O vindeiro martes o Parlamento votará a toma en consideración da Proposición de Lei Integral de Identidade de Xénero de Galicia. A norma, promovida polos colectivos LGTBI e semellante a textos aprobados noutras comunidades autónomas, conta co apoio de EnMarea, PSdeG-PSOE e BNG; a súa aprobación depende da posición do PP, aínda non desvelada, pero que previsiblemente será negativa, segundo indican as entidades sociais que a impulsan. Este xoves, cinco días antes dese debate parlamentario, o Goberno galego realizou varios anuncios en materias que afectan directamente ao colectivo LGTBI e moi especialmente ás persoas trans. Ademais, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou convenios con dúas asociacións.
Este xoves, cinco días antes do debate parlamentario, o Goberno galego realizou varios anuncios en materias que afectan directamente ao colectivo LGTBI e moi especialmente ás persoas trans
Para Arelas, a asociación de familias de menores trans, que se negou a acudir á sinatura dese convenio, os anuncios realizados este xoves buscaban unicamente "facer a foto" e sementar unha imaxe favorable do Goberno galego antes da votación do martes. "Querían facer unha utilización das entidades LGBTI, sobre todo das entidades trans", destaca a presidenta de Arelas, Cristina Palacios, que di que “o compromiso do PP coa igualdade, os colectivos LGBTI e as persoas trans vaise demostrar o vindeiro martes no Parlamento, á hora de votar a toma en consideración da Lei de Identidade de Xénero".
Palacios valora negativamente, ademais, os dous anuncios realizados este xoves pola Xunta. Por unha banda, o Goberno galego anunciou a creación da unidade de referencia para atención á transexualidade en menores, composta por un equipo multidisciplinar composto por pediatras, endocrinos e profesionais da saúde mental, e qe estará situada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Arelas critica, en primeiro lugar "que un neno ou unha nena de Lugo ou de Vigo teñen que ir a Santiago". "Ese neno ou nena non ten ningunha enfermidade. Non sei se ao resto da persoas as mandan a unha unidade específica por ser como son", di Cristina Palacios.
"Querían facer unha utilización das entidades LGBTI, sobre todo das entidades trans"
Ademais, a entidade critica a presenza destacada nese equipo de psicólogos e psiquiatras. "Seguimos coas mesmas de ter que pasar por psicólogos e psiquiatras para que diagnostiquen a identidade da ou do menor. A única persoa que pode definir a identidade dunha persoa trans, adulta ou menor, é a propia persoa", destaca. "Menos mal que din que a unidade busca despatoloxizar a transexualidade. Parece que queren ver se a forza de mandalos a psicólogos e psiquiatras algún ou algunha desiste de ser trans", engade.
"Menos mal que din que a unidade busca despatoloxizar a transexualidade. Parece que queren ver se a forza de mandalos a psicólogos e psiquiatras algún ou algunha desiste de ser trans"
"O que si queríamos era un grupo de traballo, no que houbese verdadeiros especialistas, xente formada de verdade para poder facer cirurxías, que en Galicia non se están facendo e si noutros lugares do Estado", reclama. Palacios sinala que "cando tivemos unha xuntanza co Xerente do Sergas, non hai moito, xa lle trasladamos o noso malestar coa creación dunha 'unidade de referencia' ou como queiran denominala" que na súa opinión "segrega" os menores trans do resto dos nenos e nenas.
O outro anuncio realizado este xoves polo Goberno galego é o dun Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, un órgano que para Cristina Palacios podería ser positivo pero no que, denuncia, "non se conta coas asociacións LGTBI". "Ningunha entidade sabiamos que se ía crear isto. É coma se se crea un Observatorio de Violencia de Xénero sen contar coa entidades de mulleres maltratadas. Sería absurdo", engade.