O BNG pide a retirada dos residuos asfálticos holandeses que dende hai anos contaminan Cabanas

Refugallos contaminantes en Vilar do Colo (Cabanas) © BNG-Cabanas

O BNG vén de presentar unha batería de preguntas ante a Comisión Europea, a través de Ana Miranda, para demandar a retirada do depósito ilegal de refugallos asfálticos que dende hai anos existe no polígono de Vilar do Colo, en Cabanas. A formación leva anos esixindo a eliminación destes residuos altamente contaminantes, procedentes de estradas holandesas. “Pedímoslle á Comisión Europea que exixa ao Estado español o cumprimento da normativa europea, a execución da sentenza e, polo tanto, a retirada dos refugallos e a reposición do chan á situación anterior á súa contaminación”, sinalou Miranda.

Malia existir unha condena contra o responsable da empresa e unha resolución de 2014 da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que daba tres meses para a súa eliminación, os refugallos continúan no mesmo sitio

Trátase dun depósito levado a cabo pola empresa Manmer SL que incumpre a normativa europea, pola non adecuación das súas condicións e a súa situación, nas proximidades do río Baa, cuxo curso contaminan. Malia existir unha condena contra o responsable da empresa, Fermín Duarte, que establece 6 meses de prisión e a retirada dos áridos contaminantes, así como unha resolución da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) de xaneiro de 2014, na que se dá un prazo de 3 meses para a súa retirada antes de proceder a facerse de modo subsidiario, a realidade é que, catro anos despois, os áridos continúan no mesmo lugar.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, lembrou que en outubro do 2017 a formación nacionalista conseguiu un posicionamento unánime do pleno municipal para “exixir a retirada inmediata” deses refugallos. “O alcalde non pode mirar para outro lado neste tema e facer deixación das súas funcións, debe cumprir os acordos plenarios”, concluíu.

O BNG leva varios anos denunciando as graves consecuencias ambientais derivadas da importación por parte de Manmer S.L. dunhas 800.000 toneladas de materiais asfálticos potencialmente contaminantes, actualmente depositados en diversos puntos de todo o país. Este material pode ter graves repercusións sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, tal e como advertiu nun informe o Instituto Nacional de Toxicoloxía xa no ano 2011.

 

Refugallos contaminantes en Vilar do Colo (Cabanas) © BNG-Cabanas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.