O encontro europeo de medios comunitarios xa quenta motores

O encontro celebrarase na sede de Normal Dominio Público Praza Pública

Falta unha semana. Representantes de medios comunitarios de toda Europa reuniranse na Coruña do 11 ao 13 de abril no Encontro Europeo de Medios do Terceiro Sector, unha cita que acollerá o edificio de Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. O evento está organizado pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que agrupa 40 medios do Estado Español, e que en paralelo coa cita europea tamén celebrará na Coruña a súa asemblea xeral. Ademais, tamén o Consello Europeo da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) celebrará a súa primeira reunión anual na cidade herculina nestas datas.

O Encontro vai quentando motores e nos últimos días presentou as aplicacións móbiles (tanto para dispositivos de Apple coma para sistemas operativos Android) que ofrecerán completa información sobre os contidos das xornadas e os debates que alí se produzan, así coma outros elementos de interese para os e as participantes.

O Encontro vai quentando motores e nos últimos días presentou as aplicacións móbiles que ofrecerán completa información sobre os contidos das xornadas

Participarán radios e televisións impulsadas pola sociedade de Francia, España, Austria, Dinamarca, Noruega, Irlanda, Suíza, Finlandia, Alemaña e Finlandia. Concorrerán representantes das principais redes europeas, coma o SNRL francés, a CRAOL de Irlanda, a Närradions Riksorganisation de Suecia, a Verband Freier Radios Österreich -VFRÖ de Austria, a Bundesverband Freier Radios de Alemaña, a UNIKOM Union nichtkommerzorientierter Lokalradios de Suiza, a Sammenslutningen Af Medier i Lokalsamfundet – SAML de Dinamarca, a Turun Lähiradioyhdistys ry de Finlandia ou a Norsk Lokalradioforbund de Noruega, entre outras. Tan só estas redes representan 1.104 medios comunitarios.

E dende distintos puntos de España está xa confirmada a presenza de Ión Radio (Madrid), Radio Ronkudo (Corme), Komunikatuz (Bilbao), Eco Leganés (Leganés), Onda Color (Málaga), Onda Merlín Comunitaria (Villaverde, Madrid), Onda Polígono (Toledo), Radio Ritmo (Getafe), Radio Almenara (Madrid), Unión de Radios Comunitarias de Madrid, Radio Vallekas (Madrid), Radio Enlace (Madrid), Radiópolis (Sevilla), Radio Kras (Xixón), Radio Televisió de Cardedeu (CArdedeu, Barcelona), Siberia FM (Gasteiz), Radio Guiniguada (Las Palmas de Gran Canaria), Nosotras en el Mundo (Madrid), Federación Española de Sindicatos de Periodistas (FESP), ademais da coruñesa Cuac FM. 

 

Debates e obradoiros

O evento concíbese como unha xornada de intercambio de experiencias e aprendizaxe na que os participantes

O evento concíbese como unha xornada de intercambio de experiencias e aprendizaxe na que os participantes se poñen ao corrente das innovacións, os avances e as problemáticas que afectan á súa actividade, neste caso aos medios de comunicación social. O Encontro programa unha serie de obradoiros, moderados e coordinados por algúns dos responsables dos medios comunitarios participantes, todo co obxectivo de mellorar o funcionamento, a incidencia e o impacto destes medios nacidos dende abaixo. Haberá, por exemplo, un Obradoiro de Xénero, dinamizado pola Comisión de Mulleres da ReMC, un Obradoiro de Formación, un Obradoiro de Incidencia, que analizará as estratexias para conseguir unha maior incidencia social desde os medios comunitarios. Igualmente, celebrarase un Obradoiro de Trello, unha aplicación gratuíta que axuda a organizar o traballo, un Obradoiro de Facilitación, un Obradoiro de Xornalismo e un Obradoiro de Financiamento Europeo, dinamizado por Sally Galiana e Agus Hernán (AMARC-Europa).

Mikel Estarrona (Tas Tas Irratia, de Bilbao), relator do obradoiro sobre Incidencia Social, destaca que "a miña intención é que, como mínimo, a xente que participe salga de alí con ganas de facer o posible para que a súa radio ou a súa tele, busquen a incidencia social. Que saiban que para lograr iso hai que tomar determinadas decisións e esquecerse doutras (non porque sexan boas e malas, senón porque son as que serven ou non serven para o que queremos facer) e que, referíndome a cidades medias ou grandes, querer cambiar as cousas implica disputar o espazo radioeléctrico co resto de medios de comunicación, con todo o que iso implica". Alejandro Branco (Onda Color, de Málaga), responsable do obradoiro de Formación, sinala que "entre todos os participantes imos construír unha proposta para orientar os medios comunitarios sobre que tipo de formación se debería dar cando chegas a un medio comunitario e durante a túa estancia nel. Non só para facer contidos, senón para participar na súa xestión, coñecer a súa historia, funcionamento... Ensinarei tanto como aprenderei. Ogallá o resto de xente tamén senta o mesmo". 

Pola súa banda, Miriam Meda (presidenta da Rede de Medios Comunitarios), coordinadora do obradoiro de Xornalismo, entende "o xornalismo ben exercido como un dos garantes da democracia" e di esperar "que algún día non moi afastado a comunicación social e alternativa sexa recoñecida como se merece". Finalmente, David Molina (RTV Cardedeu), que dirixirá o obradoiro de Trello, afirma que "hoxe en día estamos rodeados de tarefas que moitas veces custa controlar á vez. No caso dunha radio ou unha televisión a xestión de tarefas pódese agravar aínda moito máis xa que normalmente hai moita xente implicada. Grazas á aparición de plataformas de xestión de tarefas como Trello, esta organización das diferentes tarefas dun medio de comunicación pode chegar a ser fácil, rápida e sinxela".

O encontro celebrarase na sede de Normal Dominio Público Praza Pública
Alejandro Blanco, presidente da radio comunitaria malagueña Onda Color Dominio Público Praza Pública
Fer Liñares (Cuac FM) impartira xunto con Bea Ulalume o Mónica Alonso o obradoiro de 'radioficción' Dominio Público Praza Pública
Imaxe promocional do encontro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.