"O Capital apoia a democracia só cando pode acadar un beneficio económico grande abondo"

Confrencia de Jaques Pauwels en Compostela Dominio Público Anova Compostela

O historiador belga Jacques Pauwels ofreceu hai unhas semanas unha conferencia en Compostela organizada pola Mocidade de Anova. Pauwels é unha das voces máis recoñecidas no estudo dos fascismos e da Segunda Guerra Mundial. Afirma de forma contundente que "os sistemas autoritarios de goberno sen dúbida serian de novo introducidas se o Capital considerase que esa é a única maneira de seguir tendo grandes beneficios económicos ou de evitar un cambio revolucionario" e engade que "o Capital ten outras opcións. Nos últimos anos os privilexios das grandes corporacións mantivéronse con moita efectividade a través de institucións e acordos internacionais, coma a UE ou os acordos de libre comercio, que serviron para incrementar os beneficios das grandes corporacións e bancos a costa da xente do común, desmantelando o Estado do Benestar".

Téntase ocultar a relación entre o nazismo e o empresariado alemán dos anos 30. Pero tamén o empresariado norteamericano miraba con bos ollos o ascenso de Hitler?

Unha boa cantidade dos principais homes de negocios norteamericanos eran admiradores de Hitler nun comezo e axudárono, economicamente e doutros xeitos, para que chegase ao poder. Podo citar os exemplos de Henry Ford, o coñecido fabricante de automóbiles, e Walter C. Teagle, director xeral da Standard Oil de Nova Jersey, agora coñecida como Exxon. Non sorprende que todos eran empresarios con investimentos impotantes en Alemaña. Ao igual que ou seus socios alemáns, decatáronse de que Hitler sería “bo para os negocios”, por exemplo eliminando os sindicatos e os partidos de esquerda e poñendo en marcha un programa de armamento que estimularía a produción e incrementaría os seus beneficios. Ford xa lle enviara cartos a Hitler en 1922, máis de dez anos antes de que o fuehrer chegara ao poder en Alemaña! Casualmente, os fondos recollidos nos Estados Unidos para apoiar a Hitler eran xestionados a través dun banco de Nova York, o Union Bank, cuxo director era Prescott Bush, pai de George Bush Sr. e avó de George W. Bush.

"Unha boa cantidade dos principais homes de negocios norteamericanos eran admiradores de Hitler nun comezo e axudárono, economicamente e doutros xeitos, para que chegase ao poder"

Pódese dicir que o Capital apoia a democracia só cando a democracia non supón un obstáculo para os seus negocios?

De feito, a historia amósanos que o capital, ou as grandes empresas, apoian (ou cando menos toleran) a democracia só cando no marco dun sistema democrático é posible acadar un nivel de beneficios económicos grande abondo. Porén, os sistemas democráticos son por definición sensibles ás necesidades dos traballadores e doutros membros das clases subalternas e por ese motivo ás veces fixa salarios máis elevados ou a asistencia sanitaria ou a axuda aos desempregados e outros servizos sociais, o que tende a reducir as marxes de beneficios das grandes empresas. Neses casos historicamente o Capital abandonou a democracia en favor de formas de goberno autoritarias, normalmente do xeito dun home forte que vixiara os seus intereses. O mesmo sucedeu cando o Capital temeu -de xeito erróneo ou acertado- que a democracia podería achegar un cambio revolucionario, por exemplo baixo a forma dun triunfo electoral dunha fronte popular formada por socialistas, comunistas e anarquistas. As diferentes formas de fascismo que xurdiron en Europa nos anos 20 e 30, lideradas por  homes fortes coma Mussolini, Hitler e Franco, e os espectaculares exemplos de sistemas totalitarios foron posibles grazas ao apoio do Capital – pero tamén de outros actores, por exemplo, grandes terratenentes e mesmo a igrexa.

"Os membros do partido nazi eran maioritariamente burgueses, máis especificamente pequenoburgueses, pero as políticas levadas a cabo polo partido de Hitler unha vez que chegou ao poder beneficiaron a alta burguesía, os capitalistas"

O nazismo criticaba con dureza a burguesía. Pero pódese dicir que o nazismo era anticapitalista?

Á hora de estudar o nazismo, e en xeral co fascismo, debemos diferenciar coidadosamente entre as palabras e os feitos, entre a teoría e a práctica, entre a aparencia e a realidade. O partido de Hitler chamábase Partido Nacional Socialista dos Traballadores Alemáns, e pretendía ser antiburgués, anticapitalista, e revolucionario. En realidade, nin era antiburgués, nin anticapitalista, nin socialista, e tampouco un  partido de traballadores. Os membros deste partido eran maioritariamente burgueses, máis especificamente pequenoburgueses, pero as políticas levadas a cabo polo partido de Hitler unha vez que chegou ao poder beneficiaron a alta burguesía, os capitalistas. E o partido de Hitler era revolucionario apenas no nome. Aqueles nazis que crían na retórica revolucionaria e querían levar a cabo algún tipo de revolución, por exemplo Ernst Roehm, foron salvaxemente eliminados na chamada Noite dos coitelos longos en 1934. En realidade, a pesar da súa retórica anticapitalista e revolucionaria, o partido de Hitler era contrarrevolucionario ou, para usar outro termo, reaccionario.

Foi o final da Segunda Guerra Mundial -por exemplo os bombardeos de Dresden- o inicio da Guerra Fría?

A Guerra Fría entre os países occidentais capitalistas e a URSS comezou realmente en 1918, xusto despois da Revolución Rusa, cando Gran Bretaña, Francia, e os Estados Unidos enviaron tropas a Rusia para axudar os Brancos na guerra civil contra o Exército Vermello. O obxectivo era "esganar o bebé do blochevismo” -como Churchill afirmou delicadamente- mentres aínda estaba no berce. Aquela intervención non tivo éxito, e durante a Segunda Guerra Mundial a URSS converteuse nun aliado útil das potencias occidentais. Pero unha nova guerra fría contra a URSS comezou no momento en que xa non eran necesarios para derrotar o nazismo, un par de meses antes do final da guerra en Europa. Washington e Londres abriron as hostilidades cando decidiron conservar as armas capturadas aos alemáns para usalas contra Moscova, algo desexado por moitos políticos e xenerais coma Patton. Outro tipo de declaración implícita de guerra fría foi o bombardeo de Dresden de febreiro de 1945, que tiña a intención de intimidar os líderes soviéticos. E Hiroshima e Nagasaki foron tamén bombardeadas para aterrorizar os soviéticos e forzalos a facer todo tipo de concesións na reorganización de postguerra en Europa e no resto do mundo.

"Nos últimos anos os privilexios das grandes corporacións mantivéronse con moita efectividade a través de institucións e acordos internacionais, coma a UE ou os acordos de libre comercio"

Existe un perigo real de rexurdimento dos fascismos?

Os sistemas autoritarios de goberno, coma as ditaduras fascistas de Mussolini e Hitler, sen dúbida serían de novo introducidas se o Capital considerase que esa é a única maneira de seguir tendo grandes beneficios económicos ou de evitar un cambio revolucionario. Sucedeu hai non tanto tempo, nomeadamente en Chile nos anos 70, cando a posibilidade de que un goberno democraticamente elixido producira un cambio revolucionario foi derrubado pola ditadura de Pinochet. Porén, o Capital ten outras opcións. Nos últimos anos os privilexios das grandes corporacións mantivéronse con moita efectividade a través de institucións e acordos internacionais, coma a UE ou os acordos de libre comercio, que serviron para incrementar os beneficios das grandes corporacións e bancos a costa da xente do común, desmantelando o Estado do Benestar. Foi un proceso iniciado por Thatcher e Reagan e máis recentemente levado a cabo a través da imposición de medidas de austeridade. Todo dirixido a unha perversa redistribución da riqueza, dende os cidadáns pobres e de clase media cara as clases altas e o empresariado.

"Escribir unha historia totalmente “obxectiva” non é posible. Porén, algúns relatos son máis obxectivos que outros, e só porque toman en consideración certos feitos importantes que son ignorados ou minusvalorados por outros autores"

É posible unha historia obxectiva ou a historia é sempre unha visión ideolóxica sobre o entorno?

Escribir unha historia totalmente “obxectiva” non é posible. Mesmo cando un historiador só achega “os feitos” sobre, por exemplo, a Segunda Guerra Mundial, sería obviamente incapaz de ofrecer todos os feitos, e en cambio presenta unha selección, e facer esta selección necesariamente implica unha escolla subxectiva. Porén, algúns relatos son máis obxectivos que outros, e só porque toman en consideración certos feitos importantes que son ignorados ou minusvalorados por outros autores. Por exemplo podemos dicir que os soviéticos fixeron a achega máis importante para que os aliados gañasen a Segunda Guerra Mundial. Pero durante a Guerra Fría este feito foi ignorado pola meirande parte dos historiadores occidentais, sobre todo por motivos políticos e ideolóxicos, e mesmo hoxe moitos historiadores defenden que o desembarco en Normandía foron o punto de inflexión da guerra. Eses relatos están lonxe de ser obxectivos.

Os historiadores non poden ser totalmente obxectivos, pois é imposible para eles estar totalmente libres de nesgos ideolóxicos. Canto máis obxectivo e menos nesgado é un historiador, o seu relato serán máis convincente para o lector. Porén, os lectores tamén son subxectivos até certo punto e tamén teñen nesgos na súa interpretación. A conclusión é que entre o historiador e o lector nunca pode haber unanimidade sobre que historias son máis obxectivas. O deber do historiador é ser o máis obxectivo posible e debe ter en conta as criticas dos seus lectores e doutros historiadores.

Conferencia de Jaques Pauwels en Compostela Dominio Público Anova Compostela
Conferencia de Jaques Pauwels en Compostela Dominio Público Anova Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.