O cerco sae á rúa por unha repartición "xusta e igualitaria"

Manifestación do cerco galego no Obradoiro Dominio Público @gzcontrainfo

Unhas 2.000 persoas saíron á rúa este domingo en Compostela para esixir ao Goberno central e á Xunta que negocien unha nova repartición "xusta e igualitaria" das cotas para o sector mariñeiro do cerco, que leva 27 días acampado diante da sede do Executivo galego en San Caetano. Na mobilización desta fin de semana, pediuse unha solución ao conflito que permita que "todos os pescadores teñan o mesmo dereito". 

Persoas de varias localidades galegas apoiaron unha marcha por unha repartición "xusta e igualitaria"

A marcha, que saíu da praza do Obradoiro pouco antes do mediodía, foi convocada pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), que é quen lidera as protestas. Os centos de participantes na marcha, chegados de varios puntos do país, camiñaron ata San Caetano, onde se manteñen máis dun cento de tendas de campaña en representación da inmensa maioría dos barcos artesanais desta arte de pesca e dos que dependen, segundo din, uns 1.400 postos de traballo directos e uns 5.000 indirectos na autonomía. En Compostela houbo xente de Ares, Cariño, Porto do Son, Malpica, Vigo, Redondela ou Sada, entre outras localidades. 

"A cota é de todos", reivindicou o presidente de Acerga, Juan José Blanco, que insiste en que non pode haber mariñeiros "de primeira" e mariñeiros "de segunda". Ademais, criticou a Xunta por tratar de "enfrontar o sector" e por "facer que fai" e insistiu nun novo criterio de repartición para non favorecer os que máis teñen e "marxinar os pobres". 

"Están a marxinar as familias que son o futuro de mañá", advirte o presidente de Acerga

"Cremos que todos os pescadores son iguais, queremos os mesmos dereitos; que os que empezan hoxe teñan os mesmos que tive eu hai trinta anos, pero están a marxinar as familias que son o futuro de mañá", insistiu Blanco, que cre que a conselleira de Mar e o presidente Feijóo "queren arranxar sen arranxar, favorecer uns e prexudicar outros nun enfrontamento de frota que non había". 

Precisamente, Blanco non quixo opintar sobre a Asociación de Cerqueiros Galegos creada este sábado -e que integra 40 barcos fronte aos 120 de Acerga- pero si asegurou que nunca pertencerá a "unha asociación de ricos onde os pobres non teñen cabida".

"Feijóo traizoa os galegos", puido lerse en carteis nunha manifestación á que asitiron representantes de BNG, AGE e PSdeG 

"Feijóo traizoa os galegos", podía lerse nos carteis que portaban varios dos manifestantes, que aproveitaron tamén para culpar o PP do conflito e para reclamar unha solución urxente. Á marcha asistiron candidatos de Nós-Candidatura Galega ao Congreso, como Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña, así como representantes de AGE -Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo-, a eurodeputada Lidia Senra ou membros do BNG como Daniel Rodas, Ana Miranda ou o seu voceiro nacional, Xavier Vence. Tamén participaron parlamentarios socialistas como Pablo García ou Emilio Blanco ou alcaldes, como o nacionalista de Bueu, Félix Juncal. 

“Defenderemos no Congreso algo tan básico como un reparto xusto das cotas de pesca para o cerco galego, porque non pode ser que un barco vasco teña tanta cota como 44 barcos galegos xuntos”, asegurou Callón. 

 

Un conflito que vén de lonxe

O conflito chega logo de que o Goberno central, tras un acordo co sector, fixase as cotas para cada barco baseándose nas capturas históricas dos últimos anos (2002-2012), ademais de ter en conta a capacidade e a tripulación. Durante décadas, Galicia tivo un límite diario de capturas para o mantemento dos prezos, tanto no xurelo como na xarda ou a sardiña. Mentres, os cerqueiros galegos que acudían ás augas cántabras e vascas -e máis os barcos de Euskadi e Cantabria- pescaban sen limitacións.

No cerco, malia os límites, non había moito problema coas porcentaxes asignadas a cada frota autonómica, pero foron as asignacións por cada embarcación as que acabaron por reavivar o conflito. Os barcos agrupados arredor da Acerga xestionan a través da asociación as cotas conxuntamente. Coas condicións actuais de repartimento, e dependendo das condicións históricas de cada embarcación, hai quen dispón duns 5.000 quilos de xurelo ao ano e mesmo quen só pode pescar 1.000, cantidades totalmente insuficientes. 

"Nunha frota de 120 barcos que ata 2012 pescaba 6.000 quilos de xurelo cada día, agora hai quen ten 6.000 para todo o ano ou menos", resume Acerga. De non cambiarse os criterios, advirten, o cerco acabará desaparecendo. No fondo, o impulso á acuicultura e a un tipo de explotación que sospeitan que se quere impoñer para o futuro.

Comezo da manifestación no Obradoiro Dominio Público @Acerga_
Manifestación do cerco galego no Obradoiro Dominio Público @gzcontrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.