O Consello de Europa denuncia malos tratos en cárceres, CIE e comisarías españolas

Fotografía que achegaron como prueba os denunciantes por lesións, arresto ilegal e torturas durante o 25S © El Diario

O Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (CPT) denuncia a existencia de "alegacións cribles e consistentes" de malos tratos a persoas detidas en réxime de incomunicación e reitera que "segue sen resolverse" o problema dos malos tratos que infrinxe a Garda Civil a persoas sospeitosas de delitos de terrorismo tras varias décadas advertindo desta situación.

No seu informe sobre a última visita que o organismo do Consello de Europa realizou en 2011 a varias prisións, comisarías e Centros de Internamento para Estranxeiros en España, o CPT realiza unha serie de recomendacións e peticións ao Goberno español para acabar cos tratos inhumanos ou degradantes.

Neste sentido, solicita unha investigación "rigorosa e independente" sobre os métodos utilizados nos interrogatorios, xa que considera que se realizan, con frecuencia, á marxe da normativa vixente". Ademais, insta a España a establecer un "código de conduta" para os interrogatorios no que se debería prohibir expresamente vendar os ollos ou encapuchar as persoas que se achen baixo custodia policial" así como ampliar as gravacións ás salas onde se realizan e celas como unha "garantía eficaz fronte aos malos tratos". Tamén recomenda que os xuíces ou fiscais tomen nota por escrito das denuncias por malos tratos e recrimina que en ningún dos casos estudados pola institución se tomaron medidas para investigar a coacción ou malos tratos denunciados.

Na súa resposta, o Goberno español obvia a denuncia de "alegacións cribles e consistentes" de malos tratos que realiza o CPT e limítase a repasar a lexislación vixente, que prohibe e castiga a tortura

Na súa resposta, o Goberno español obvia a denuncia de "alegacións cribles e consistentes" de malos tratos que realiza o CPT e limítase a repasar a lexislación vixente, que prohibe e castiga a tortura. Tamén rexeita a realización dunha investigación "rigorosa e independente" porque considera que xa a leva a cabo a Xustiza e estima que a creación dun órgano específico "resultaría dificilmente compatible non só coa propia misión dos órganos xudiciais, senón que tamén podería afectar á propia capacidade e operatividade dos axentes".


Lembra que os CIE non deben ser prisións

O Comité Antitortura tamén denuncia malos tratos e comentarios racistas nos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE) e pide que se revisen as condicións destes lugares

O Comité Antitortura tamén denuncia malos tratos e comentarios racistas nos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE) e pide que se revisen as condicións destes lugares para asegurar que "respondan a un ambiente menos restritivo", porque "non deberían funcionar como prisións", lembra o texto.

O Goberno español explica que os "elementos de contención pasiva" (por exemplo, as reixas) teñen como finalidade evitar os intentos de fuga que buscan frustrar a repatriación. Ademais, deféndese cunha criminalización xeneralizada dos inmigrantes encerrados: "Non hai que esquecer que unha porcentaxe bastante destacado de internos ten antecedentes policiais ou procede de Centros Penais, o que fai que as medidas tendentes a evitar unha posible fuga sexan as estritamente necesarias. Ademais, nalgunhas ocasións se o interno que foxe posúe antecedentes delituosos iso incrementa a perigosidade da fuga e xera riscos adicionais", expresa o Estado español.

Entre as recomendacións que fai o organismo en canto aos CIE atópanse a mellora dos réximes de visitas aos internos, das condicións de hixiene que se lles ofrece aos inmigrantes, así como da asistencia sanitaria e a formación do persoal que atende estes centros.


Pide identificacións visibles dos policías

Comparte co Defensor do Pobo en Cataluña a petición de que os Mossos d'Escuadra "leven en cada momento e de forma visible cartóns de identificación cando están de servizo"

O informe fai fincapé no desaloxo, o 27 de maio de 2011, da acampada do movemento 15M na Praza de Catalunya. A institución europea denuncia o "abuso de forza" por parte da policía nesa operación. En canto á súa análise dos feitos, o CPT insiste no seu interese pola investigación prometida polo conseller de Interior e comparte co Defensor do Pobo en Cataluña a petición de que os Mossos d'Escuadra "leven en cada momento e de forma visible cartóns de identificación cando están de servizo".

Fotografía que achegaron como prueba os denunciantes por lesións, arresto ilegal e torturas durante o 25S © El Diario
Antidisturbios en Madrid CC-BY-SA Juanlu Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.