O Encontro Europeo da Marcha Mundial das Mulleres denuncia dende Vigo o trato da UE ás persoas refuxiadas

Presentación do Encontro, a pasada semana en Vigo © Marcha Mundial das Mulleres

Entre o venres e o domingo Vigo acolleu o Encontro da Coordinación Europea da Marcha Mundial das Mulleres (MMM), que se pechou coa aprobación dunha Declaración final e a escolla dun novo Secretariado, formado por representantes de Galicia, Portugal, Kurdistán, Turquía e Francia. Os debates, nos que se fixo un apelo "á construción doutro mundo e doutra Europa que coloque a vida no centro fronte á devastación do capitalismo", serviron para definir a axenda feminista do movemento para os vindeiros anos. 

A MMM declara a súa "repulsa á política europea en relación coa crise de refuxiadas" e esixe "que se poña fin á guerra, que se abran as fronteiras, que se garanta o pase seguro"

No documento aprobado, a Marcha Mundial das Mulleres declara a súa "repulsa á política europea en relación coa crise de refuxiadas" e esixe "que se poña fin á guerra, que se abran as fronteiras, que se garanta o pase seguro, que se eliminen as cotas e que se acollan todas as refuxiadas políticas e económicas". Así mesmo, denuncia "a complicidade da UE, que a través dos seus estados membros vende armas, financia a desestabilización da zona e aprovéitase dos recursos naturais". Expresa ademais a "solidariedade coas mulleres kurdas e o seu pobo que resisten aos ataques criminais tanto do Daesh como do Estado turco", facendo fincapé das militantes da Marcha Mundial das Mulleres que, como Seve Demir, foron asasinadas ou encarceradas. 

A Marcha alerta da "chantaxe" que "o Banco Central Europeo, o FMI e a Comisión Europea exercen cara aos diferentes países, especialmente Grecia, Portugal e o Estado Español, en nome da austeridade promovendo políticas que degradan a vida das mulleres e os seus pobos". E advirte "da crise ambiental provocada polo capitalismo depredador e o espolio de recursos naturais ao longo do planeta levado a cabo polas empresas transnacionais". 

Manifesta, así mesmo, a "rabia" fronte "ás violencias, a persecución, a deportación, a criminalización e os asasinatos que sufrimos as mulleres activistas na defensa dos nosos dereitos e a sustentabilidade da vida". E non se esquece de sinalar a súa preocupación polo "avance da extrema dereita que pon en perigo as democracias no mundo, como acabamos de comprobar no Brasil co golpe de estado capitalista, machista e racista".

 

Alerta polas refuxiadas e o Kurdistán

Fortes críticas a Turquía, "un goberno criminal que iniciou una guerra contra a esquerda social e as mulleres e homes kurdos empregando para isto na maioría dos casos accións criminais e terrorismo"

A situación das mulleres kurdas foi un dos temas que centraron os debates destes días en Vigo, o mesmo que a situación que viven decenas de miles de persoas refuxiadas, tamén coa guerra en Siria de fondo. Yildiz Temürtürkan, integrante do Secretariado Europeo e do Comité Internacional, denunciou o Executivo de Erdogan, "un goberno criminal que iniciou una guerra contra a esquerda social e as mulleres e homes kurdos empregando para isto na maioría dos casos accións criminais e terrorismo". Yildiz explicou que 250.000 persoas foron desprazadas pola guerra no Kurdistán, e que hai toque de queda e una forte represión "que provoca a falta de recursos e alimentación e mesmo o illamento informativo e internacional". Yildiz Termürtürkan lembrou tamén que tres das compañeiras kurdas que organizaron a Caravana internacional do pasado ano foron asasinadas este inverno por saltar un toque de queda, sinalando que “elas son hoxe un motivo máis para a loita do noso movemento feminista”. Outras 40 mulleres da guerrilla kurda foron asasinadas e expostas publicamente núas nun acto atroz do exército turco, sinalou.

A MMM alerta da situación das refuxiadas: “Hai moitas mulleres novas viaxando soas, expostas a todo tipo de agresións"

Tika Voula, da coordinadora grega da Marcha Mundial das Mulleres, expresou a solidariedade das gregas coas refuxiadas, nomeadamente coa situación das persoas en Idomeni. Tika Voila lembrou que “hai moitas mulleres novas viaxando soas, expostas a todo tipo de agresións, do mesmo xeito que as crianzas retidas en estancias policías ou abandonadas á súa sorte en territorio europeo. Precisamos organizar accións conxuntas para denunciar esta situación e presionar para una solución”. “Nos últimos meses abrimos as casas das mulleres e construímos hospitais nas nosas casas para acoller as refuxiadas e para atender ás mulleres ás crianzas ás que Europa non quere mentres o goberno grego colabora coa expulsión das refuxiadas e as envía a una Turquía gobernada por un criminal de guerra", engadiu.

Presentación do Encontro, a pasada semana en Vigo © Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.