O esforzo solidario dos obreiros por reflotar a súa empresa

Manifestación dos traballadores de Privilege CC-BY CIG

Unha unión solidaria para salvar a empresa e os postos de traballo. Iso é o que están a facer os antigos operarios de Privilege, factoría de taboleiros de pedra de Narón, que loitan polo seu futuro co obxectivo de facerse coa compañía que hai ano se declarou en quebra. Estes 45 obreiros pelexan por quedar con ela e por ser eles mesmos empregados e xestores. Unha solución colectiva ante unha crise que xa os empurraba ao paro, como a tantos outros.

A quebra da empresa animou a 45 obreiros a facerse coa empresa e manter os postos de traballo

Os que foran empregados desta firma de Ferrolterra impugnaron hai tan só uns días a poxa notarial da súa fábrica e as bases do concurso, logo de que non se tivese en conta a creación de emprego que propoñen. Este mesmo venres, presentarán o recurso ante os xulgados co que pretenden que se teñan en conta outros factores no baremo. "Queda en manos do xuíz decidir agora se adxudica a compañía a calquera das dúas ofertas ou se a poxa se efectúa como cremos que se debe facer, con outras bases, tendo en conta o mantemento dos postos de traballo e non a alternativa, que é a de liquidar a empresa e levar todo fóra", aclara Francisco Zurita, voceiro do comité de empresa.

Nesa poxa, o grupo de 45 obreiros -dos 77 que conformaban a fábrica- loitan por facerse coa planta contra Poliver, conformada polos herdeiros do grupo italiano Quarella, o accionista maioritario (60%) da empresa, que obtivo cuantiosas axudas públicas pero que acabou por declararse en quebra hai un ano. A oferta de Seaquarz é de 2,6 millóns, fronte a de 6 dos antigos donos, pero a sospeita do comité de empresa é que o grupo empresarial conta con desmontar a fábrica, levar a maquinaria a Italia e reactivar alí a produción. Os traballadores, pola contra, pretenden seguir coa actividade en Narón e manter 45 empregos.

O accionista maioritario solicitou hai xa perto dun ano o concurso de acredores, feito polo cal os empregados non queren que se faga coa totalidade de Privilege. Para logralo, contan co apoio da oposición no Parlamento galego, pero tamén coa do Concello de Narón, cuxa corporación xa advertiu o seu apoio "incondicional" ao plan do cadro de persoal, prometendo facer "todo o posible" para manter a fábrica.

Os traballadores agardan que a Xunta cumpra a súa promesa e colabore con 2,5 millóns a través de créditos participativos

Agardan tamén que a Xunta, que conta co 40% do accionariado, cumpra as súas promesas e colabore co proxecto cos 2,5 millóns que anunciara, 1,5 de crédito participativo a través Xesgalicia e outro millón avalado polo Igape. "Prometéronnos axuda en varias ocasións e o anterior conselleiro de Economía, Javier Guerra, comprometérase con nós; teñen toda a información no seu poder, incluído o plan financeiro", aclara Zurita.

De feito, foi o propio Javier Guerra o que lles propuxo aos traballadores facerse coa empresa para manter a actividade e os postos de traballo. A Xunta procurara un comprador pero, pola razón que fose, non conseguiu ningún. "O interese pola nosa parte xurdiu cando comprobamos que a idea que tiña a empresa era abandonalo todo", conta Zurita, que lembra as primeiras reunións entre os compañeiros para buscar alternativa.

Os operarios dedicarán as súas indemnizacións por despido ao capital da nova empresa

Comezaron a traballar na iniciativa, sabendo que o feito de que todos os implicados tivesen experiencia na actividade e na empresa podía poñer as cousas máis fáciles. Pero facían falta cartos. Bastantes cartos. O seu primeiro capital será o das indemnizacións dos 45 traballadores, que irán destinadas integramente á futura compañía. "É unha forma distinta e bonita de atopar solucións", conta Zurita, que cre que é ilusionante "apostar por unha compañía e un proxecto traballando entre todos en lugar de quedar na casa cobrando o paro".

"É bonito e diferente; apostamos por un proxecto traballando entre todos en lugar de quedar na casa cobrando o paro"

O risco existe, pero a súa experiencia e os seus contactos semellan garantirlles emprego e unha carteira de clientes na que levan tempo traballando. A empresa Privilege está situada no polígono naronés das Lagoas desde 1991 e chegou a ter cen persoas empregadas. O 60% das súas accións pertencen a Quarella e o 40% que queda é público, coa participación de Xesgalicia (20%) e Sepides (20%). A planta fabrica aglomerado de pedra para cociñas, ademais doutros usos.

Manifestación dos traballadores de Privilege CC-BY CIG
Planta de Privilege en Narón © Concello de Narón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.