O Congreso debate a lei da PAH con 12.232 desaloxos en Galicia nos últimos 5 anos

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

O problema da vivenda foi un dos asuntos políticos clave nos últimos anos e centrou unha parte importante das mobilizacións sociais durante os anos máis duros da crise económica. Os desafiuzamentos, execucións hipotecarias e lanzamentos inmobiliarios multiplicáronse en moitos barrios populares e tamén a resposta ofrecida por entidades como a PAH (Plataforma de Afectados pola Hipoteca) ou Stop Desafiuzamentos. Esta resposta, produto da autoorganización social, foi en moitos casos directa, promovendo concentracións ante as vivendas que ían ser desaloxadas ou ante as entidades bancarias que executaban esas medidas. Pero a PAH tamén impulsou dende o comezo unha serie de propostas políticas e lexislativas para loitar contra estas situacións.

"Sen as 5 da PAH, eu non vos voto" dicíanlles no ano 2015 os grupos galegos das PAH e de Stop Desafiuzamentos aos partidos políticos, á vez que rexistraban no Parlamento unha moción de medidas urxentes

A Plataforma leva anos impulsando unha proposta con cinco grandes medidas. "Sen as 5 da PAH, eu non vos voto" dicíanlles no ano 2015 os grupos galegos das PAH e de Stop Desafiuzamentos aos partidos políticos, á vez que rexistraban no Parlamento unha moción de medidas urxentes para asegurar o dereito á vivenda e na que demandaban unha serie de cambios lexislativos -a nivel galego e estatal- e accións políticas para combater as situacións de urxencia habitacional e de pobreza enerxética que sofren milleiros de cidadáns e cidadás.

Este martes chega ao Congreso a lei da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que recolle esas 5 grandes propostas, e que estivo bloqueada polo Goberno de Mariano Rajoy e pola maioría que PP e Ciudadanos teñen na Mesa da cámara. As cinco medidas que inclúe a norma son, en primeiro lugar, a dación en pago retroactiva, de xeito que a débeda xerada por unha hipoteca quede saldada coa entrega da vivenda; tamén se demandan medidas para asegurar que os alugueiros teñan un prezo alcanzable e garantías para os ocupantes dos inmobles alugados, incrementando a duración mínima dos contratos e limitando os casos nos que os propietarios poden resciendir eses contratos.

En terceiro lugar, propóñense actuacións para impedir os desafiuzamentos hipotecarios, obrigando a bancos e grandes propietarios a ofrecer o alugueiro social ás familias afectadas antes de executar o desafiuzamento. A norma inclúe iniciativas para fomentar as vivendas sociais, mobilizar as vivendas baleiras ou promover un alugueiro social non superior ao 30% dos ingresos dunha familia. Finalmente, apóstase por asegurar os subministros básicos, garantindo que non se cortarán nunca os subministros básicos de auga, luz e gas sen antes coñecer a situación das persoas afectadas.

Os e as promotoras da iniciativa confían na súa aprobación, asegurando que contan co apoio de Unidos Podemos - En Comú Podem - En Marea, ERC, Compromís e EH Bildu, e tamén do PSOE. Serían determinantes, polo tanto, os votos de PNV e PDeCAT, grupos cos que as entidades sociais están a negociar nos últimos meses.

Nos últimos anos o número de lanzamentos inmobiliarios practicados en Galicia mantívose estable, roldando as 2.500 cada ano, o que supón unha media de 7 desaloxos diarios dende o ano 2013

Nos últimos anos o número de lanzamentos inmobiliarios practicados en Galicia mantívose estable, roldando as 2.500 cada ano, o que supón unha media de 7 desaloxos diarios dende o ano 2013. En total, nestes cinco anos 12.232 familias foron expulsadas das súas vivendas, a maior parte aplicado a Lei de Arrendamentos Urbanos, é dicir polo impago do seu alugueiro ou outros motivos. As execucións hipotecarias representan algo menos dun terzo do total de lanzamentos inmobiliarios.

Acción da PAH en Vigo © PAH Vigo Tui-Baixomiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.