O BNG lanza en Betanzos unha campaña polo tren de proximidade

Tren de proximidade en Madrid © Ministerio de Fomento

O BNG inicia unha campaña de defensa e reivindicación do tren de proximidade que terá o seu acto central o vindeiro sábado 22 en Betanzos. Ese dia o Bloque desprazará en tren cargos e militantes dende A Coruña e Ferrol, que confluirán alí para esixir a mellora das infraestruturas e para reclamar a transferencia dos servizos ferroviarios á Xunta. A formación nacionalista chama a cidadanía a participar no acto, que comezará ás 18.30 horas no Cantón de Claudino Pita, e que contará coa intervención de Francisco Jorquera. Para o desprazamento a Betanzos os e as participantes sairán da Coruña no tren das 17.30.

O lema da campaña é Pola defensa dos camiños de ferro na Galiza e na Coruña e consistirá no reparto de material informativo e na recollida de sinaturas contra os plans do Goberno central de reducir servizos ferroviarios e privatizar algunhas partes de Renfe. Neste senso o portavoz do Grupo Municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, salientou as consecuencias do real decreto aprobado en xullo polo que implica a privatización de Renfe, que se converterá en catro empresas diferentes de cara á liberalización do sector en 2013. 

“No caso da Coruña, esta disposición implicará o peche da liña A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte”

Carril alertou de que unha das disposicións finais desta norma recolle que o 31 de decembro se coñecerán os estudos que determinan os tramos que non son viábeis economicamente, para, a continuación, seren eliminados. “No caso da Coruña, esta disposición implicará o peche da liña A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte”, preveu. E engadiu: “non hai que atender á rendibilidade económica do tren, senón á rendibilidade social, especialmente, en época de crise”.

Salientou, ademais, que, malia a duración do traxecto que une A Coruña con Ferrol, 1h 15 min, “case tanto como percorrer Madrid-Valencia”, malia o prezo, 5,75 euros, e malia as poucas frecuencias: só cinco os días laborables, os usuarios e usuarias non deixan de crecer. Os últimos datos indican que máis de 80.000 viaxeiros e viaxeiras empregaron empregaron esta conexión no 2011, un 25 por cento máis que no 2008.

Tren de proximidade en Madrid © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.