O Camiño tínguese de laranxa

Traballadores Sociais no Monte do Gozo, antes de empezar a marcha CC-BY-SA Praza Pública

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) e o Consejo General del Trabajo Social (CGTS) organizaron unha marcha co lema “En marcha polos dereitos sociais”, que percorreu Santiago desde o Monte do Gozo ata a Praza da Quintana co gaio do Día Mundial do Traballo Social.

"A idea era lograr esa introspección que proporciona o Camiño e compartir as experiencias"

Máis dun cento de traballadores sociais de todo o Estado camiñaron ataviados con camisetas laranxas para xerar un espazo de diálogo e transformación no Camiño de Santiago. Todo o traxecto foi dinamizado por un equipo de coaching.

"O voluntarismo como solidariedade social é indispensable, pero non se lle pode colgar ás ONG a obriga das administracións de dar cobertura á cidadanía"

A presidenta do CGTS, Ana I. Lima sostén que “este tipo de actividades son necesarias para visibilizar a decadencia dos servizos sociais coa austeridade” pero matiza que “tamén é un xeito de que os profesionais partillen entre eles e, desde xeito, se metan no mundo do autoemprego e o emprendemento, que está moi pouco explorado na nosa profesión”. Lima exemplifica a importancia do exercicio libre na incorporación de traballadores sociais a funerarias. "A un traballador social de Cádiz ocorréuselle presentarlle un proxecto a unha funeraria de xestión no caso concreto da morte", explica, "deste xeito, fai mediación en conflito entre familiares, superación do duelo...". A presidenta afirma que a raíz deste proxecto, abríuse unha fenda nos tanatorios para os traballadores sociais "sobre todo en Cataluña e Andalucía.

IV Premios Estatais do Traballo Social

Enmarcado nas actividades do Día Mundial do Traballo Social tamén se entregaron no Pazo de Fonseca os IV Premios Estatais do Traballo Social. Na categoría de Organizacións, o galardón foi para a plataforma CEDAW Sombra España; en Xornalismo foi eldiario.es quen levou o premio. O director do medio, Ignacio Escolar, enviou un vídeo de agradecemento e recolleu a estatua a coordinadora da sección Desalambre, Gabriela Sánchez. Na categoría ao recoñecemento profesional, Patrocinio de las Heras foi quen recibiu a distinción.

Sánchez subliñou a "necesaria relación entre o xornalismo e o traballo social". "O xornalismo debe poñer o foco nos efectos das políticas sociais, xa sexan negativos ou positivos", continuou, "monitorear e falar coas traballadoras sociais de como están funcionando estas políticas, é necesario ese feedback para que esas cuestións sexan públicas e que se solucionen con máis celeridade desde as esferas políticas".

"O xornalismo debe poñer o foco nos efectos das políticas sociais, xa sexan negativos ou positivos"

A presidenta da Federación Mulleres Mozas, Maje Girona foi a encargada de recoller a estatua da CEDAW. Girona criticou que "o PP enche a boca coas súas políticas para a muller pero non, non se está lexislando contra esta lacra que é unha vulneración de dereitos". "Aínda que é importante, non é suficiente o compromiso da cidadanía", proseguiu Girona, "quen ten que comprometerse é o Goberno, a violencia contra as mulleres ten que ser unha cuestión de Estado, sen iso, non podemos facer nada". "Outro punto no que hai que estar alerta son os medios de comunicación e as novas tecnoloxías, que son un caldo de cultivo da cultura da violencia machista, que medra alarmantemente entre adolescentes", explicou. "O traballo dos servizos sociais é fundamental, porque son eses profesionais os que traballan coas vítimas de violencia, por iso as traballadoras sociais son clave para rematar con esta lacra, pero non hai recursos, nin económicos nin humanos", concluíu.

"A violencia contra as mulleres ten que ser unha cuestión de Estado, sen iso, non podemos facer nada"

Patrocinio de las Heras é unha das responsables da actual arquitectura dos Servizos Sociais no Estado, era membro da Federación Española de Asistentes Sociais que foron os que abriron o camiño para a superación da beneficencia na Constitución. De las Heras cre que "a etapa de goberno do PP foi de recortes sociais, cando no medio dunha crise, era onde tiña que terse destinado máis financiamento para dar un impulso aos servizos sociais". "A estratexia é clara: o Goberno desentendeuse politicamente de dar cobertura aos servizos sociais e remitiunos ao voluntarismo que non dispón nin do financiamento nin dos medios necesarios para isto", engadiu. "O voluntarismo como solidariedade social é indispensable, pero non se lle pode colgar ás ONG a obriga das administracións de dar cobertura á cidadanía", matizou. 

A presidenta do COTSG, Marta Capeáns CC-BY-SA Praza Pública
A presidenta do CGTS, Marta Lima, segunda pola esquerda coas premiadas CC-BY-SA Praza Pública
A marcha laranxa no centro de Santiago CC-BY-SA Praza Pública
A marcha laranxa no centro de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.