O atentado terrorista de Barcelona que só aconteceu nos medios

Barrio do Raval, en Barcelona CC-BY-NC-ND Buen Viajero

O 20 de xaneiro de 2008 un dos xornais con maior tirada de Catalunya, El Periódico, anunciaba con pompa e circunstancia a detención dunha célula terrorista que planeaba un atentado no metro de Barcelona. Días despois, a maior parte de medios de comunicación escritos sumábanse ao entusiasmo pola detención de 14 persoas de orixe paquistaní (e máis un hindú) que segundo fontes policiais tiñan pensando inmolarse e causar unha matanza comparable ao 11-S ou o 11-M. A versión oficial dos feitos levou a estes veciños do multicultural barrio barcelonés do Raval diante do xuíz da Audiencia Nacional asiduo nestes temas, Javier Gómez Bermúdez, que impuxo a 11 deles condenas de entre 6 e 8 anos de prisión. Moi poucas persoas recordarán este suceso e aínda menos cuestionarán a validez da sentencia.

A versión oficial dos feitos levou a estes veciños do multicultural barrio barcelonés do Raval diante do xuíz da Audiencia Nacional asiduo nestes temas, Javier Gómez Bermúdez, que impuxo a 11 deles condenas de entre 6 e 8 anos de prisión

Sete anos despois, coa maior parte dos acusados xa fóra da cárcere e sendo deportados aos seus países de orixe previo paso polo CIE (Centro de Internamento de Estranxeiros), o propio xornal El Periódico desdise e amosa unha investigación independente levada a cabo por Infolibre que demostra que a testemuña clave do caso, a testemuña protexida F1, de nome Asim Iqbal, non só mentiu en todo momento dicindo que mantiña contactos con Al Qaida, senón que ademais resultou que traballaba como confesor e espía dos servizos franceses, está listado no Libro Vermello que sacou o goberno de Paquistán no que incluía aos traficantes de persoas máis buscados do país e, pra máis inri, xa acusara falsamente de feito semellante a outra ducia de migrantes en Portugal, Inglaterra, Italia e Francia (onde, nembargantes, as vítimas dos montaxes non chegaron sequera a ser imputadas).

Por que, pese a que todo o proceso xirou en torno a unha testemuña falsa, nunca se cuestionara a validez das súas palabras ata o de agora? Por que, pese a que o material incautado nunca se probou que pertencera aos 11 condenados?

Por que está sentenza, entón? Por que, pese a que todo o proceso xirou en torno a unha testemuña falsa, nunca se cuestionara a validez das súas palabras ata o de agora? Por que, pese a que o material incautado nunca se probou que pertencera aos 11 condenados? Por que, pese a que os reloxos de cociña, os cables, o par de pilas e os 18 gramos de pólvora presentados a xuízo foron considerados polos TEDAX “xoguetes de nenos de 8 anos”? Por que, pese a que ningún deles tiña antecedentes e pertencían a unha rama do Islam apolítica e pacifista e mesmo algún era non practicante? Por que, pese a que o vídeo presentado coma proba no que aparecía unha persoa que nada tiña que ver con eles celebrando un atentado en Barcelona que xamais existiu nin estaba planeado, tamén se demostrou trucado? Por que, en resumo, só un puñado de asociación paquistanís e xornais de conciencia crítica (entre eles, o desaparecido Masala e a Directa), mantiveron dende o principio que se trataba dun montaxe? Por que neste país non se dubida en impoñer altísimas penas a musulmáns ou xente de procedencia árabe case sen probas e logo membros de organizacións neonazis asasinas saen indemnes? E por que todas coñecemos o caso de Patricia Heras e o 4F e non ouvimos falar nunca deste, que resulta igual de cruel e perverso?

Por que? Pois porque os implicados eran “de fóra”. Porque, como diría Frantz Fannon, xa estaban “condenados” soamente por ser quen eran. Por ser parte do Outro. Por non seres considerados sequera dignos da nosa piedade. Porque, a ollos occidentais, estes homes non eran tal, non eran humanos. Eran “terroristas”, eran “extremistas”, eran “emigrantes”. Eran os condenados da terra.

Por que? Pois porque os implicados eran “de fóra”. Porque, como diría Frantz Fannon, xa estaban “condenados” soamente por ser quen eran. Por ser parte do Outro

Un dos principais problemas periodísticos á hora de analizares este tipo de feitos é que fanse de forma illada, o cal impídenos ver todo o sistémico dentro destas prácticas, que en realidade non deixan de ser un reflexo da tradición racista e xenófoba da nosa cultura, e dunha xustiza que en vez de ser autocrítica, cae na indulxencia do prexuízo máis fácil. O caso dos 11 do Raval volta a ser outro exemplo de como a “prensa apunta e o sistema xudicial dispara”. Outro exemplo de islamofobia, tan promovida dende determinados sectores políticos, coma o PP, que encabezou a sua campaña electoral no Raval cuns cartaces que foron denunciados por SOS Racismo por delito de odio. Outro exemplo da necesidade de crear alarma social pra xustificar medidas que atentan contra a dignidade humana, neste “Guantánamo barcelonés” (como o definiu David Fernández) onde máis valía actuar “por exceso que por defecto” (segundo o conselleiro de Interior daquel entón, Joan Saura), xa que “non hai que alarmar, pero estamos preto dun ataque terrorista en calquera momento”, como afirmou o ministro Fernández Díaz (irmán, por certo, do líder do PP barcelonés).

Neste mundo no que a información é unha arma, non é posible non tomar partido, cada declaración é unha toma de posición. A obxectividade, coma a utopía, é un ideal, pero nunca é enteiramente acadable. O que non podemos facer é tomar declaracións xornalísticas coma referencia da realidade, porque ningún escrito (e por suposto, este tampouco) é inocente. Podemos facer fincapé en que dende o 11M case 500 supostos yihadistas foron detidos no Estado Español. Tamén podemos facelo no feito de que a penas só 50 foron condebados, e que na práctica totalidade dos casos foi por delitos administrativos coma falsificación de documentos. Ou podemos nomear o número de atentados yihadistas que aconteceron neste país nos últimos dez anos: ningún. Tamén poderiamos centra-la nosa atención en que o 99% dos ataques yihadistas suceden nos países árabe-musulmáns e que as vítimas son case sempre de credo islámico.

As medidas contra o terrorismo que se veñen adoptando nos últimos anos seguen a centrarse na “prevención”, coma se viviramos en Minority Report, culpabilizando as vítimas de antemán e aplicando prisións preventivas

Nembargantes, as medidas contra o terrorismo que se veñen adoptando nos últimos anos seguen a centrarse na “prevención”, coma se viviramos en Minority Report, culpabilizando as vítimas de antemán e aplicando prisións preventivas, réxime FIES e ignorando que a xustiza supostamente debe ser reactiva; aplicándose constantemente xuízos populares por medio da difamación dende declaracións de políticos, funcionarios e xornalistas, apartando por completo figuras legais claves nun estado democrático e de dereito coma a presunción de inocencia.

O avogado defensor dos 11 do Raval, Benet Salellas, afirmou dende o comezo do xuízo que todo apuntaba cara un montaxe e que a condena respondía a intereses políticos. A dia de hoxe, grupos políticos dende ERC, ICV-EUiA e as CUP, xunto coa campaña Xustiza Juan Andrés (o empresario asasinado polos mossos d'esquadra no mesmo barrio do Raval fai case dous anos) están a esixir a revisión do caso nos xulgados e unha indemnización aos condenados. Deles, só permanecen na península Mohammed Ayub, de 70 anos e nacionalidade española, dono da pastelería máis antiga do barrio; e Maroof Ahmed, que aínda cumpre prisión por ser o suposto “líder” do comando terrorista que só atentou nas portadas dos xornais.

Portadas da prensa catalá, nos días das detencións Dominio Público Praza Pública
Cartaz da concentración convocada no Raval Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.