O aval do TSXG á exención de tributos ábrelles outra vía de batalla aos emigrantes retornados

Manifestación dos emigrantes retornados en Compostela CC-BY-SA BNG

A última sentenza do TSXG que avala a exención de tributos aos emigrantes retornados ábrelles outra vía de loita a este colectivo, que o pasado sábado volveu manifestarse en Compostela exixindo "xustiza e igualdade" á Axencia Tributaria. 

O alto tribunal avalou a reclamación de emigrantes retornados de Alemaña que defenden que as súas pensións non deben tributar en España, impoñendo ademais as costas do proceso á Administración. É a segunda sentenza favorable deste tipo e que contradí a formulación da Axencia Tributaria (AEAT) sobre as persoas que están a cobrar unha pensión logo de anos traballando no país xermano. 

A sentenza do TSXG avala a reclamación dos retornados de Alemaña que defenden que as súas pensións non deben tributar en España ao telo feito xa na emigración

Nesta última sentenza, o TSXG impón as costas de 1.500 euros á Administración e obriga a devolver máis de 2.000 euros máis intereses a unha persoa que tributara esta cantidade na sede de Facenda en Vigo en 2008 tras recibir a súa pensión. O alto tribunal toma como referencia o artigo 19 do Convenio Hispano-Alemán asinado en 1966 "para evitar a dobre imposición",

No devandito convenio aclárase que sería o pagador, neste caso Alemaña, o encargado de recadar os impostos e asegura que se evitará a dobre imposición nas pensións públicas, o que para a AEAT significa que tan só estarían exentos os procedentes dun emprego público no país xermano. No entanto, para o TSXG esta exención refírese á procedencia dos fondos cos que se pagan as pensións e non á natureza pública ou privada do emprego, polo que significa que "están exentas de tributación no Estado español aquelas (pensións) cuxa procedencia sexa pública", un feito que se segue sen dificultade do pre-citado artigo", malia a interpretación que se fixo do mesmo, que xulga errónea.

O ditame do TSXG baséase no convenio bilateral hispano-alemán, semellante ao que rexe noutros Estados receptores de emigración

En definitiva, e tal e como destacan desde a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (Cnger), o alto tribunal confirma que a consideración de públicas "refírese ás pensións, porque todas o son ao proceder os cartos do Estado, e non ao emprego que se tivese realizado". Así, a sentenza abre unha nova vía, malia que a Axencia Tributaria sempre lles indicara aos afectados que a súa interpretación era a aceptada e que "nunca houbera dobre imposición"

Por iso, o colectivo asegura a Praza que agora centrará as súas reclamacións na vía xudicial, nas posibilidades que abren os convenios bilaterais que o Estado asinou hai xa décadas con numerosos países destinatarios da emigración. O caso alemán parece claro e é ademais moi importante para as reclamacións dos pensionistas galegos, xa que moitos dos membros da Cnger traballaron durante anos no país teutón. "E sabemos xa dun caso dun emigrante en Suecia que está a recibir documentación que acredita tamén esta exención de tributos e que suporía que os tribunais tamén lle desen a razón", asegura Xosé Lois Leirós, voceiro do colectivo.

A Coordinadora Galega estuda xa a lexislación para acudir aos tribunais baseándose nos convenios bilaterais

"Hai convenios con moitos países e agora estamos analizar cada caso para determinar os pasos a seguir", continúa un dos portavoces da Coordinadora, que aclara que "a xente xa está cansa e farta de protestar e de levar a pancarta de aquí para aló". "A maioría son persoas maiores que, en moitos casos, paga o que lle piden e non se quere meter na vía xudicial porque está esgotada e iso tamén lles suporía gastar máis cartos", explican desde a plataforma, que trata agora de convencer aqueles afectados que emigraron a Alemaña para comezar outra batalla, ademais de estudar a lexislación que sería aplicable no caso doutros Estados. 

"Desde Facenda sempre nos advertiron que tiñamos que pagar e que denunciásemos logo se queríamos, pero avisaban de que a nosa demanda non tería éxito, cando se ve que non é así", insiste Leirós, que advirte tamén das continuas modificacións lexislativas que se levaron a cabo nos convenios bilaterais con outros países. 

Ademais, desde a Coordinadora teñen claro que os convenios destinados a evitar esta "dobre imposición" son a causa de que o Goberno non levase a cabo antes a campaña recadatoria contra os emigrantes retornados. "Non atoparán nin un só documento no que se demostre que un emigrante tributaba aquí polas pensións nos 90 porque non se facía e nin os consulados nin as asesorías nolo indicaron nunca; xa tributabamos  no estranxeiro cando en España non se sabía nin que era iso", remata o portavoz dun colectivo que "leva dous anos xa de loita" e que agora empezará outra. 

Manifestación dos emigrantes retornados en Compostela CC-BY-SA BNG
Manifestación dos emigrantes retornados en Compostela CC-BY-SA Cnger

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.