O cerco volverá faenar desde o luns logo de tres meses de paro

Enseres dos mariñeiros, nun dos bancos do campamento CC-BY-SA Praza Pública

O cerco volve faenar. A Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), colectivo maioritario do sector e contrario ao actual sistema de cotas, decidiu este luns en asemblea poñer fin ao amarre da frota e volver saír ao mar. Será o vindeiro luns 25 de xaneiro cando os barcos volvan ao traballo, forzados tamén polas necesidades económicas da maioría dos armadores e mariñeiros, así como de moitos outros traballadores indirectos do sector, e logo de varios meses de paro e de mobilizacións reclamando unha repartición xusta de cotas. 

Os mariñeiros do cerco volverán faenar o luns 25 e levantarán o campamento ante San Caetano un día antes

Esa foi a decisión que tomou en asemblea Acerga tras unha votación non unánime na que tamén se acordou que un día antes de volver faenar -o día 24- se poña fin ao campamento que desde hai máis de tres meses se mantiña fronte á sede da Xunta en San Caetano. A decisión non implica que se deixen as mobilizacións, xa que desde a asociación de armadores insisten en que seguirán reclamando unha repartición xusto de cotas, liñal, por barco e tripulante e sen que as capturas históricas sexan o principal criterio

Malia non estaren conformes nin confiar nunha medida que os satisfaga polo momento, Acerga asegura que a oferta da Consellería do Mar de establecer un mínimo de 10.000 quilos para os barcos máis pequenos que permita ir incrementando a cota segundo as toneladas de arqueo (GTs) de cada embarcación é un primeiro paso para intentar lograr máis adiante un acordo máis favorable para a inmensa maioría do sector do cerco en Galicia.

O sector recoñece "unha pequena vitoria" a nova oferta da Xunta pero aclaran que "a situación de moitos armadores é crítica"

"Logramos unha pequena vitoria porque a Xunta recoñeceu que algo falla cando non se lle concede aos barcos cota para pescar e se mantén este sistema, pero tampouco se trata de gañar unha guerra para acabar todos arruinados", explican desde Acerga. Así, Andrés García, un dos voceiros, aclara que "non se pode deixar de traballar máis tempo", xa que, como explica, "a situación de moitos armadores é crítica", así como a de moitos mariñeiros, redeiroa e de traballadores que viven tamén indirectamente do sector. 

Os preto de 120 barcos cerqueiros da Asociación recoñecen que a proposta da Consellería do Mar é "unha mellora" e un pequeno "triunfo". Unha batalla gañada nunha guerra que continuarán, tamén pola vía xudicial recorrendo as últimas ordes do Ministerio, e reivindicando unha repartición "máis xusta", que teña en conta o número de tripulantes e non as capturas históricas. Desde o sector advírtese que debe ser a presión dos mariñeiros, pero tamén dos concellos -nomeadamente daqueles onde o cerco é fundamental-, da oposición política ou dos sindicatos a que debe continuar para lograr unha distribución equilibrada de cotas. 

"Ata que se regule a repartición por buque non imos parar; non podemos seguir sen traballar pero seguiremos pedindo o xusto"

Ademais, desde Acerga confían en que o novo goberno que se forme no Estado, ben sexa nas vindeiras semanas ou logo dunhas novas eleccións, sexa máis comprensivo que o actual e acepte as súas reclamacións, polas que levan acampados tres meses ante a sede do Executivo galego. Alí seguirán ata que o vindeiro 24 de domingo abandonen as tendas de campaña, nun levantamento no que se prevén importantes mostras de apoio.

 

3 millóns en perdas

"Ata que se regule esa repartición por buque non imos parar. Que ninguén pense que imos deter as nosas reclamacións porque non é así; o que non podemos é seguir sen traballar, pero continuaremos reivindicando o xusto", aseguran desde Acerga, que conseguiu un forte apoio social e que a semana pasada levou a cabo varios peches en varias sedes de Concellos de Galicia. A loita das mulleres, o apoio de varios dos alcaldes das localidades máis ameazadas polo sistema de cotas e unha acampada que soportou os peores días de temporal serviron tamén para visualizar unha loita na que prometen seguir, aínda que xa desde o mar. Faron pescando xurelo e xarda, un labor que manteñen que está en perigo se a Xunta non presiona para que o Estado modifique unha repartición de cotas que deixa a inmensa maioría do sector en Galicia sen posibilidades de futuro. 

Acerga calcula que as perdas durante os tres meses de paro ascenden aos 3 millóns de euros

Acerga cre que non hai vontade política ningunha de resolver o conflito e que, en realidade, ten interese por desmantelar a frota de barcos para favorecer outro tipo de explotacións, tal e como lle asegurou unha representación do colectivo na súa xuntanza cos deputados de En Marea, David Bruzos e Yolanda Díaz. Cuestionan, ademais, que a frota galega, no canto de ter unha xestión única, estea dividida polo medio en dúas zonas (a 9A e a 8C) con intereses contrapostos e sen posibilidade de mercar ou vender barcos dunha pesquería para outra. Os máis afectados son, segundo Acerga, familias novas con barcos pequenos que con este sistema de reparto posto en marcha en 2013 quedan abocadas á ruína.

Os mariñeiros de Acerga elevan a 3 millóns de euros as perdas que tiveron nestres tres meses parados. "O que necesitamos de vós é que pelexedes para que se anule a repartición individual por buque ou que como mínimo se faga un reparto autonómico", pedíronlles os voceiros da Asociación aos parlamentarios de En Marea. De momento, acordaron pescar un tope máximo de 600 caixas por barco e día para non prexudicar os armadores máis pequenos e solicitarán desembarcos máximos de 9.900 quilos por barco.

Ao fondo, a Sede da Xunta CC-BY-SA Praza Pública
Mariñeiros do cerco, antes de pecharse no Concello © Eu apoio o cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.