O Estado cobra case 600 euros por cada multa en manifestacións galegas

Os antidisturbios rodean unha protesta ante a Reitoría da USC CC-BY-SA Praza Pública

Case 28.000 euros. É o que o Goberno de España ten previsto ingresar polas multas impostas polas forzas de seguridade en manifestacións celebradas en Galicia durante o ano 2013. Os deputados do PSOE Antonio Trevín e Guillermo Meijón veñen de recibir a resposta á pregunta que lle formularan ao gabinete que preside Mariano Rajoy para coñecer o número de expedientes sancionadores incoados en territorio galego durante o pasado ano vinculados á vixente lei de seguridade cidadá "en relación co exercicio do dereito de reunión e manifestación", así como as sancións que derivaron destes, que ascenden a case medio cento.

Segundo os datos facilitados aos socialistas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do pasado ano foron iniciados 61 expedientes ao abeiro desta lei. Nun ano especialmente conflitivo por protestas como as das persoas estafadas polas participacións preferentes os picos de sancións chegaron nos meses de xuño e agosto, con cadanseus 13 expedientes. Por tras está febreiro, con 9 e marzo, con 6. Só en dous meses do ano, outubro e decembro, non está rexistrado ningún destes expedeientes, a maioría dos cales, 47, remataron por converterse en sanción.

Dos 61 expedientes abertos 47 remataron en sanción

Con estes datos na man e sabendo que unicamente un destes expedientes foi suspendido "por ser obxecto de instrución penal" é posible coñecer que a contía media que a cidadanía ten que afrontar por estas multas é de case 600 euros, nomeadamente de 592, unha cifra que o Ministerio do Interior prevé incrementar moi notablemente no caso de que saia adiante sen modificacións o actual proxecto de Lei de Seguridade Cidadá.

Táboa incluída na resposta parlamentaria recibida polo PSOE

O Goberno central asegura que "non se sancionou cidadáns por exercer un dereito fundamental"

Ademais de ofrecer os datos o Goberno de España "fai constar" que "se trata de sancións impostas, non sancións abonadas", unha salvidade que impide coñecer con exactitude os cartos recadados, cantidade sobre a que só é posible realizar estimacións baseadas sobre a devandita "media da contía imposta nas catro provincias". Na mesma resposta o departamento que dirixe Jorge Fernández Díaz asegura que "é necesario destacar que non se sancionou cidadáns por exercer un dereito fundamental, recoñecido constitucionalmente". "O que se sancionou -aseguran- foron feitos que constitúen infraccións tipificadas polas leis vixentes, independentemente do contexto no que se produzan", polo que, segundo o Goberno, o feito de que as sancións se producisen en protestas cidadáns é indiferente.

Os antidisturbios rodean unha protesta ante a Reitoría da USC CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.