A enquisa publicada polo IGE este venres ofrecía un amplo abano de datos sobre os usos lingüísticos dos cidadáns e cidadás, os máis deles moi negativos para a lingua galega, que mantén a súa tendencia decrecente de falantes habituais en case todos os grupos e ámbitos, aínda que estabiliza a redución de falante monolingües. Entre todos os datos os máis preocupantes, polo impacto que poden ter nas vindeiras décadas, son os referidos á mocidade, onde se mantén unha tendencia de perda de falantes, cunha caída moi importante entre os e as menores de 15 anos. De feito, tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. O galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos.
Segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, os datos que revela o estudo do IGE son "o resultado de anos de incumprimentos e ataques ao galego por quen ten a obriga legal de defendelo"
Segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, os datos que revela o estudo do IGE son "o reflexo da situación na que se atopa a lingua na sociedade" e "o resultado de anos de incumprimentos e ataques ao galego por quen ten a obriga legal de defendelo". A Mesa responsabiliza deste escenario á política lingüística aplicada, "consistente en ter un certo corpo legal que despois non se aplica". A entidade sinala que "para que o galego reverdeza precisamos compromisos e accións reais non patadas". De igual xeito, onte Prolingua salientaba no seu twitter, entre todas as informacións que achegaba a enquisa, a caída de once puntos (de 26% ao 15%) dos galegofalantes habituais entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos nos últimos cinco anos.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, destaca que "mentres a sociedade demanda contidos e oferta en galego, por exemplo nos medios de comunicación, na práctica non o pode ter porque hai un absoluto desamparo por parte das administacións públicas". Maceira esíxelle ao Goberno "regresar ao consenso lingüístico, reflectido no plan xeral de normalización, que inclúe medidas concretas, que poden axudar a mellorar a situación se hai vontade real por parte do Executivo, e que poden servir para recuperar os espazos que lle corresponden por ser a lingua propia do país"
O 47,09% declara falar só en castelán, cun incremento espectacular con respecto aos datos de 2008 (29,59%). Tamén é notable o incremento dos monolingües en castelán na franxa de idade seguinte, dos 15 aos 29 anos, na que pasan de representar o 25,47% a ser o 33,64%. Divididos os entrevistados en dous bloques, pódese afirmar que tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos (63,87%) e quince máis que hai unha década (59,67%). Na franxa seguinte, a evolución é semellante: O 63,3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e os 29 anos son castelanfalantes, fronte ao 57,07% de 2008 e ao 54,27% de 2003. Na capa de idade seguinte (de 30 a 49 anos) as porcentaxes iguálanse algo máis, pero de novo o galego perde terreo: 56,04% de castelanfalantes, 43,97% de galegofalantes, que hai dez anos eran clara maioría (56,8%). O galego mantense unicamente como lingua predominante entre os 50 e os 64 anos (59,64%) e nos maiores de 65 anos (73,82%).
Pontevedra é o territorio onde o galego retrocedeu máis entre a mocidade. Alí, tan só o 15,07% dos rapaces e rapazas di falar habitualmente en galego
Podemos afondar algo máis nestes datos. Por provincias, confírmase que Pontevedra é o territorio onde o galego retrocedeu máis entre a mocidade. Alí, tan só o 15,07% dos rapaces e rapazas di falar habitualmente en galego, dez puntos por debaixo da media galega e cun forte descenso dende o 27,61% de hai cinco anos. A Coruña (25,33%) sitúase nos valores medios, e Lugo (50,67%) e Ourense (35,59%) manteñen cifras de galegofalantes entre a infancia e a adolescencia aínda elevados. Iso si, con caídas de 9 puntos na provincia lucense e de 13 na ourensá. Na franxa de idade seguinte, a que vai dos 15 aos 29 anos, de novo Pontevedra presenta os peores rexistros de galegofalantes (27,14%), nove puntos por debaixo da media. Na Coruña a cifra chega ao 38,6% e en Ourense (45,29%) e Lugo (52,67%) os valores son máis elevados.
Hai dez anos o 66,35% das persoas entre 5 e 30 anos dicían falar "moi ben" o galego, hoxe esa porcentaxe é trece puntos menor (53,07%)
Habitualmente, neste tipo de estudos as preguntas referidas ao grao de coñecemento da lingua teñen menos importancia que as que atinxen ao seu uso. O problema do galego non é de aptitudes senón de hábitos, e unha inmensa maioría dos cidadáns e cidadás afirma enteder o idioma e tamén pode falalo. Porén, nas enquisas comeza a crecer a importancia dun grupo de persoas, sobre todo entre a mocidade, que afirma que non sabe falar en galego ou que o sabe falar "pouco". É o caso do 15,7% das persoas de menos de 30 anos, unha proporción que se incrementou nun 50% dende o 2003 (10,74%) e que supera á que atopa nas restantes franxas de idade. De igual xeito, se hai dez anos o 66,35% das persoas entre 5 e 30 anos dicían falar "moi ben" o galego, hoxe esa porcentaxe é trece puntos menor (53,07%).
Tan só ao 27,1% dos rapaces que teñen entre 5 e 14 ano lles falan en galego (de forma exclusiva ou maioritaria), fronte a un 60,07% que lles falan en castelán
Outro dato que podemos sinalar é o do hábito de, nunha conversa, responderlle ao interlocutor ou interlocutora na lingua que unha persoa fala habitualmente ou adecuarse á lingua da outra persoa. O 61,23% das persoas adoitan responder na lingua na que o outro lle fala, unha porcentaxe que non variou en conxunto nos últimos cinco anos, pero que si o fai entre a mocidade. Se en 2008 o 48% dos menores de 15 anos se adecuaba a lingua da persoa que lles falaba, hoxe só o fai o 42%, mantendo case seis de cada dez a súa lingua habitual, maioritariamente o castelán.
E en que lingua lles falan os pais e nais aos seus nenos e nenas? A enquisa do IGE dinos que entre os rapaces que agora teñen entre 5 e 14 anos, tan só ao 27,1% lles falan en galego (de forma exclusiva ou maioritaria), fronte a un 60,07% que lles falan en castelán. A realidade era distinta hai dez anos: na enquisa de 2003 o 44,75% dos pais e nais lles falaba en galego aos seus fillos e fillas, 17 puntos máis que na actualidade, e un 53,95% lles falaba en castelán.