O BNG exixe a Facenda que acate as sentenzas que dan a razón aos emigrantes de Alemaña

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

O BNG esixe ao Goberno central que acate as sentenzas xudicias e exima de tributar os emigrantes retornados con pensións de Alemaña. A voceira do Bloque no Congreso, Olaia Fernández Davila, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria e unha proposición non de lei na que empraza o Executivo a que evite a todos os pensionistas a ter que tributar polos subsidios percibidos daquel país antes do 2013, "teñan ou non reclamado nos xulgados". 

O TSXG avalou a reclamación dos emigrantes retornados en Alemaña, que defenden que non deben tributar polas súas pensións

Hai menos de dous meses, o TSXG avalou a reclamación de emigrantes retornados de Alemaña que defenden que as súas pensións non deben tributar en España, impoñendo ademais as costas do proceso á Administración. Era a segunda sentenza favorable deste tipo e que contradí a formulación da Axencia Tributaria (AEAT) sobre as persoas que están a cobrar unha pensión logo de anos traballando no país xermano.

O alto tribunal impuxo as costas de 1.500 euros á Administración e obrigou a devolver máis de 2.000 euros máis intereses a unha persoa que tributara esta cantidade na sede de Facenda en Vigo en 2008 tras recibir a súa pensión. O alto tribunal tomou como referencia o artigo 19 do Convenio Hispano-Alemán asinado en 1966 "para evitar a dobre imposición". O BNG alude tamén ao acordo bilateral asinado entre ambos os dous Estados. 

O Bloque lembra que o convenio bilateral entre España e Alemaña exime de tributación aos pensionistas que traballaron no país xermano

"É de supor que o Goberno coñecerá as diversas sentenzas que dan a razón aos emigrantes retornados que traballaron en Alemaña, e reciben pensións do país xermano. Distintas sentenzas fan valer o Tratado Bilateral entre o Estado español e Alemaña, vixente até o 2012, que exime de tributación a estes pensionistas”, aclara Fernández Davila, que lembra que leva máis de dous anos presentando iniciativas parlamentares de todo tipo debido á "inxustiza" que o Ministerio de Facenda cometeu cos emigrantes retornados, aos que "sancionou, impuxo intereses de demora e practicamente perseguiu fiscalmente por non ter tributado as pensións que perciben do estranxeiro”.

Explica Davila que este Tratado Bilateral para evitar a dupla imposición estivo vixente até decembro de 2012. Polo tanto, conclúe, o Goberno “incorreu na dupla imposición e debe reparar canto antes a súa mala actuación”. Neste sentido, lembra que o semana pasada aprobouse no Parlamento galego por unanimidade, a instancias do BNG, unha moción que reclama a Facenda que devolva de oficio este mesmo ano as cantidades cobradas até o 2013 en materia de IRPF aos emigrantes retornados con pensións de Alemaña.

O Tratado Bilateral para evitar a dobre imposición estivo vixente até decembro de 2012

A parlamentaria nacionalista subliña que “aínda que o Ministerio só retrocedeu parcialmente na súa obsesión por perseguer fiscalmente aos elos débis da cadea social como son os pensionistas. Xa nos tería gostado ver durante estes anos de lexislatura a mesma obcecación ministerial cos grandes defraudadores, aos que facilitou a vida con  gratuítas amnistías fiscais”.

En consecuencia, Davila demanda a Facenda que proceda "a devolver canto antes e de oficio as cantidades pagadas por estes pensionistas até estar en vigor o Convenio Bilateral". Ademáis, exixe que se axilice o procedemento para "recoñecer de oficio as resolucións de invalidez a favor dos emigrantes retornados realizadas nos paises onde traballaron e viviron”.

Olaia Fernández Davila, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.