O argumentario do PP contra a sentenza do decreto: 'Aquí non pasa nada'

Feijóo, con Jesús Vázquez nun acto de campaña © PPdeG

"Respectamos a sentenza, pero o TSXG avala a nosa política lingüística ao anular só o 5% do total do decreto". Con esta frase podería resumirse o argumentario que o PP e a propia Xunta en funcións repartiu entre os seus logo da decisión do Tribunal Superior de estimar parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego contra o Decreto 79/2010 aprobado polo Goberno de Núñez Feijóo.

O argumentario da Xunta sobre a sentenza do decreto baséase en facer aparentar que nada supuxo o fallo do TSXG

Malia que a sentenza do TSXG elimina a esencia fundamental da política lingüística da Xunta -aquela coa que intentou contentar os sectores máis extremistas da dereita na campaña de 2009-, o argumentario dos populares é claro: nada cambia, todo segue igual. De pouco importa que a Xustiza anulase o artigo 5.2., a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo o varrido do galego no 96% dos centros de das cidades;  e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia. Tampouco parece importarlle ao PP, como non lle importou antes, que a comunidade escolar, toda a oposición, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura ou o Consello de Europa rexeiten claramente o decreto do plurilingüismo.

"Dende a Xunta estamos estudando estes tres fallos do TSXG e agardaremos aos que cheguen nas próximas semanas. Non en van, faltan cinco, entre eles algún que plantexa posturas contrarias ás comunicadas neste fallo e sobre as que non existe de momento pronunciamento do TSXG", así reza  unha das frases do argumentario que o Executivo galego remitiu aos seus membros, que logo repetiron en diversas declaracións, desde o conselleiro Jesús Vázquez ata Alberto Núñez Feijóo, pasando por outros dirixentes do Partido Popular.

O Goberno de Feijóo insiste en que a sentenza "constata que o decreto promove o galego" malia que o Superior pide "un trato diferenciado" para a lingua propia

"É legal o principio de equilibrio entre galego e castelán, a introdución do plurilingüismo, a participación e colaboración das familias nas decisións educativas", insiste o argumentario da Xunta, que obvia as recomendacións do TSXG cando, na súa sentenza, ademais de eliminar dous artigos salienta que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais. "Constátase que o decreto potencia a promoción da lingua galega no sistema educativo (cumprindo a LNL-1983)", insiste no entanto o documento repartido polos conservadores entre os seus, malia que a Xustiza asegura todo o contrario.

A insistencia de varios cargos do Goberno en funcións en que a sentenza anula "só dous parágrafos de dous artigos, o 5% do total dun decreto formado por 33 regulacións", vén tamén derivado dun argumentario que expresa literalmente esa xustificación. " Trátase dunha situación que non compartimos, pero que analizaremos para actuar do xeito máis oportuno", insiste a última frase que o PP transmitiu como recomendación aos seus, conscientes de que aínda hai sentenzas pendentes, dúas delas derivadas dos recursos interpostos pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. Malia todo, non descarta interpor un recurso de casación e xa anunciou que seguirá adiante coas consultas. Como se nada tivese pasado.
 

 

Feijóo, con Jesús Vázquez nun acto de campaña © PPdeG
Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.