O curso universitario comeza como rematou: protestas contra os recortes

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Comeza un novo curso universitario e comeza, un ano máis, coas protestas xeralizadas do persoal, os sindicatos e as organizacións estudantís ante os recortes. Todos eles chaman a concentrarse este venres en Compostela con motivo do acto de apertura do curso académico e farano poñendo en escena  unha tesoirada no Obradoiro para, media hora máis tarde, ás 11.30, protestar ante o Pazo de Fonseca, onde se realizará o acto oficial de inauguración con todas as autoridades presentes.

Pouco cambiou desde o final do curso pasado, que levou a finais de xullo a representantes de PDI e PAS laboral e funcionario das tres universidades galegas a presentar ante o Valedor do Pobo unha queixa para mostrar o seu rexeitamento aos recortes orzamentarios no sistema universitario galego. Daquela denunciaban que os recortes “violan a autonomía universitaria e o principio de boa administración con actuacións sen apoio no ordenamento xurídico”. Agora, seguen denunciando o mesmo e repetindo a reivindicación de hai pouco máis dun mes. "Precisamos máis recursos se queremos que Galicia sexa un país con futuro e non condenado ao fracaso", pedían, para deter "a insostíbel situación" na que quedaban as universidades por mor dos devanditos recortes.

O curso universitario comeza como rematou: con protestas unánimes contra os recortes

Durante os meses anteriores, protestas e folgas estudantís contra a política educativa de Wert, que segue a ser o gran sinalado entre as decisións dos gobernos do PP. Segundo o persoal das universidades, os sindicatos e as organizacións estudantís, a rebaixa orzamentaria no Sistema Universitario Galego é do 20% nos últimos catro anos e o financiamento estrutural, que cobre os gastos de persoal e os gastos correntes básicos das universidades, pasou en 2013 de 290,06 millóns de euros a 250,74 millóns. Ao tempo, alertan da "intromisión na autonomía universitaria" que supón a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia busca un cambio de modelo que pasa polo afogo económico e a privatización das universidades, tal e como denunciaron nun comunicado conxunto.

Persoal, sindicatos e estudantes denuncian a progresiva "privatización e elitización" do ensino superior

Alén disto, todos coinciden en censurar unhas medidas que provocan a progresiva "privatización e elitización" dun ensino superior do que se están a "expulsar os estudantes das familias con menos recursos" por mor da "suba de taxas, pero sobre todo da reforma Wert do sistema de bolsas". "O persoal das universidades galegas leva varios anos sufrindo recortes salariais cunha perda do poder adquisitivo do 25%", denuncian, ademais de alertar de que "a non reposición das vacantes provoca unha grave descapitalización das universidades e unha atención cada vez máis deficiente ás actividades docentes e investigadoras".

Xa que logo, sindicatos, estudantes, profesorado e persoal universitario volven advertir dun curso quente en canto a mobilizacións e malestar ante os recortes. Nesta xornada inaugural, a convocatoria é unitaria e masiva. (CIG, CCOO, CUT, FETE-UGT, Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, Comité intercentros de PAS USC, Comité de empresa do PAS UdC, Comité de empresa de PDI da USC, Comité de Empresa de PDI da UdC, XPDI USC, XPDI da UdC, Xunta do PAS da USC, Xunta do PAS da UdC, Alternativa de PAS Asemblearia, Asemblea pola Defensa da Universidade de Vigo, Plataforma de anulados USC). Os colectivos prevén que a xente acuda a manifestarse "cunha tesoira na man (de papel ou cartón)" e a construír entre todos os participantes unha silueta de tesoira.

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.