O Colexio de Médicos de Pontevedra fixo públicas as súas alegacións ao Real Decreto de bases para a implantación das Unidades de Xestión Clínica, elaborado polo Ministerio de Sanidade. A organización colexial maniféstase rotundamente en contra deste proxecto e pide a súa retirada, cualificándoo de "absolutamente surrealista" e alertando de que a norma "pretende abrir a porta á privatización da xestión sanitaria e á laboralización do persoal estatutario".
Alerta de que a norma "pretende abrir a porta á privatización da xestión sanitaria e á laboralización do persoal estatutario"
O texto sinala algunhas contradicións no proxecto, como pode ser a previsión de que as Unidades de Xestión sexan creadas "de oficio" polos departamentos de saúde de cada comunidade autónoma e que a súa creación non supoña "en ningún caso o incremento de postos de traballo, infraestruturas e custes", algo "contrario á autonomía de xestión" que o decreto prevé. Nas alegacións, a entidade conclúe que "parece" que "do que se trata" con este proxecto é "designar capataces en estruturas de xestión cuxo obxectivo é o de ser privatizadas e dotadas con persoal laboral". Subliña, ademais, que o decreto non ten en consideración cal será a situación laboral do persoal estatutario fixo que optase pola non integración nas Unidades de Xestión Clínica.
Alerta igualmente de que o distinto desenvolvemento normativo do proxecto nas distintas comunidades autónomas, podería provocar unha situación de inequidade entre os diferentes territorios do Estados, non garantíndose a igualdade de dereitos entre todos os cidadáns. As alegacións péchanse demandándolle á Organización Médica Colexial (que agrupa os Colexios de todo o Estado) que en caso de que o decreto "non sexa retirado" utilice "todos os medios xurídicos dispoñibles para proceder á súa impugnación".