O BNG acusa a Xunta ter decidida xa a continuidade de Elnosa na ría de Pontevedra

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

O BNG preguntará este mércores no Parlamento ao Goberno galego sobre o estado da solicitude do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal presentado pola empresa CUF a respecto dos terreos que ocupa a fábrica de ELNOSA en Lourizán (Pontevedra). De ser aceptado, a multinacional portuguesa podería -pasando por riba da negativa do Goberno municipal- realizar as obras necesarias para implantar a nova tecnoloxía sen mercurio esixida pola UE, o que permitiría a súa continuidade no seu actual emprazamento más alá de decembro de 2017, data prevista dende hai anos para o seu traslado a outra localización.

O BNG cre que a aceptación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal está xa "cociñada" e que a Xunta está a seguir coa factoría química o mesmo guión que levou á prórroga concedida a ENCE

Con todo, a formación nacionalista cre que a aceptación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal está xa "cociñada" e que a Xunta está a seguir coa factoría química o mesmo guión que levou á prórroga concedida a ENCE. Este camiño pasaría primeiro por unha prórroga da Autorización Ambiental Integrada (AAI), seguida da aprobación da supramunicipalidade, o que se axilizará coa nova Lei de Emprendemento Industrial; e, finalmente, ELNOSA obtería unha prórroga de longa duración.

A UE prohibe a produción de cloro empregando mercurio máis alá do 11 de decembro de 2017. Porén, o pasado 26 de xullo CUF manifestou a súa intención de seguir producindo hipoclorito mentres se xestionan as decisións políticas necesarias para garantir a súa continuidade en Lourizán. O BNG salienta que "máis alá da aplicación da normativa europea que obriga a facer o cambio tecnolóxico antes de decembro de 2017, a realidade é que o complexo electroquímico está situado na contorna urbana de Pontevedra, nunha área densamente poboada e sobre terreos de dominio público marítimo terrestre. Razóns todas elas máis que suficientes para denegar a continuidade da fábrica na actual ubicación, promover o seu traslado e recuperar para usos sociais os terreos de dominio público".

"O sentido común, o sentido da xustiza, o respecto ao medio ambiente e a propia normativa son argumentos de peso para a non continuidade da fábrica"

"O sentido común, o sentido da xustiza, o respecto ao medio ambiente e a propia normativa aprobada pola Xunta de Galica (Directrices de Ordenación do Territorio e Plan de Ordenación do Litoral) son argumentos de peso para a non continuidade da fábrica nas marismas de Lourizán", engade a formación nacionalista.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou esta semana as súas alegacións á revisión da Autorización Ambiental Integrada (AAI) que Elnosa lle solicitou á Xunta. A APDR sinala que a proposta supón un cambio substancial das instalacións que sería equivalente á creación dunha nova fábrica que aumentaría a produción e almacenamento de cloro. Para a entidade, a revisión da AAI suporía unha forma encuberta de prorrogar a concesión.

 

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.