"O corpo para protestar usámolo todas"

Protesta dunha activista de Femen, o pasado mes de abril, ante Putin e Merkel CC-BY-SA Wolf Gang

A acción levada a cabo por activistas de Femen no Congreso para protestar contra a reforma da lei do aborto que prepara o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón dominou as portadas dos medios. Deu que falar na rúa, nos bares e nas redes sociais, irritou os representantes do Goberno, do Partido Popular e das cabeceiras máis conservadoras. Ademais, situou na axenda unha iniminente reforma lexislativa que limitará ao máximo o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, devolvendo España a unha situación anterior a 1985 e neste momento case inédita no seu entorno.

Lara Alcázar, líder de Femen en España, afirmou este xoves que as accións continuarán e "chegarán máis lonxe", destacando que "se para Gallardón é sagrado o catolicismo e é sagrada a súa moral, para nós o que é sagrado é a vida e a decisión dunha muller sobre o seu propio corpo". "O noso corpo non é un objecto erótico, é un obxecto de protesta, é un contexto político. Están liberados de calquera sentido patriarcal, son usados para nós, para as nosas reivindicacións".

A acción logrou, pois, os seus obxectivos. Pero o uso dos corpos espidos como instrumento de loita política xera debate: é lexítimo?, é efectivo? O mesmo que o "tipo de corpos" amosados, e a propia actividade do grupo Femen. Falamos con activistas de distintos movementos feministas galegos sobre a acción, que con matices ou sen eles, a valoran positivamente.

Lola Ferreiro destaca que "o corpo para protestar usámolo todas. Que eu saiba, cando saímos á rúa, que ultimamente é semana si, semana non, saímos co corpo, e non co espírito, o que pasa é que saímos vestidas"

“Paréceme unha acción moi trasgresora, moi bonita e moi fóra do habitual, polo que a valoro positivamente”, di Lola Ferreiro. “Creo que o feito de que saísen espidas de cintura para arriba é o que levou a que estean ocupando as portadas dos medios, e dominando as redes sociais. Se berrasen dende a tribuna de convidadas do Congreso completamente vestidas, sairían nos medios, pero supoño que de forma tanxencial”, engade, e salienta que "é importante que se fale do tema, porque o tema en si é a agresión contra os dereitos das mulleres, a limitación do dereito ao aborto, sobre a que os grandes medios informan de maneira interesada, dun xeito que se achega bastante á violencia simbólica".

Ferreiro destaca que "o corpo para protestar usámolo todas. Que eu saiba, cando saímos á rúa, que ultimamente é semana si, semana non, saímos co corpo, e non co espírito, o que pasa é que saímos vestidas". "Que pasa cando algunhas dan un salto cualitativo e ispen o corpo?", pregúntase, "pois que dan máis que falar, e dar que falar é importante. Penso que é moi valente pola súa parte".

Paula Ríos di que “reasignar significado político aos nosos corpos é algo que as mulleres e os feminismos veñen facendo dende hai tempo. Se na publicidade utilizan os nosos corpos para vender, por que non imos usalos nós para as nosas loitas?"

O mesmo pensa Paula Ríos, que di que “reasignar significado político aos nosos corpos é algo que as mulleres e os feminismos veñen facendo dende hai tempo. Se na publicidade utilizan os nosos corpos para vender, por que non imos usalos nós para as nosas loitas". Ríos lembra que "o uso do corpo nu para reivindicar o dereito ao aborto é algo que xa se fixo recentemente en Ecuador, tamén no Parlamento. E naquela ocasión permitiuse a protesta, porque a presidenta do Parlamento entendeu que ese era tamén un espazo de protesta, e as mulleres indíxenas puideron realizar a súa acción cos seus torsos espidos, reivindicando os seus dereitos como mulleres".

Dende Conas Ceives, destácase que "poñer o debate sobre a mesa é bo, e as formas de protesta de cada un son unha escolla persoal, que están na súa liberdade. Neste caso, ademais, usar o corpo para protestar contra o que é un ataque ao dereito da muller de decidir sobre o seu corpo é aínda máis axeitado. É unha forma de reapropiación do corpo". E sinalan que "parece que algunhas cousas molestan máis que outras".

Tamén celebra a acción Rocío Fraga: "Se o obxectivo é saír nos medios e chegar a xente á que non damos chegado por outras vías, e o obxectivo está conseguido, pois ole por elas. E ademais neste tema, no que está en xogo a libre elección da muller, e a decisión sobre o seu corpo, pois este tipo de acción paréceme máis correcta aínda". Engade así mesmo que "desenmascararon a algúns partidos, coma o PSOE, que nas súas reaccións demostraron que seguen sen incorporar as demandas e as prácticas dos movementos sociais na súa axenda".

 

Que tipo de corpos e outras críticas

"O que me parece criticable é que as mulleres que se ispen respondan ao canon de beleza aceptado e definidio polo patriarcado"

Porén, Fraga introduce matices: "A min empregar o corpo para a acción feminista paréceme lexítimo e nós xa o temos utilizado. O que me parece criticable é que as mulleres que se ispen respondan ao canon de beleza aceptado e definidio polo patriarcado. E de feito nas accións que desenvolvemos nós procuramos que as mulleres que se ispan non sexan só as de 20 anos". E engade: "Tamén me pregunto cal serían as reaccións se fosen unha gorda, unha peluda  e unha muller cunha masectomía, pregúntome de saírían nas fotogalerías dos medios. Pregúntome igualmente cal sería a repercusión  se en lugar de ser Femen, fósemos nós, que non nos coñece ninguén". Fraga destaca que "hai que sacar tamén outros corpos, e hai que perder o medo a utilizar todos os corpos, non só os normativos".

Pola contra, para Lola Ferreiro, "falar das características dos corpos amosados métenos nun debate que creo que está cheísimo de trampas patriarcais. Se en vez de seren tres corpos novos, coma os vistos no Congreso, se espisen tres mulleres de máis idade, con corpos máis vellos, ou con cicatrices, ou o que fose, estaríamos escoitando outra serie de comentarios, e todos ao redor do corpo da muller".

"Levamos meses protestando, pero nos medios só saimos cando ensinamos as tetas. Pois igual é o temos que saír en pelotas nas manifestacións"

Paula Ríos dirixe as súas críticas ao tratamento que se lles deu nos medios de comuncación: "levamos meses protestando, pero nos medios só saimos cando ensinamos as tetas. Pois igual é o temos que saír en pelotas nas manifestacións", di. 

Dende ámbitos feministas non se fai unha crítica a esta acción, pero si a Femen como organización. Por exemplo, El Diario daba conta estes días de que "un documental revelou que el grupo ucraíno estaba dominado en Kiev por un home, un activista de 36 anos de conduta moi pouco feminista". A este respecto Rocío Fraga sinala que "son máis crítica con Femen por outras cuestións, paréceme criticable ese certo afán paternalista de ir polo mundo adoutrinando, como fixeron en Túnez". De igual xeito, Paula Ríos afirma que "hai outras cousas polas que poderiamos criticar as Femen, por exemplo os seus métodos de adestramentos, pero non por esta protesta". Con todo, Ríos engade que "nos últimos tempos hai demasiada información en contra das Femen, iso tenos un pouco alerta. Eu prefiro sopesar estas críticas, porque temos claro que o sistema sempre nos intenta dividir internamente. Os feminismos somos moi diversos e o sistema patriarcal busca dividirnos. Eu non son quen para dicir quen é feminista e quen non".

"Os feminismos somos moi diversos e o sistema patriarcal busca dividirnos. Eu non son quen para dicir quen é feminista e quen non"

Outras críticas diríxense máis a efectividade da acción ou á súa continuidade. "Cal é o obxectivo? Saír na prensa? Moi ben, e agora que?", pregúntase Rocío Fraga. De igual xeito, Fran P. Lorenzo afirmaba no seu blog que "abrollan en min sentimentos contraditorios"sobre a acción e poñía en dúbida a súa efectividade "É transgresor o nu das Femen? Aquí e entre nós eu creo que non. O día despois das tetas ao vento terei que vestir outra vez a camisa e pelexar polo que roucos, sormarías e gallardones -excrecencias dese estado nacional-católico que aínda padecemos- nos queren graciosamente arrebatar".

"Cal é o obxectivo? Saír na prensa? Moi ben, e agora que?"

Lorenzo tamén reflexionaba sobre a terminoloxía empregada polas activistas: "O aborto é sagrado". "Creo que entendo cal é a intencionalidade da proclama. Subvertir os dogmas católicos que impulsan este retroceso legal tan indigno, alentado polas hordas opusianas de Gallardón", escribe o xornalista, que destaca no entanto que "non creo nos dereitos sagrados e o aborto é un dereito, hoxe ameazado. Sonche máis de laicizar que de sacralizar". A este respecto Rocío Fraga sinala que "entendo que están utilizando o léxico do PP e entendo que utilizaron iso para escandalizalos máis, polo que me parece ben".

"Subestimar o poder da imaxe, desbotar o fascinio dese tipo de iconas é non vivir neste tempo noso"

En calquera caso Fran P. Lorenzo celebraba o impacto da acción e do método escollido: "Subestimar o poder da imaxe, desbotar o fascinio dese tipo de iconas é non vivir neste tempo noso. Ás veces advirto no noso contexto político, no de aquí, un certo desprezo polo codia dos feitos, pola posta en escena. Ao fin e ao cabo, o que importa é o discurso, estamos de acordo. Pero pensar que as formas nas que se envolve importan menos, crer que o significado é superior ao significante, é case tan absurdo como demonizar os móbiles e as redes sociais, polo xeito no que mudaron o vello sistema das relacións humanas".

 

A visión dende a 'caverna'

Alfonso Ussía: "as tetas femininas, ademais dunha fermosura e un enigma aínda non resolto polos homes, teñen unha orixe de utilidade. Alimentar os seus fillos recén nacidos"

Onde si houbo unanimidade, na súa contra, foi entre os políticos e os medios de comunicación da dereita. Dende o propio Gallardón facendo uso da palabra no Congreso, segundos despois da protesta, até o deputado González Pons, que afirmou que a protesta de Femen "atenta contra a democracia", ou o ministro do Interior (que dixo que "alguén lles debeu pagar para estar aí"), pasando pola vicepresidenta do Congreso, Celia Villalobos, que cualificou a protesta de "mero exhibicionismo", o Partido Popular foi moi crítico coa acción.

Tamén os medios de comunicación conservadores, que tanto nas súas páxinas de información coma nos seus espazos de opinión, cargaron contra as activistas. Por exemplo, Jaime González, xefe de Opinión de ABC, escribiu que "si el feminismo radical se empeña en sacar pecho, lo único que va a conseguir es subrayar precisamente lo que quiere destruir: las notables diferencias naturales entre el varón y la hembra (y viceversa). Por muy poderosas razones que esgriman las chicas de Femen, creo que el 'feminismo de género' ha confundido peligrosamente las mamas con las témporas, que es tanto como confundir la gimnasia y la magnesia".

E Alfonso Ussía, en La Razón, afirmou nun artigo titulado "Tetas" que "esa necesidad de enseñar los pechos responde, probablemente, a su incapacidad intelectual para exponer argumentos convincentes" e que "las tetas femeninas, además de una hermosura y un enigma aún no resuelto por los hombres, tienen un origen de utilidad. Alimentar a sus hijos recién nacidos. De ahí que no pueda ofender la opinión de que las chicas de 'Femen' han errado en su exposición pectoral".

Protesta dunha activista de Femen, o pasado mes de abril, ante Putin e Merkel CC-BY-SA Wolf Gang
Activistas, ante unha das sedes de Hidralia Energía, en agosto de 2012 CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.