O Encontro Social de Ferrolterra debate o seu futuro

Logo do Encontro Social de Ferrolterra Dominio Público Praza Pública

O Encontro Social de Ferrolterra, nacido hai dous anos, celebra este sábado unha asemblea deliberativa na que as entidades e persoas que compoñen esta plataforma farán balance da actividade desta iniciativa e debaterán cal debe ser a súa actuación no futuro. O encontro terá lugar no Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena 202) a partir das seis da tarde, e nel os e as participantes buscarán responder preguntas sobre "Que entendíamos cada quen que era o Encontro e a Rede?", "Que foi o Encontro e a Rede neste período?" e "Que aprendemos?". E, de igual xeito, mirarán cara adiante debatendo "Que deberá ser o Encontro e a Rede de aquí en diante?" e "Que teremos que facer para conseguilo?".

O Encontro Social de Ferrol Terra constituíuse o 27 de decembro de 2011, precedido dun proceso no que foi fundamental o nacemento do movemento de indignación en maio dese ano

O Encontro Social de Ferrolterra constituíuse o 27 de decembro de 2011, precedido dun proceso no que foi fundamental o nacemento do movemento de indignación en maio dese ano. Meses máis tarde, o 23, 24 e 25 de setembro de 2011, tiña lugar o primeiro Foro Social de Ferrolterra, unha sección local do Foro Social Mundial e irmán do Foro Social Galego, que se realizou cos obxectivos de “fomentar diálogos, propiciar dinámicas de colaboración, criar alternativas e redes para a acción local”.

O Consello Local deste Foro Social de Ferrolterra estaba integrado pola Marcha Mundial das Mulleres, A.C. Fuco Buxán; Colectivo Ártabra 21, Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Foro Galego de Inmigración, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia, Colectivo OPAII (Ondas Para Activación Información Independente - Rádio Filispim), Asociación Veciñal de Esteiro, Rede de Converxencia Social 'Praza Pública' e varias persoas a nivel individual. En paralelo, celebrouse en Teo o 5 de novembro de 2011 unha xuntanza encamiñada a formar o I Encontro Social Galego, ao que acudiron varias persoas do devandito Consello Local.

Para poñer en práctica o aprendido no Foro Social de Ferrolterra, "tanto durante o proceso de preparación como neses tres días intensos nos que se desenvolveu o Foro", decídese convocar un Encontro Social de Ferrolterra onde se sintetizara o aprendido do Movemento 15M e do altermundismo. Dende a súa constitución en decembro de 2011 até a súa derradeira asemblea (celebrada en maio de 2013) celebráronse 21 asembleas ordinarias e unha Asemblea Extraordinaria en dúas sesións o 24 de xaneiro e 5 de febreiro de 2013, centrada en "A situación da comarca: diagnose e alternativas".

Pretendíase a constitución dun Encontro Social (de persoas e organizacións), que debatera, reflexionara e organizara unha resposta unitaria ás políticas neoliberais, de recortes sociais e perda de dereitos, cunha acción en positivo: tecendo unha rede de apoio mutuo

Pretendíase a constitución dun Encontro Social (de persoas e organizacións), que debatera, reflexionara e organizara unha resposta unitaria ás políticas neoliberais, de recortes sociais e perda de dereitos, cunha acción en positivo: tecendo unha rede de apoio mutuo, da que é mostra a actividade de Arméria Soc. Coop. Galega, un banco de tempo, unha tenda de troco, STOP-Desafiuzamentos, Asemblea Sen Papeis ou hortas comunitarias.

Tratábase "de poñer os alicerces da construción social, da construción dos contrapoderes que nos axudaran a saír do capitalismo, unha construción social alternativa real e pedagóxica". Neste tempo, destacan, "aprendemos practicas e conceptos como: horizontalidade, solidariedade, autoxestión, cooperación, asemblea, complementariedade, reciprocidade, portas abertas, democracia, axuda mutua". Pero tamén "houbo confrontación e actuacións que axudaron a fraccionar e paralizar. Intereses particulares, individualistas e de facción, alienación social e actitudes destrutivas crearon un conflito que freou o proceso de construción do Encontro Social, nun momento de relentización, relaxación e cansazo d@s activistas sociais".

Logo do Encontro Social de Ferrolterra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.