O cerco insiste no "trato de favor" da Xunta a unha minoría do sector

As pancartas denuncian as consecuencias das limitacións CC-BY-SA Praza Pública

A Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) porá fin ao paro e á acampada que mantiña ante a sede da Xunta, tal e como confirmou este luns tras reunirse en asemblea. A frota volverá faenar o vindeiro luns 25 e un día antes levantará as tendas de campaña que suman 90 días en San Caetano. Nun comunicado, o colectivo maioritario do sector advirte das súas pequenas vitorias pero tamén de que non abandonará a súa "loita para conseguir un sistema de repartición xusta". 

Acerga destaca que a loita provocou que a Administración "rectificase" e habilitase "unha cota de pesca maior da prevista"

"A Administración rectificou a súa postura inicial sobre o actual sistema e procedeu a habilitar unha cota maior de pesca que a prevista inicialmente", lembra Acerga nun comunicado, no que advirte que a Secretaría Xeral de Pesca do Estado admitiu que o método de repartición vixente "non satisfai as necesidades da maior parte da frota española" e que se ve "incapaz de modificalo nestes momentos por tratarse dun goberno en funcións". 

Malia todo isto, Acerga recorda que conseguiu "dotar á súa asociación dun 17% máis de cota da que tiña asignada inicialmente" e que se "asigne unha serie de toneladas a aqueles barcos que, dependendo dos seus GTs [toneladas de arqueo], non cumprisen uns mínimos". Ademais, insiste nas súas duras críticas ao Executivo galego polo diferente trato coa súa asociación, que representa 123 barcos, e a minoritaria Cergal, de 20 buques. 

A asociación lembra que conseguiu "un 17% máis da cota asignada inicialmente" para os seus asociados

"Seguimos denunciando o posicionamento e trato de favor que vén recibindo Cegal por parte da Consellería do Mar e da súa responsable, Rosa Quintana, que permite que 20 buques poidan condicionar o sistema dos 123 restantes", di Acerga, que insiste en que segue "defendendo un sistema de repartición liñal e por tripulante que teña en conta as necesidades reais de cada embarcación". "Non cederemos na nosa loita por conseguir ese sistema de repartición", rematan. 

Por outra banda, a Comisión Europea responsabiliza o Goberno central da actual repartición de cota de pesca no sector do cerco porque, segundo aclara, é competencia estatal a asignación dos dereitos de pesca entre a frota de cada estado membro da Unión Europea. Asegurouno nunha resposta a unha pregunta parlamentaria presentada polo BNG, a través da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda. O executivo comunitario subliña que esta mesma explicación foille tamén transmitida por escrito a Acerga. 

Pancarta que reclama o reparto das cotas de xurelo e xarda CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.