O Concello de Santiago esíxelle 600 euros a Queremos Galego por colocar un palco

Cartaz da manifestación CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Nova manifestación de Queremos Galego e novo atranco do Concello de Santiago. O consistorio que dirixe Ángel Currás vén de responder á solicitude formulada pola plataforma en defensa da lingua para instalar un palco e megafonía no remate da manifestación convocada para o vindeiro día 27 contra o decreto do plurilingüismo e a Lei Wert. A resposta do Concello inclúe un precepto que o colectivo ve "inédito": poden instalar o palco, pero previo pagamento dunha fianza de 600 euros.

Menos dun ano despois de que a xustiza tombase os atrancos que puxera o goberno compostelán para a celebración do acto final da marcha de Queremos Galego -naquel caso, co gallo do Día das Letras-, o colectivo lembra que daquela "xa tivo que recorrer e gañar nos tribunais a autorización de megafonía e palco na praza da Quintana", polo que desta volta "non dubidará en recorrer outra vez se finalmente se impide a celebración desta manifestación, convocada e notificada á Delegación do Goberno en tempo e forma, como é preceptivo.

Neste contexto, Queremos Galego non dubida de que a petición de fianza supón "un atranco á liberdade de expresión", ademais dunha ruptura "do compromiso do goberno municipal de excluír do pagamento de taxas e fianzas para a utilización da vía pública ás entidades sen ánimo de lucro", caso por exemplo desta plataforma. "Isto é unha mostra máis do uso que quere facer o PP das institucións como a súa finca particular", afirman, xa que este tipo de procedementos, na súa opinión, "permiten ou limitan a expresión democrática da cidadanía en función da súa coincidencia ideolóxica". O Concello, conclúen, non debera "buscar problemas onde até agora non os houbo".

En maio de 2012 a Xustiza tombou os atrancos impostos polo Concello a Queremos Galego

A orixe deste tipo de fianzas e tamén da devandita promesa de non aplicarllas ás asociacións e grupos sen ánimo de lucro está na ordenanza de ocupación da vía pública. Esta norma, aprobada en maio de 2012 no medio dunha intensa controversia, contiña polémicas disposicións como equiparar as mesas informativas a caixeiros automáticos ou xeralizar as peticións de permisos e cobramentos de taxas para realizar actividades na rúa.

Cartaz da manifestación CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.