O Estado endurecerá a ofensiva contra os emigrantes pensionistas dende xaneiro

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

As sancións aos pensionistas emigrados van camiño de se converter nas novas preferentes galegas. Se non o son xa. Nin as peticións da oposición nin a loita das numerosas plataformas de afectados creadas por toda Galicia parecen mellorar a situación. Bastantes máis de 20.000 xubilados foron sancionados por non ter tributado polas pensións cobradas no estranxeiro desde 2008. Aplicánselles multas, pero tamén se lles reclaman intereses de demora ao poñerse ao día cunhas declaracións que, segundo denuncian os colectivos, nunca lles advertiron de facer. Nin desde España nin desde os diferentes países aos que agora o Estado pide datos para continuar coa campaña iniciada desde hai meses.

A Axencia Tributaria prevé endurecer a campaña a partir de 2014, polo que se multiplicará o número de afectados

As últimas conversas mantidas entre a Axencia Tributaria e plataformas de afectados non son esperanzadoras. "Isto só é o principio da campaña; xa advertiron de que en xaneiro de 2014 terán o groso da información que están a intercambiar con diferentes gobernos, tanto da UE como do resto do mundo e será daquela cando os afectados se multipliquen", explica unha das persoas presentes nesa reunión. Os case 4 millóns de euros recadados por Facenda en Galicia a través desta medida é unha migalla comparada coa intención do Goberno central.

O Executivo espallará para daquela os requirimentos a todos os exercicios desde 2008 e a países de América -como Arxentina, o Brasil ou o Uruguai- cunha grande presenza de emigrantes. Xa que logo, os datos dados pola oposición, que fala de que o número de afectados pode chegar aos 200.000 no país, se cadra non quedan curtos. Mentres, as sancións seguen chegando, fundamentalmente para as pensións de estados como Francia, Holanda, Bélxica ou Inglaterra, "os máis proclives" a facilitar os datos a España, segundo aclara Lionel Rexes, voceiro da plataforma de afectados da Mariña. Tamén de Suíza, máis reacio, ou de Alemaña, territorio onde cada caso é un mundo, dependendo do länder onde se traballase ou do tempo que se botase no país.

Facenda está a aceptar alegacións, pero recorrer implica renunciar aos descontos e arriscarse a pagar máis

A sanción media para cada emigrante, en todo caso, é difícil de calcular. Hai casos que superan os 15.000 euros entre os intereses de demora, a declaración correspondente e a multa, que adoita ser da metade do que toque a declarar en cada exercicio e que van desde os 100 euros ata os 750. No entanto, hai bonificacións do 30% e posterior do 25% no caso de pagar en prazo. E aí reside outro dos problemas. A Axencia Tributaria está a aceptar as alegacións dalgúns pensionistas, pero recorrer implica renunciar a esas bonificacións e arriscarse a ter que pagar a contía completa. "Por iso moitos deciden non presentar recurso aínda que agora o esteamos recomendando; todo o mundo quere pagar o menos posible", relata Maruchi Álvarez, voceira da plataforma do Morrazo.

Incluso, como denuncia Álvarez, Facenda está a enviar agora "notificacións de recargo" (sancións) a aqueles afectados que, malia ter presentado voluntariamente a declaración para regularizar os pagos, fixérono fora de prazo. "Están penalizando os que queren poñer todo en regra", insiste. Desde a plataforma da Mariña alertan tamén de persoas pensando en renunciar a certas pensións mínimas do estranxeiro porque "lles sae máis barato renunciar que declarar algunhas cantidades". Casos de emigrantes retornados que reciben 30 ou 40 euros, unhas cifras que Lionel Rexes considera "bonificacións e non pensións". "Xa houbo quen nos dixo que, de non ser pola idade, volverían á emigración porque lles é moito máis barato tributar alí que aquí", insiste. "Os nosos emigrantes séntense estranxeiros na súa propia patria", sentencia.

Pensionistas son multados agora por regularizar a súa situación fóra de prazo

Os afectados insisten en que estan a ser tratados "como delincuentes e defraudadores" xusto desde o mesmo momento no que o Goberno de Rajoy decidiu aplicar unha amnistía fiscal "para os verdadeiros delincuentes e defraudadores profesionais". Lembran tamén que a modificación lexislativa que permite levar a cabo esta campaña de recadación leva vixente desde 2006, "pero a Axencia Tributaria agardou até agora para enviar os requirimentos, aplicando así uns intereses de demora máis grandes.

"Temos claro que hai que pagar e pedimos que se aplique a norma a partir de agora, pero non imos desistir das nosas reivindicacións nin resignarnos a ser tratados como delincuentes mentres aos de verdade se lles aplica unha amnistía", engade Rexes, que, como todos os afectados e plataformas insiste en que "non houbo mala intención" por parte dos emigrantes, que ademais na maioría dos casos "ou non foron informados ou foron informados erroneamente de que non tiñan que declarar polas súas pensións no estranxeiro".

Os afectados denuncian que a modificación lexislativa que permite as sancións está vixente desde 2006, pero que non se aplicou até agora

 

Facenda e o Executivo non ceden

O Goberno, tamén en palabras do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, xa advertiu de que aplicaría a lei e a Axencia Tributaria comunica aos afectados que non hai marcha atrás. Tan só acceden a conceder prazos máis flexibles para o pagamento logo de analizar "caso por caso". Ademais, todos os grupos da Cámara galega solicitaron ao Goberno de España que regularice a situación dos pensionistas, sen consideralos defraudadores fiscais, que se lles informe axeitadamente das súas obrigas, que se habiliten períodos de pagos máis amplos e que se exima do pagamento de sancións e intereses de demora a aqueles pensionistas que regularicen a súa situación fiscal. Non hai tal.

Os afectados, agrupados agora en varias plataformas que se seguen a formar por todo o país, insisten en rexeitar as sancións, a aplicación con carácter retroactivo da lei e a aplicación de intereses de demora. Reclaman que se lle devolvan os cartos aos sancionados que xa fixeron fronte ás multas e que se modifique a normativa para deixar claro aos afectados as súas obrigas. Desde logo, como insisten en aclarar, afrontarán os pagos de agora en diante, pero non entenden que "mentres se aplican amnistías a delincuentes" se obrigue o pago aos que en maioría son xente humilde, xubilada e con escasos recursos. PSdeG, BNG e AGE piden que se "pechen" de vez os expedientes sancionadores abertos.

O argumento de Facenda para esta campaña é clara. O límite xeral para evitar facer a declaración sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día, ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista. Os afectados insisten en que nunca foron informados sobre o obrigatoriedade de realizar a declaración e que incluso foron advertidos, tanto por parte da Administración estatal como por outras doutros países europeos, de que non tiñan por que declarar o subsidio.Incluso, no caso de Alemaña,  hai acordos bilaterais entre estados que deixaría exento do pago aos emigrantes no país xermano. No entanto, Facenda non cede. No fondo, os afectados ven o interese do Estado en aproveitar esta campaña para recadar de maneira doada unha elevada cantidade de cartos en plena crise económica. A costa dos emigrantes retornados.

Reivindicación dos emigrantes pensionistas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.