O Comité Cidadán celebra a sentenza que ilegaliza a regasificadora de Xixón, e pide o peche de Reganosa

Planta regasificadora do Musel, en Xixón © Egagás

O Tribunal Superior de Justicia de Madrid (TSJM) vén de anular a autorización para a construción da regasificadora do porto do Musel en Xixón, concedida en 2008, debido a que incumpre a normativa que prohíbe este tipo de instalacións a menos de 2.000 metros de zonas habitadas, como denunciaron os Verdes de Asturias, integrados en Equo. Enagás, a empresa propietaria da regasificadora, finalizada pero inactiva, pode agora presentar un recurso ante o Tribunal Supremo, aínda que Equo pensa que non se vai presentar "pola contundencia da sentenza". Equo valora a resolución xudicial como unha "boa nova" e considera que a execución da sentenza debería levar "á demolición das instalacións", cuxo custo foi duns 380 millóns de euros.

A planta non foi conectada á rede por decisión do Goberno central, que o considerou innecesario, dado que non ten demanda de subministración e que as máis próximas, Bilbao e Reganosa, están a funcionar moi por baixo da súa capacidade, ao 50% no caso da planta vasca, e ao 20% a ubicada na ría de Ferrol. Porén, ao igual que no caso de Reganosa, Enagás, "está a cobrar" a amortización por "retorno do investimento" que se carga á factura dos usuarios da rede de distribución de gas, lembran dende Equo. Reganosa operou entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2012 un total de 260 días por debaixo do mínimo técnico de seguridade, que no caso da planta ubicada na Ría de Ferrol, se sitúa en 60 GWh por día, un 10% da capacidade total. Ademais, outros 65 días operou exactamente nese mínimo, cumprindo de forma moi axustada coa legalidade.

A distancia de Reganosa aos núcleos de poboación (Mugardos, Ferrol, O Seixo...) é moi inferior. En concreto as primeiras casas están a 100 metros, o núcleo urbano de Mugardos a 400 e o Arsenal de Ferrol e a fachada da cidade departamental a 800

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol celebrou a sentenza, e manifestou a súa sorpresa porque o mesmo tribunal ditou resolucións contrarias, polos mesmos motivos, nas demandas contra Reganosa, "cuxos incumprimentos son moito máis graves", segundo a plataforma. O Comité lembra que a distancia de Reganosa aos núcleos de poboación (Mugardos, Ferrol, O Seixo...) é moi inferior. En concreto as primeiras casas están a 100 metros, o núcleo urbano de Mugardos a 400 e o Arsenal de Ferrol e a fachada da cidade departamental a 800. O Comité Cidadáns tamén subliña que Reganosa está a escasos metros dun complexo petroquímico e carece das necesarias Declaración de Impacto Ambiental e Plan de Emerxencia. Tamén sinala que "a Planta do Musel está en mar aberto, mentres Reganosa está situada no interior dunha ría cun complicado acceso". Por todo isto a plataforma social reitera a súa esixencia de que a planta sexa pechada.

Planta regasificadora do Musel, en Xixón © Egagás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.