O BNG pide a Madrid e á Xunta que paralicen o 'acoso' de Facenda aos emigrantes

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

A deputada do BNG, Tareixa Paz denuncia os expedientes iniciados pola Axencia Tributaria contra os emigrantes galegos retornados aos abriga de acreditar as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensión no estranxeiro e aos que sanciona por non ter ao día unhas declaracións que nunca lles advertiran que estaban obrigados a facer.

A Axencia Tributaria xa recadou tres millóns de euros na súa campaña contra os emigrantes galegos

Facenda xa recadou tres millóns de euros na súa campaña contra os emigrante e cada un dos afectados paga unha media de ata 2.500 euros entre a declaración pola súa pensión do estranxeiro, a multa e os intereses de demora. A cantidade recadada en Galicia tan só é o inicio dunha campaña que se ampliará a máis persoas e a máis exercicios fiscais, tal e como adiantou Praza.

"Facenda trata os emigrantes galegos retornados como defraudadores fiscais", di Tareixa Paz

Tareixa Paz, , manifestou que os requirimentos da Axencia Tributaria afectan tamén aos anos 2009, 2010 e 2011, “Facenda, dixo, está a tratar os emigrantes galegos retornados como defraudadores fiscais” cando ademais, este colectivo “nunca recibiu notificación algunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro”.

Para a nacionalista resulta “escandaloso” que dende o mes de febreiro estes contribuíntes recibiran os requirimentos da Axencia Tributaria coa posibilidade de aprazamento de pago baixo condición de sumar á cantidade requirida os intereses  ao tempo que “aos verdadeiros  evasores fiscais” se lles conceden amnistías fiscais.

Paz explicou que as persoas afectadas, “nunca foron informadas da obriga de presentar declaración de Facenda” polas cantidades devengadas no estranxeiro, durante os anos 90, dixo, mesmo se produciron   sentencias que "os eximían desta obriga e calquera pensionista en Galiza non está obrigado a presentar a declaración agás os que perciben ingresos superiores a 22.000 euros".

A deputada insistiu en que se trata de persoas que non perciben “cuantiosas pensións” e na maioría dos casos perciben anualmente entre 12 e 16 mil euros. Esta campaña da Axencia tributaria é “inmoral” manifestou Tereixa Paz e cualificou de  “noxento”,  que o Goberno se mostre tan “brando” cos verdadeiros evasores fiscais con grandes cantidades millonarias e manteña “un puño tan férreo” coas persoas que traballaron no estranxeiro ante a imposibilidade de poder facelo na súa terra.

O BNG rexistrará no Parlamento galego e no Congreso iniciativas para deter os expedientes remitidos por Facenda

Por iso, a nacionalista  anunciou o rexistro de diversas iniciativas no Parlamento galego e Congreso dos Deputados  co fin de paralizar os expedientes remitidos pola Axencia Tributaria, iniciar unha campaña de información aos emigrantes retornados sobre as súas obrigas fiscais aplicando a lei  a partir do ano 2012 e sen carácter retroactivo dende o 2008.

“Hai moitas persoas que xa pagaron as cantidades requiridas e dende o BNG pediremos a súa devolución”, insistiu Tareixa paz, que cre que o ministro Cristobal Montoro utiliza os emigrantes para "vender unha campaña contra a loita do fraude fiscal". "Son as grandes empresas as que utilizan argucias financeiras para defraudar a Facenda” e non “os traballadores e traballadoras retornados” nin os seus herdeiros, concluíu.

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.