O Congreso aprobou este mércores, cos únicos votos en contra do PP e a abstención de Ciudadanos, instar o Goberno a anular a prórroga concedida o pasado mes de xaneiro polo Executivo en funcións para a permanencia de ENCE 60 anos máis na ría de Pontevedra, cuxa autorización caducaba en 2018.
O PP votou en contra da proposta de En Marea, mentres que Ciudadanos abstívose
A Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aprobou a proposición non de lei de En Marea que pide botar atrás esta prórroga aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. A proposta da formación galega contou co apoio de 23 votos e coa posición contraria do PP (15) e a abstención dos representantes de Ciudadanos.
Durante o debate en Comisión, o voceiro de En Marea, Antón Gómez-Reino lembrou os "danos sobradamente probados" de ENCE a nivel medioambiental e social, así como "o agresivo que é para o territorio a plantación de eucaliptos" impulsada pola factoría. Tamén advertiu que na actualidade o emprego que xera "só constitúe o 1%" do que hai na cidade e que "impide que outros sectores como o turístico ou o marisqueiro se poidan desenvolver". "Non xera riqueza na ría nin a nivel fiscal porque está domiciliada na Castellana de Madrid", dixo.
Por outra banda, lembrou que a decisión de prorrogar a presenza de ENCE na ría en funcións fíxose "contra unha maioría social tanto en Pontevedra como en Galiza" e que "decisións tomada en quince minutos poden ter consecuencias durante séculos". "Galiza non se vende; o seu lixo, mellor fóra das nosas rías", rematou.
"Decisións tomadas en quince minutos p oden ter consecuencias durante séculos", lembrou Gómez-Reino
O portavoz socialista, Guillermo Meijón, recordou con varias citas a defensa que varios cargos do PP, con Rajoy xa na Moncloa e Feijóo de presidente, fixeron para defender a retirada da empresa a outra ubicación. Así, mostrou o seu apoio á marcha da papeleira e advertiu da "rotunda mensaxe do Partido Popular" que contrasta coa prórroga impulsada. A proposta final, transaccionada, contou con achegas do PSOE pactadas con En Marea.
Ciudadanos, pola súa banda, negouse a apoiar a iniciativa malia non gustarlle "as formas do PP coa prórroga" e tras asegurar que a proposta de revogar esa devandita prórroga da concesión "é igual de radical polo que afecta aos postos de traballo". En canto ao PP, a deputada Teresa de Lara lembrou que a autorización ambiental foi renovada en 2008 polo goberno bipartito e defendeu que a decisión de prorrogar a presenza da factoría na ría "é unha decisión administrativa e non política", ao tempo que advertiu que "a praia de enfronte ten a bandeira azul da UE". "A súa nova política é mala política; mala política é pretender deixar sen traballo a milleiros de galegos... Declarar persona non grata a un cidadán exemplar como Rajoy non é só mala política, senón unha mezquindade", rematou.
"A súa mala política é pretender deixar sen traballo a milleiros de galegos", di o PP, que cre "mezquino" ter declarado a Rajoy 'persona non grata' en Pontevedra
Co gallo desta proposta de En Marea, asistiron ao Congreso o portavoz da Plataforma ENCE Fóra da Ría, Xulio Carmona, e máis o portavoz da Marea de Pontevedra, Luís Rei. Para Carmona “o Goberno en funcións non pode atrancar a comarca de Pontevedra durante 60 anos máis. Agora mesmo hai sensibilidades no Parlamento e pódese botar para atrás algo que nunca se debeu aprobar. Isto non remata, irá acompañado de novas mobilizacións para impedir que os intereses privados e as portas xiratorias sexan os que se impoñan nesta decisión”.
Pedro Sánchez reprocha a Rajoy a "hipoteca" que supón a prórroga de ENCE
Antes, no pleno do Congreso, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, aproveitou a presenza do presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, para lle reprochar que tomase nestes meses medidas que "hipotecan" futuros executivos, como a prórroga a Ence. O líder socialista recriminou ao PP que presente certas decisións como simples "trámites burocráticos sen importancia" e se negue a someterse a control da Cámara.
Sánchez reprocha a Rrajoy que concedese unha prórroga "coa que hipotecou 15 futuros gobernos hipotéticos que tivesen outra opinión"
"Estando en funcións gastou 3.500 millóns de euros e outorgou a unha industria papeleira unha polémica prórroga de nada menos que 60 anos, coa que hipotecou 15 futuros gobernos hipotéticos que tivesen outra opinión", dixo Sánchez en referencia a ENCE e a unha decisión que creou unha fonda polémica en Galicia e que levou a que o Concello de Pontevedra declarase a Rajoy persona non grata. "Un goberno en funcións non é un goberno descontrolado", insistiu o líder do PSOE.
Os socialistas, no seu intento por contar co apoio de En Marea de cara á súa investidura, ofreceron á coalición galega hai algo máis dun mes "revisar" a prórroga adoptada polo Goberno central con ENCE. Era a única alusión á celulosa e á devandita prórroga naquel documento, insuficiente para a formación galega, que aposta por anular esa prórroga e non por unha simple revisión.