O desmantelamento dos centros de orientación familiar en Galicia

Manifestación contra o peche do COF do Ventorrillo Dominio Público @15Mmontealto

Menos traballadores e menos medios para os dez Centros de Orientación Familiar (COF) de Galicia. Diversos colectivos, e os propios empregados, levan tempo denunciando a destrución de diferentes prazas de profesionais nos devanditos centros e chamando a atención sobre o "desmantelamento" da atención pública da saúde sexual e reprodutiva no país por parte da Xunta e que provoca "a perda dos dereitos sanitarios e da calidade asistencial ante o grave retroceso nos dereitos sexuais e reprodutivos, especialmente das mulleres".

Os COF contan cada vez con menos traballadores e menos medios, o que provoca "a perda de dereitos sanitarios e de calidade asistencial"

Así o denunciaron xa hai uns días a Plataforma SOS Sanidade Pública, o colectivo de profesionais dos COF de Galicia, a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas e a Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto no Manifesto polo Dereito a unha Atención Pública e de Calidade da Saúde Sexual e Reprodutiva ao que se acaba de adherir tamén o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que vén de elaborar tamén unha análise sobre a situación real dos diferentes COF no país, deixando claro o desmantelamento que está a sufrir unha rede que cada vez conta con menos traballadores e menos medios para levar a cabo as súas funcións. A supresión de recursos no centro da Coruña provocou varias protestas sobre unha situación que se está a repetir tamén noutras zonas.

Os problemas son semellantes en todos os centros: falta de persoal e profesionais compartidos e con funcións alleas á súa especialidade

Os problemas son semellantes en todos os COF: falta de cobertura das prazas do equipo básico interdisciplinar, profesionais que teñen que compartir a actividade coa que realizan noutros dispositivos sanitarios ou mesmo traballadores cuxa función habitual non se adapta á solicitada. Todo isto mentres a consulta ordinaria de xinecoloxía non atende este tipo de demanda, excepto o exame de saúde xinecolóxico e en algúns casos anticoncepción, e cando os centros de saúde non son quen de prestar atención de saúde sexual e reprodutiva, agás excepcións, por falta de formación e recursos.

Así, a situación é cada vez máis crítica nos COF galegos. En Ferrol, mantense un equipo básico formado por unha administrativa, dúas enfermeiras (unha a tempo completo e outra a tempo parcial), unha auxiliar a tempo parcial, unha traballadora social e un psicólogo clínico. No entanto, e segundo detalla o Colexio Oficial de Psicoloxía, a xinecóloga vese obrigada a solicitar moitas baixas por un problema de saúde e é substituído por algún outro xinecólogo do hospital, o que provoca que cada vez teña menos axenda ante a falta de continuidade da prestación.

No COF de Compostela non hai persoal administrativo propio e no de Ourense compártense as matronas cun centro de saúde

Por outra banda, no COF de Compostela non hai persoal administrativo propio, xa que é compartido co centro de saúde, e non se atenden xa casos de esterilidade ou infertilidade. Ademais, tan só se fai instauración de método anticonceptivo, pero xa non se realizan as revisións xinecolóxicas de saúde. En Ourense as dúas matronas son compartidas co centro Nóvoa Santos, mentres que as xinecólogas altérnanse cada día, polo que pode haber xornadas en época de vacacións na que o COF quede sen este servizo. Ademais, o urólogo tan só atende entre unha e dúas horas á semana e podería ser suprimido, mentres que a parte médica da reprodución asistida lévase dende hai dous meses no CHUOU.

Nin en Lugo non hai traballadora social e o xinecólogo en Monforte tan só atende dous días á semana

En canto ao COF compartido no interior da provincia de Ourense, que cobre tres días á semana no Carballiño e dous días en Ribadavia, o Colexio Oficial de Psicoloxía destaca que o psicólogo clínico fai consulta un só día e que tanto a matrona como a traballadora social son compartidas co centro de saúde. En Lugo, por outra banda, nin tan sequera existe a figura da traballadora social, ao igual que en Monforte, onde tamén se vén de suprimir a praza de auxiliar de clínica. Neste mesmo COF, hai un xinecólogo dous días por semana pero a súa consulta é suspendida ante calquera problema xurdido no hospital.

Nos COF de Vigo e Pontevedra non se cubriron as prazas de dúas traballadoras sociais

En canto ao COF de Vigo, a maior cidade de Galicia, o equpo componse dun celador, dúas auxiliares administrativas, dúas enfermeiras, dous auxiliares de enfermería, dúas psicólogas clínicas e dous xinecólogos. Ata hai ben pouco contaba tamén entre o persoal con dúas traballadoras sociais, pero unha delas xubilouse e a súa praza non foi cuberta. Xa hai convocada unha concentración para o vindeiro 21 ante o COF de Coia. En Pontevedra, o xinecólogo pasa consulta tres días por semana e non se fai consulta de esterilidade nin reprodución asistida, ao tempo que a traballadora social continúa de baixa case ininterrompida desde hai un ano -sen posibilidade de substitución malia as demandas-, polo que "as tarefas de información, asesoramento e derivación a clínica das IVEs son realizadas no seu defecto polo psicólogo clínico".

O caso da Coruña, onde hai dous COF, é aínda máis complexo. O do Ventorrillo non ten persoal administrativo propio, que é compartido co centro de especialidades, e xa non hai ningún especialista de xinecoloxía no propio centro, logo de que a Administración decidise poñer unha xinecóloga unha tarde á semana, fóra das dependencias do propio COF e separada do resto do equipo.

A supresión do COF do Ventorrillo na Coruña provoca que o centro de Monte Alto teña que atender a 150.000 mulleres

Do centro de Monte Alto, no que traballa persoal do Concello e do Sergas, foi retirada a consulta de esterilidade e infertilidade e dende xaneiro deste ano, ao ter que asumir as xinecólogas deste centro as consultas de anticoncepción do outro, non se dan citas para as revisións xinecóloxicas das usuarias, que ata ese momento se facían cada tres anos. A supresión do COF do Ventorrillo provoca que máis de 150.000 mulleres teñan que ser atendidas no outro único centro da cidade.

 

"É un retroceso nas liberdades e na saúde das mulleres"

Tal e como lembra o Colexio Oficial de Psicoloxía e o propio manifesto, o COF é o "único lugar do sistema de saúde onde se trata a prevención de embarazos non desexados, a prevención de enfermidades de transmisión sexual, a problemática de saúde afectivosexual (disfuncións sexuais, problemática de parella, problemática psicolóxica derivada das agresións sexuais...)". Ademais, é o lugar onde se "proporciona apoio e formación para profesionais da Atención Primaria e onde se xestiona a demanda de interrupción voluntaria do embarazo".

"O desmantelamento dos COF, xunto con outras medidas legais que se están debatendo, como a posible reforma da Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo, están a producir un grave retroceso en relación aos dereitos e liberdades das persoas en xeral e á saúde das mulleres en particular", denuncia o Colexio, que advirte da pretensión do Goberno de "transformar unha atención integral nunha asistencial", trasladando o peso á Atención Primaria, así como "dispersar a atención de anticoncepción na rede sanitaria e suprimir as consultas de saúde afectivo-sexual, dificultar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo e favorecer as consultas privadas".

"É un grave retroceso nas garantías da sanidade pública e a vulneración de dereitos básicos de saúde"

"Os COF en Galicia van perdendo persoal e por tanto, tamén mingua a súa capacidade de intervención, correndo o risco de desaparecer en si mesmos, co que a atención, a protección e a promoción da saúde sexual no ámbito público quedaría totalmente desatendida", insiste, tras lembrar que os servizos de Atención Primaria "demóstranse xa insuficientes", e máis aínda sen equipos de apoio como os COF. "Este abandono supón un grave retroceso nas garantías da sanidade pública e a vulneración de dereitos básicos de saúde, dos que a saúde sexual, reprodutiva e afectiva forma parte indiscutible da saúde integral das persoas", remata.

Manifestación contra o peche do COF do Ventorrillo Dominio Público @15Mmontealto
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.