O asasino de Lupe Jiménez pide unha rebaixa de condena alegando que "foi un arrebato"

Acción simbólica en Vigo contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

En febreiro de 2014 Lupe Jiménez foi asasinada polo seu marido, que a obrigou a subir a un coche en Vilaboa para trasladala a Lugo e que polo camiño lle asestou 16 navalladas, deixando despois o cadáver nun monte próximo a Teixeiro. A muller, ademais, estaba embarazada. O home foi sentenciado o pasado mes marzo a unha pena de 20 anos de cadea. Porén, a súa Defensa solicitou hai dous días ante o TSXG unha rebaixa da condena (a 15 anos), alegando que cometeu o crime "durante un arrebato".

Os avogados subliñan que non existiu "alevosía sorpresiva", posto que o asasino e a muller discutiran previamente, e demandan que en base a isto a sentenza de asasinato pase a ser de homicidio

Os avogados subliñan, ademais, que non existiu "alevosía sorpresiva", posto que o asasino e a muller discutiran previamente, e demandan que en base a isto a sentenza de asasinato pase a ser de homicidio. Argumentan, finalmente, que o home se atopaba nun "estado de perturbación" que xustifican porque -din- acababa de saber que o fillo que ía ter a vítima non era seu. A Fiscalía, pola súa banda, ratificou nesta vista de apelación o "ensañamento" do crime, sinalando que o ataque si se produciu por sorpresa e que a vítima non puido defenderse. Así mesmo, subliña que "non é crible" o estado de perturbación e que non hai probas da discusión previa.

Xa no xuízo os avogados do acusado tentaron facer valer este atenuante de "arrebato", que foi rexeitada polo xurado, que adoptou a súa decisión por unanimidade. A vítima recibiu tres coiteladas no pescozo, unha no pulso e doce no tórax, ademais de ser golpeada previamente.

Lupe Jiménez, de 37 anos de idade, casara co seu asasino cando só tiña 15. As agresións físicas foron a máis, ata que en xaneiro de 2014 a muller decidiu regresar a Vilaboa coa súa familia

Lupe Jiménez, de 37 anos de idade, casara co seu asasino cando só tiña 15, sendo seis anos máis nova ca el, marchando vivir a Lugo. Nas semanas posteriores ao asasinato a familia da falecida destacou os malos tratos aos que o home a viñera sometendo dende o comezo, sendo habitual que a deixase pechada na casa cando el saía. As agresións físicas foron a máis, ata que en xaneiro de 2014 a muller decidiu regresar a Vilaboa, coa súa familia. Un mes despois, o home foi buscala, obrigándoa a subir ao coche e, finalmente, acabando coa súa vida.

Acción simbólica en Vigo contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.