O derrube da casa de Carvalho Calero como símbolo da decadencia de Ferrol Vello

A casa natal de Carvaho Calero está no barrio de Ferrol Vello CC-BY-NC-SA Lydia gonzález dios

O derrube dunha parede medianeira na casa natal de Carvalho Calero, o pasado luns, saltou ás portadas dos medios pola significación histórica do escritor e intelectual ferrolán, pero foi só unha mostra máis da situación de decadencia que vive a zona máis antiga da cidade, o barrio mariñeiro de Ferrol Vello. Dende hai anos sucédense as novas de fachadas desprendidas, rúas cortadas (a de Carmen Curuxeiras leva meses valada), edificios abandonados e traslado de veciños e comercios dun barrio declarado Ben de Interese Cultural e que esmorece día a día. 

O esborralle dunha parte importante da vivenda na que naceu Ricardo Carvalho Calero non foi un accidente máis, polo seu carácter simbólico e polo feito de ser unha propiedade do Concello de Ferrol na que a administración local gastou 435 mil euros nos últimos anos

O esborralle dunha parte importante da vivenda na que naceu Ricardo Carvalho Calero non foi un accidente máis, polo seu carácter simbólico e polo feito de ser unha propiedade do Concello de Ferrol na que a administración local gastou 435 mil euros nos últimos anos. O proxecto de convertela nun centro cívico para o barrio e, en certa forma, un núcleo a partir do cal iniciar unha rehabilitación integral da zona, está enriba da mesa dende hai anos, pero nunca chegou a poñerse en marcha. Agora, en resposta ás denuncias públicas realizadas por forzas políticas e entidades sociais dende o luns, o Concello reitera a súa promesa de que as obras de recuperación da vivenda comezarán tras a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección e Rehabilitación, prevista para finais de ano.

É certo que nos orzamentos para 2014 figura unha partida de 168 mil euros para o inicio destas obras, pero iso non evita as críticas dos partidos da oposición, dende o PSdeG-PSOE, que lle pediu ao concelleiro de Urbanismo que "fale máis do que fai ou deixa de facer e fale menos dos goberno anteriores", até EU e BNG, con iniciativas en marcha no Parlamento galego. Esquerda Unida demandou que "o debate sobre o Plan especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello non sexa un mero trámite" e que "a rexeneración urbana" debe estar "ligada á recuperación económica do barrio e á conservación patrimonial". "Agora ben" -engaden- "isto significa investimento público e participación cidadá na toma de decisións”. De igual xeito, o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento para "esixir que a Xunta de Galicia se implique na recuperación e conservación de Ferrol Vello", ao tempo que considerou "alarmante" a "pasividade coa que o goberno local enfronta os problemas de deterioro urbano e arquitectónico da cidade".

Faltan moitos meses aínda para a aprobación do devandito Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello, e na cidade son cada vez máis as voces que reclaman unha actuación "urxente"

En calquera caso, faltan moitos meses aínda para a aprobación do devandito Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello, e na cidade son cada vez máis as voces que reclaman unha actuación "urxente", mentres seguen cortadas varias rúas e o aspecto xeral de espazos tan importantes coma a Praza Vella é dun completo abandono, case o dunha cidade pantasma. Diario de Ferrol publicou un editorial este martes no que conclúe que "o Concello debe actuar xa" e lembra que "o cuantioso investimento do Concello de Ferrol, tanto na adquisición da casa natal de Ricardo Carvalho Calero coma na anexa de cara á súa futura conversión nun centro público cívico e cultural, así coma nas obras de apuntalamento e mantemento realizadas con posterioridade, fai recaer na institución municipal toda a responsabilidade". Así mesmo, a Fundaçom Artábria denunciaba este martes as "promessas incumpridas e escassas concreçons" do Goberno municipal e sinalaba que o estado xeral do barrio de Ferrol Vello "que sofre umha decadência insuportável" é "ilustrativa da situaçom geral do Concelho de Ferrol".

A casa natal de Carvaho Calero está no barrio de Ferrol Vello CC-BY-NC-SA Lydia gonzález dios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.