lectura redactados en galego "non co obxectivo de que os queimen -di Callón-, senón de que recapaciten e corrixan as políticas lesivas" para o idioma, na liña do indicado polo TSXG.
Queremos Galego esixe a derrogación do decreto do plurilingüismo, cuxos "piares" son "ilegais" tras as sentenzas do TSXG
Ambos agasallos ían acompañados por un escrito no que Queremos Galego lle lembra ao Goberno que "os principais piares do mal chamado decreto do plurilingüismo" xa son "ilegais". Ademais, lembran, o alto tribunal "indicoulle ao Goberno que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado na Lei de Normalización Lingüística". "O tribunal -abondan- dálle así a razón aos milleiros de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións en defensa da nosa lingua" e, ao tempo, "o discurso do PP sobre as linguas no enisno, que xa estaba deslexitimado pola súa falta de apoio nas comunidades educativas", din, "está agora claramente considerado pola Xustiza como fóra da legalidade".
Neste contexto, prosegue o documento que recibirán Feijóo e Vázquez, o Goberno galego debe axustarse ao estipulado tanto na lei como no Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. Así, sinalan, a Consellería de Educación debe "garantir que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego", que o galego "non estea prohibido en ningunha materia" e que todo o estudantado "finalice cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego". Do mesmo xeito, todo o persoal dos centros educativos de Galicia debe ter á súa disposición un "plan de formación" para dispoñer de competencia dabondo en galego.
Contra a lei Wert
Ademais da esixencia de derrogación do denominado decreto do plurilingüismo na mobilización de Queremos Galego estivo tamén moi presente a reforma educativa que impulsa o Goberno central e os seus potenciais efectos en Galicia. Feijóo, di Callón, non pode "abdicar" das súas competencias" e por iso cómpre que o presidente "defenda a lingua galega" desta "lei da wertgoña", unha norma "disparatada", máis aínda "nun momento no que se están a recortar os servizos públicos", xa que pretende que a Administración "pague escolas privadas para garantir a ignorancia do galego".
Nun sentido semellante pronunciouse tamén durante a concentración o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presente no acto xunto a outros dirixentes nacionalistas como o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera. O Goberno galego, di Vázquez, "ten como obriga protexer o noso idioma", polo que, "por mínima dignidade, debería cambiar a posición e pasar de atacar o galego con eufemismos trilingüistas" a "potencialo, tamén no ensino". "Nas aulas de Galiza queremos galego" ou berros a prol da "derrogación" do decreto foron algunhas das consignas coreadas durante a protesta, tamén apoiada por AGE a través dos seus deputados Xavier Ron e Ramón Vázquez.