"É un decreto que non crea problema ningún na comunidade educativa. Non hobo reclamación ningunha que tivese que ver coa aplicación práctica do decreto do plurlingüismo". Así de contundente se amosou este mércores Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que analizou na Radio Galega a setenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula dous artigos básicos da polémica norma.
"Faltan cinco recursos por resolver e non temos decidido o que facer; analizaremos as sentenzas e buscaremos unha vía satisfactoria"
"Non temos ningún tipo de conflito lingüístico dentro das aulas, hai harmonía; outra cousa é que haxa axustes que facer", engadiu García, que insistiu en enviar unha mensaxe de "calma e cautela" logo de que o TSXG botase abaixo o cerne da política lingüística do Goberno de Núñez Feijóo ao anular a consulta do idioma vehicular en Infantil aos pais, así como a posibilidade de que os rapaces poidan empregar a lingua que queiran nas materias impartidas en galego. "Faltan cinco recursos por resolver e non está decidido o que se vai facer; analizaremos todas as sentenzas e escoitaremos os servizos xurídicos da Xunta para, a partir de aí, buscar unha vía satisfactoria que garanta o coñecemento do galego en todos os niveis do sistema educativo", asegurou o secretario xeral, que recoñeceu a posibilidade de que o Executivo se vexa obrigado a realizar cambios no decreto, que non será derrogado. "Atoparemos ese punto común que sexa o ben común para todos", insistiu.
"Temos que facer a consulta aos pais porque queremos coñecer a súa opinión, aínda que non poida ser vinculante"
En canto á consulta lingüística ás familias, anulada pola Xustiza, Valentín García advirte que "todos os decretos contemplan a posibilidade de facer esta pregunta". "Non é que non se poida facer a consulta, de feito temos que facela porque queremos coñecer a opinión dos pais; o que di a sentenza é que o seu resultado non pode ser vinculante", engadiu, logo de aclarar que a sentenza "reforza un dos principios inspiradores do decreto, que é o principio de equilibrio entre galego e castelán". "Tamén se reforza a introdución do plurilingüismo e ambos os dous principios foron avalados como perfectamente legais pola sentenza", dixo García, que seguiu ao pé da letra o argumentario común do PP e da Xunta.
Onde si saíu un pouco do guión o secretario xeral foi foi ao aclarar que a Política Lingüística "ten que aplicarse de xeito horizontal e en todos os ámbitos". "Hai que atender á industria, ao comercio, ás novas tecnoloxías... Tes que atender a calquera punto da sociedade", asegurou, coincidindo coa reclamación que vén de facer a CTNL, que reclama que a Secretaría Xeral sexa "transversal" e non dependa unicamente da Consellería de Cultura e Educación.
Ademais, García recoñeceu que "a lingua é unha materia delicada" porque "é un ben común e calquera cambio ou calquera cuestión que afecte ao sistema educativo son moi sensibles".